30/09/06

Palíndromos: Jochen Gerner


A presente BD está extraída do volume colectvo OuPus 3, do OuBaPo Francia. Gerner presenta un palíndromo sinxelo e sen complicacións, un divertido conto de turbulencias aéreas. Paréceme unha boa idea que a viñeta bisagra central sexa doble e estea situada xusto no medio da páxina: acada unha estructura perfectamente regular e simétrica respecto a ese eixo imaxinario. E só en 11 cadriños. Tomade nota, investigadores de pro.

29/09/06

Palíndromos: Moatthieu


Esta BD palindrómica atopada por eses cibermundos de Dios, feita por un tal Moatthieu (un debuxante francés que seica ten un blog) ten unha particularidade moi enxeñosa: o autor decidiu colocar os globos dos diálogos entre as viñetas, de xeito que a primeira metade pertencese a unha e a segunda á seguinte. Arranxando tamén ao seu gusto a disposición das palabras e as letras para que coincidan coa cesura do hemistiquio, foi quen de crear un par de xogos de palabras grazas ao esquema de reiteración decrecente do palíndromo e ás novas combinacións de texto que xurdían. Traduzo para os que non lean francés, que é un chiste moi logrado:
-#$%&*
-Articula!
-Estou disposto a repetircho para que me entendas.
-Viñen contigo porque quero que me folles.
-#$%&*
Se xa de por si o exercicio do palíndromo e interesantísimo pero ao mesmo tempo complicado, esta versión con mesturas sintagmáticas abre un mundo novo de posibilidades. Haberá algún labourista afouto que se atreva a xogar coa combinatoria textual en galego ou castelán?

Palíndromos: Matt Madden


Pois si, o amigo Madden tamén ten unha versión palindrómica da súa anécdota da neveira nos seus míticos Exercises in style. Que socorrido é este home; sexa o que sexa que precises ilustrar, vas ao seu libro 99 ways to tell a story e case seguro que haberá algún exemplo axeitado do que procuras. Que tería sido do Lab·Ou sen el?

28/09/06

Convalidