31/08/06

James Kochalka en internet

Aínda non comprendo a pouco transcendencia que de momento tivo a obra de James Kochalka no noso país. Nas Xornadas de Ourense coñecémolo dende hai tempo (publicouse unha historia súa no Fanzine das Xornadas n.º 7, alá polo 2000), e en Portugal Ediçoes Polvo e Quadrado foron editando regularmente a maioría da súa producción, mais a maioría de lectores españois só lle terán visto a breve escolma de páxinas de Magic Boy que Dolmen sacou hai un par de meses na colección dirixida por Ricardo Mena.
Todos aqueles aos que aínda non lles sona moito o nome de Kochalka, deberían visitar con asiduidade American Elf, a súa páxina web, na que regularmente vai pendurando fragmentos do seu diario en BD, o cal estase a converter na súa magna opus por moitos motivos.
Un bo día, en outubro de 1998, Kochalka decidiu comezar un diario en forma de tira cómica. A súa intención era debuxar cada día unha pequena anécdota que lle tivese acontecido nunhas catro viñetas. O autor tentaba capturar a esencia da vida monótona e cotiá, o ritmo da existencia diaria; por iso retratábase en situacións tales como comendo, durmindo, falando coa súa parella, mexando ou duchándose, pensando... Moitas veces as súas tiras non tiñan estructura narrativa nin sentido, tan só eran sensacións ou momentos atrapados ad hoc; pero é que a vida real tampouco ten principio, nó e desenlace, e é incriblemente repetitiva.
O paso do tempo fixo que o seu sketchbook diary fose gañando en consistencia. As tiras por separado poden ter máis ou menos graza, pero lidas un bo feixe delas en secuencia é cando amosan a maxia inherente á existencia, a felicidade dos pequenos momentos, pode que ata incluso o sentido da vida. Como diría o propio autor, "Os meus diarios son a miña única esperanza de que todo teña un sentido. Definen quen son eu e cal é o meu sitio neste mundo. Sen eles estaría perdido".
Tras oito anos de constancia neste proxecto, o diario de Kochalka chegou a un punto de retroalimentación imparábel. O embarazo de súa muller, o nacemento de seu fillo, a súa carreira profesional... todo quedou reflectido nesta obra que está a piques de chegar ás 3000 páxinas. Un traballo que influenzou a unha morea de xoves comiqueiros indies americanos que tamén están a debuxar os seus diarios en BD co propósito de velos publicados. Outro día falaremos dalgún destes 'alumnos' (de entre os que destacaría, por exemplo, Liz Prince).
Se un non ten acceso as compilacións en papel que vai sacando Top Shelf periodicamente, sempre se pode acostumar a visitar a web de Kochalka todos os días e ler online o que lle aconteceu ao autor na xornada anterior. Aviso: son moi adictivas; cando leades un par, ides querer máis. Esta páxina ten tamén unha sección privada para suscriptores; se decidides darvos de alta (custa 1.95 $ ao mes), poderedes descubrir tamén a carreira paralela de James Kochalka coma músico de punk rock, coas súas cancións máis recentes en formato mp3, e bastantes outros extras.

Convalidacións de Stereotopffer (2)


Esta historia muda de dúas páxinas de Miguel Porto aparecera no n.º 5 da revista Barsowia, publicada polo colectivo Polaqia.

30/08/06

Longa vida ao irmán Rubín

As nosas verbas non tropezan con oídos pechados. A nosa sagrada misión experimentadora non ficará interrompida. As ideas deste laboratorio difundénse por diversas canles, e coma cantos de serea atrapan a atención de xoves creadores inquedos, iconoclastas, e por que non dicilo, un chisco inconscientes, que aceptan de bo grao ingresar nesta orde contracultural.
Para o Lab·Ou é unha honra que David Rubín, o enfant terrible da BD galega, decidise afiliarse a esta loxia coma un irmán máis, coas mesmas ganas de aprender e investigar que os seus compañeiros aprendices. Non é que pensásemos que as nosas teorías experimentais e revolucionarias non lle fosen a convencer; sinxelamente temiamos que o exceso de compromisos profesionais aos que está sometido lle impedise distraccións mundanas coma a participación activa nas propostas deste colectivo. Mais para un dos nosos autores máis pluriempregados o tempo é relativo e pode estirarse ata límites insospeitados.
Poucas presentacións máis precisa David. Non disporiamos de espazo suficiente para glosar todas as súas aparicións en revistas e fanzines do país e do estranxeiro, as súas actividades coma axitador da escea artística galega e a súa pericia coma catador de licor café. No eido da exploración bedeística, cómpre destacar o seu triunfo no desafío BD 24 x 24 das últimas Xornadas, do cal é froito o seu cómic en 24 horas Corazón de tormentas, recentemente publicado no selo Polaqia (unha xoia da espontaneidade). Tamén fíxonos o inmenso favor de abrir e pechar o noso cadáver exquisito coruñés, unha responsabilidade meirande do que semella á primeira vista, pois del dependía que o experimento se encamiñase a bo porto e tivese un certo sentido ao concluilo. E abofé que cumpriu meritoriamente con estes dous obxectivos.
Só nos queda unha espiña cravada: non puidemos convencelo de que renunciase á súa identidade mundana e que escollese un alias pseudo-secreto para a irmandade, polo que teremos que referirnos a el co seu patronímico terreal. Très deuxiéme classe. Pode que co tempo poidamos convertelo plenamente a todos os protocolos da loxia.
Benvido, David Rubín, a este Laboratorio. Recomendamos aos filoexperimentadores que vaian mercar (se é que aínda non o teñen) o seu imprescindíbel álbum monográfico El circo del desaliento, publicado chez Astiberri, que ademais da historia gañadora do 1º Premio Castelao inclúe un interesante repaso polos grandes éxitos da súa carreira dentro da 9ª arte. E co curriño que é David, seguro que se llo piden asinarállelo cunha fermosa dedicatoria.
Vita brevis, BD longa!

Convalidacións de Stereotopffer (1)

O irmán Stereotopffer, un dos membros máis activos desta loxia virtual, enviounos recentemente varias BDs feitas na súa vida anterior, cando era simplemente o debuxante vigués Miguel Porto, para que llas convalidasemos por puntos meritorios para o seu cursus honorum.

Nos vindeiros días iremos pendurando neste blog todas as historias experimentais (mudas, na súa maioría) que fixera Porto previas á súa entrada no Lab·Ou.

A de hoxe, La misteriosa desaparición de Clyde, Gary y Kurtz, foi publicada orixinalmente no n.º 3 da revista Buen provecho, e segue o procedemento de secuencia simultánea, na que a acción se desenvolve sen necesidade de viñetas nun mesmo marco espacial. A mesma técnica que fora empregada por Ágreda na súa xa referenciada participación na Historia del Blues.

29/08/06

Longa vida ao irmán Covelow

Os misterios e segredos desta loxia bedeística vanse espallando paseniño mais con paso firme e decidido. Así como perviviron a tradición cabalística xudía ou os rituais e usos templarios, a obra hermenéutica labourista expándese e recruta día a día a novos seguidores para continuaren a exploración das posibilidades gráficas da novena arte.
O último en caer nas redes místico-máxicas do Lab·Ou é o autor Sergio Covelo, que de agora en diante abandonará calquera vencello coa súa vida pasada e será referido soamente coma irmán Covelow.
Os Donos das Chaves temos fe nas capacidades innatas deste aprendiz. Sabemos que o medo e a dúbida non habitan no seu ser, e deu proba do seu corazón afouto ao arriscarse a participar nos desafíos nos que o convocamos. A súa colaboración no cadáver exquisito podedes vela uns posts máis abaixo, e que quede constancia de que foi tamén un dos poucos elexidos que se enfrontou contra si mesmo no reto BD 24 x 24, que tivo lugar o ano pasado nas Xornadas de Ourense. Foi quen de facer a lapis unha historia de 24 páxinas nun único día, e tan só lle terían cumprido unhas míseras horas máis para entintala e saír victorioso. Mais tentouno, que é máis do que a maioría pode dicir.
Benvido, Covelow, a este Laboratorio. Recomendamos aos filoexperimentadores que aínda non o coñezan que visiten o seu espazo na páxina web El mono listo para ollaren unha interesante retrospectiva da súa obra. Quenes serán os próximos que seguirán os seus pasos? Quen máis se atreverá a iniciarse na senda comiqueiro-investigadora do Lab·Ou?
Vita brevis, BD longa!!!

Experimentadores en BD (2): José Luis Ágreda

Ágreda foi un dos novos comiqueiros que máis destacaron no panorama de finais dos 90s. Prolífico autor de ducias de historias curtas espalladas por todo tipo de revistas e fanzines, conseguiu unha considerable notoriedade polas súas colaboracións humorísticas no mítico semanario El Jueves e por ter debuxado a única incursión do dúo de humoristas Gomaespuma na banda deseñada (Raúl y Andrea, a la fuerza ahorcan). Nestes últimos tempos anda algo afastado deste medio, mais seguramente pronto volverá deleitarnos con novos traballos en viñetas.

A maior aposta de Ágreda pola experimentación é sen dúbida a obra de catro páxinas El enanito y las tres blancanueces, incluida no álbum colectivo La historia del blues. Este fora un libro comisionado pola discográfica Subterfuge, no que os autores implicados adaptaban a cómic as cancións do disco homónimo de Siniestro Total (Julián Hernández, líder do grupo, seica é todo un connaisseur da BD). A maioría dos artistas cumpriron co encargo sen decepcionar pero tamén sen esmerarse; porén Ágreda quixo ir un pouco máis alá do esperado.

A súa historia está narrada sen apenas viñetas, nunha secuencia continúa e simultánea na que as catro liñas argumentais (unha por cada personaxe) se van entrecruzando con mestría tanto no tempo coma no espazo. Tamén hai dúas tiras paralelas, unha por riba e outra embaixo, que interatuan momentaneamente coa acción principal.

Á primeira ollada, pode semellar difícil enterarse do que está a acontecer e seguir as diferentes historias por separado sen perderse, pero o uso da cor para diferenciar as distintas tramas e a soberbia posta en páxina, sempre clara e esquisita, fan que a obra poida lerse e comprenderse sen moito problema, marabillándose un ao rematala da perfección formal deste preciso mecanismo de reloxaría.

El enanito foi reeditado en Cosecha CMYK, a completa revisitación da carreira de Ágreda coma autor de BD e ilustrador compilada por Astiberri. Os traballos máis recentes deste artista poden visitarse no seu blog.

27/08/06

OuBaPo en internet

Non é nada sinxelo atopar información ou traballos do colectivo francés OuBaPo (agora mesmo os meirandes experimentadores en BD, unha inspiración directa para o Lab·Ou) pendurados na rede; son tan independentes que non teñen páxina web nin ganas de tela.
Ademais da (esperábel) definición da Wikipedia, interesante e documentada pero pouco extensa, que é un bo punto de partida para un neófito no tema, tras unha procura rápida no Google o único que destaca é a páxina persoal de Gilles Ciment, un dos mesmos fundadores de dito obradoiro, que expón dúas ou tres creacións feitas co gallo oubapiano... algo un pouco escaso.
É quizais grazas ao Centre Nationale de la Bande Dessinée et de l'Image que podemos facernos unha idea máis concreta do que é o OuBaPo: nunha completa sección de links hai dende fichas dos creadores do colectivo ata unha detallada bibliografía oubapiana, pasando por unha lista de documentos e artigos sobre o tema e un directorio de páxinas web (moitas delas xa caídas... hai que actualizar máis a miudo). De entre as que sobreviven, a que máis paga a pena é a do Festival de BD de Lucerna, que amosa íntegro o experimento que fixo o OuBaPo entre ese certame e o de Bastia de dameiros a catro mans debuxados por varias ducias de autores.
Se algún internauta coñece algunha outra web relevante sobre este colectivo de autores que nolo faga saber e a referenciaremos no blog. Cremos que é unha mágoa que o seu labor, tan importante para a BD potencial recente, sexa un grande descoñecido no noso país, e nos gustaría publicitar e difundir o seu traballo na medida do posíbel.

26/08/06

Experimentadores en BD (1): Juan Berrio

Os de Lab·Ou non somos os primeiros en apostar pola experimentación formal no medio da banda deseñada neste país, nin moito menos. Pero si é certo que de momento todas as iniciativas vistas foron esporádicas e excepcionais, sen moita continuidade, agás o traballo de determinados creadores dedicados a descobrir permanentemente terra incognita no medio do cómic. Coma nos sentimos en débeda con eles, nos vindeiros posts ímoslles render o tributo que merecen.
Quizais, de entre todos os autores españois que nos inspiran coa súa infatigábel exploración gráfica, Juan Berrio é o cu máis inquedo que coñecemos: o ideal para empezar esta homenaxe.
Berrio ama a experimentación, e iso nótase en cada historia súa; mesmo nas máis "normais" gosta de xogar coa estructura do relato e coa distribución das viñetas (Polígono de muchos lados, Un hombre, Puzzle...). Pero é nos seus proxectos paralelos onde se entrega de cheo á investigación pura e dura.
Os seus calendarios ilustrados son obxectos de coleccionista que cada ano ofrecen coma leitmotiv un exercicio de estilo linguístico diferente: o do 2002 era un almanaque palindrómico, 0 de 2003 estaba composto só por palabras monosilábicas e monovocálicas, as ilustracións do de 2005 eran upside-downs (seguindo o modelo oubapiano)... Así Berrio se nos descobre non só coma artista, senón tamén coma un imaxinativo e revoltoso filólogo afecionado.
Mais o cumio da súa carreira coma experimentador é sen dúbida o n.º 2 do seu fanzine AEIOU (acertadamente subtitulado Entusiasmo exhaustivo), 36 páxinas de cómics construidos enteiramente a partir de palabras pentavocálicas (as que teñen cada unha das cinco vocais). Un impresionante tour de force no que ademais de crear intelixentes historias con sentido (un engadido do que moitas veces se prescinde na experimentación máis radical), foi quen de debuxalas con estilos distintos desdobrándose en cinco personalidades ficticias.
Agardamos fervorosamente que Juan Berrio volva amosarnos nun futuro próximo todo o que da de si o idioma, especialmente se é en combinación coa banda deseñada. Namentres, calquera pode visitar a súa páxina web e admirar exemplos dos seus pluscuamperfectos traballos metalingüísticos.

Longa vida ao irmán Stereotopffer

Queridos compañeiros de experimentación viñeteira, aledádevos pois xa temos un novo membro entre nós! Chegou ata as portas de Lab·Ou un mero mortal na procura da sabedoría eterna e dos segredos ocultos da arte milenaria da narrativa gráfica, e nós os Donos das Chaves desta loxia pseudosecreta tivemos a ben admitilo para que no noso seo aprenda, investigue e avance polo camiño tortuoso da BD ata límites insospeitados.

Seguindo as tradizóns ancestrais, despoxouse da súa vida anterior e aceptou un novo nome coma irmán labourista en grao de aprendiz. Moitos de vós podedes telo coñecido na súa previa encarnación coma Miguel Porto, mais nesta comunidade referirémonos a el coma o irmán Stereotopffer, un nome que coma el mesmo ben di "ven de tempos antigos".

Aos administradores do Lab·Ou énchenos de gozo a súa entrada nesta sociedade, pois ademais de ser o primeiro que solicita oficialmente o seu ingreso, coñecemos a súa traxectoria anterior e certificamos o seu amosado interese pola BD experimental. Entre os traballos previos á súa adhesión a esta irmandade, creou un par de historias mudas e mesmo unha BD en secuencia simultánea que seguen os requisitos dispostos no noso Grimorio (exercicios 1.3.3. e 3.7. respectivamente) e que polo tanto serán susceptíbeis de ser convalidados para o seu cursus honorum persoal.

Benvido, Stereotopffer, a este Laboratorio. Recomendamos aos filoexperimentadores que visiten o seu blog Alfalfa para coñeceren máis exemplos do seu interesante traballo, e que sigan o seu exemplo e se afilien a esta loxia co propósito de investigaren as posibilidades da novena arte. Xa temos un par de solicitudes en proceso de tramitación, e cando sexa oportuno darémoslles a benvida a estes novos irmáns. As actividades deste obradoiro comezarán oficialmente en setembro, dentro dunha semana e pouco. Ata entón, ofrecemos un periodo de filiación e convalidación de traballos anteriores.

Vita brevis, BD longa!

24/08/06

Un cadáver exquisito (2)

Por se non quedaba suficientemente claro no post anterior, quereriamos agradecer expresamente a tódolos autores, galegos e foráneos, que aceptaron colaborar no noso cadáver exquisito a súa desinteresada participación no proxecto. Animamos aos artistas que tomaron parte neste experimento a que compartan a súa experiencia (opinións, críticas, suxerencias) por medio dos comentarios no blog ou a través do noso correo lab.ou.info@gmail.com. ¿Serviuvos para algo este exercicio? ¿Aprendestes algo traballando en circunstancias tan adversas ou vos arrepentides de tervos visto abducidos nesta aventura?

Por último, convidamos aos participantes interesados a que fagan efectiva a súa entrada no Laboratorio por medio dunha solicitude formal por e-mail. A súa participación no cadáver será convalidada coma exercicio de ingreso e contarán cun primeiro punto para os seus respectivos cursus honorum. Máis información no pdf anexo ao post inaugural.

Un cadáver exquisito

Como avanzabamos no anterior post, durante o festival Viñetas desde o Atlántico o Lab·Ou coordinou a realización dun cadáver exquisito, convidando diversos autores a continuar unha BD da cal só podían coñecer a viñeta inmediatamente anterior. Contouse coa colaboración desinteresada de autores galegos e foráneos, tanto novatos como veteranos, nunha lista do máis heteroxéneo: por orde de aparición, David Rubín, Brais Rodríguez, Emma Ríos, Roque Romero, Fran Bueno, Javi Montes, Marcos Calo, Juanjo el Rápido, Ángel de la Calle, Adrián Prado, Víctor Rivas, Sergio Covelo, Cosme Fernández, Miguel Robledo, Miguel Porto, Alberto Vázquez, Hugo Covelo, Diego Blanco, Aldara Prado, Fermín Solís, Matt Madden, Miguelanxo Prado, Enrique Ventura, Kim, Carlos Portela, Jessica Abel, Bruce Timm, Luís Sendón, Bernal Prieto, Brent Anderson e Frederik Peeters, e pecha o círculo a persoa que o comezou, David Rubín. Os resultados, como se pode ver a continuación, son do máis interesante, e asemade do máis surrealista, como corresponde coa orixe do exercicio.
Podemos ir comentando que hai moitas posibilidades de que este cadáver exquisito vexa a luz en forma de publicación...































































23/08/06

O Lab·Ou, presentado na Coruña


O pasado mércores 16 de agosto, o Laboratorio Galego de BD Experimental foi presentado ao público nun acto do festival Viñetas desde o Atlántico, na Coruña.
No mesmo acto presentamos tamén un dos froitos do reto «BD 24 × 24» que tivo lugar na Casa da Xuventude de Ourense durante as XVII Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, o comicbook de David RubínCorazón de tormentas, que foi posto á venda durante o salón coruñés.
O festival foi marco tamén dun novo experimento preliminar ás actividades do Lab·Ou propiamente ditas: un cadáver exquisito composto por 31 autores diferentes, que debuxaron cadansúa viñeta co único coñecemento da viñeta inmediantamente anterior á súa. En breve ofreceremos desde este blog o resultado completo.

07/08/06

Laboratorio Galego de BD Experimental


Benvid*s ao weblog do Lab·Ou, o Laboratorio Galego de BD Experimental.

¤ Que é o Lab·Ou?

Como cidadáns e cidadás do século xxi, Lab·Ou constitúese como unha ciber-loxa ou moderna sociedade pseudo-secreta en que a experiencia será un grao, e cada un dos seus membros será considerado nun dos chanzos do seu cursus honorum.

Trátase de facer propostas que manteñan en activo a creatividade dos autores; unha especie de ximnasia mental de mantemento. Importa máis o camiño, os froitos que poida obter da busca cada autor, que o resultado. Non se procura a vangarda nin as rupturas porque si, senón un progreso creativo persoal; porén, se os exercicios son compartidos con outras persoas, créase un caldo de cultivo ideal para potenciar os achados de cada un e tamén os colectivos.

Unha das influencias máis destacadas do Lab·Ou é o OuBaPo (acrónimo de Ouvroir de Bande dessinée Potentielle). Este colectivo, creado en 1992 no seo da editorial francesa L’Association e formado entre outros por Groensteen, Trondheim, Menu, Killoffer, Ayrolles, Lécroart e Gerner, experimenta coa BD buscando formas e estruturas novas por medio de diversos exercicios de estilo, seguindo o exemplo do que fai coa literatura o OuLiPo (Ouvroir de Littérature Potentielle), iniciado por Raymond Queneau en 1960.

As investigacións doutros estudosos da BD como Scott McCloud ou Matt Madden tamén foron unha profunda inspiración para o laboratorio galego.

¤ Funcionamento de Lab·Ou

§ ingreso en Lab·Ou: o interesado/a só deberá enviar unha petición cos seus datos (nome, data de nacemento, enderezo postal e electrónico e calquera outro que considere de interese) ao enderezo de correo electrónico . Recoméndase que cada novo membro escolla para si un nome de iniciado, polo cal será coñecido polo resto dos membros do Lab·Ou. Para ser considerado membro a todos os efectos, deberá achegar —preferibelmente en formato electrónico, ao mesmo enderezo— un exercicio realizado por el/ela propio/a de acordo con algún dos modelos propostos no Grimorio: Libro de exercicios de Lab·Ou.

§ seguimento do ‘cursus honorum’ no Lab·Ou: O Grimorio é un catálogo ampliábel de exercicios dispoñíbeis. Cada un deles está valorado cunha puntuación que poderá variarse en casos concretos de acordo coa dificultade. Cada mes, desde a coordinación de Lab·Ou proporanse tres exercicios optativos, para os cales normalmente se darán datos moi concretos para a realización, ao contrario da exposición xeral que se fai no Grimorio. O prazo de entrega deses exercicios será de tres meses. Estes prazos serven unicamente para marcar un ritmo, mais a liberdade de cada un dos membros permitiralles entregar ou non ditos exercicios sen que reciba ningún tipo de amoestación por parte da coordinación. Alén disto, calquera dos membros pode entregar calquera outro exercicio experimental aínda que non sexa dos propostos, e mesmo achegar traballos encadrábeis dentro destes exercicios aínda que fosen realizados fóra das marxes espacio-temporais do Lab·Ou (e estes serán validados pola coordinación en caso de que cumpran cos principios desta loxa experimental). Algúns exercicios, ademais, permiten o traballo con outras BD (propias ou alleas) para crear outras novas, a través dun proceso de montaxe e desmontaxe.

Cada un dos exercicios —pola súa soa realización— reportará ao membro o número de puntos con que dito exercicio foi valorado. En caso de non ser un exercicio proposto desde a coordinación —tanto se foi feito expresamente para a ocasión como se se está a propor unha validación dun exercicio anterior á entrada no Lab·Ou—, esta decidirá con que puntuación é valorado. As puntuacións irán engrosando a conta persoal de cada membro, e levándoo adiante no progreso do seu cursus honorum, camiño do seu seguinte grao.

§ punto ecuménico. Todos os membros que tomen parte dun dos exercicios propostos pola coordinación votarán o que consideren o mellor resolto —sen poderen votar o seu propio traballo—, co que o elixido recibirá un punto a maiores. Poderá haber un ex-æquo de dous traballos; en caso de que tres ou máis traballos coincidan no número de votos, desaparecerá a posibilidade de punto ecuménico.

§ weblog. O Lab·Ou funcionará primordialmente a través da rede. Os traballos exporanse en versión de baixa resolución na internet a través do weblog , de acceso público —a non ser que o participante solicite explicitamente que o seu traballo non sexa exposto ao público—, e do grupo de correo , de acceso restrinxido aos membros. No weblog daranse noticias do Lab·Ou, así como ligazóns a outras experiencias semellantes existentes polo mundo; a través do grupo de correo dinamizarase o diálogo creativo entre os membros.

§ encontros. Para rachar a individualidade da rede, aproveitando algunhas citas anuais relativas á BD, tales como o Viñetas desde o Atlántico ou as Xornadas de Ourense, Lab·Ou organizará actividades de tipo colectivo ou que precisen da colaboración de varios autores, así como talleres coa presenza de autores convidados.

§ edicións.
Lab·Ou buscará editar e apoiar a edición de obras producidas ao seu abeiro, a través de antoloxías, compilacións, etc.

¤ Niveis dos membros da loxa

§ Nivel Azul — Grao: Aprendiz | Puntuación: 0-49 | Cambio de grao: Acceso á chave de prata

§ Nivel Vermello — Grao: Iniciado | Puntuación: 50-99 | Cambio de grao: Acceso á chave de ouro

§ Nivel NegroGrao: Mestre | Puntuación: 100 ou máis

§ Nivel BrancoGrao: Administrativo | Reservado á coordinación desde Ourense

Máis información neste documento pdf.
O Grimorio (Libro de exercicios do Lab·Ou), nestroutro pdf.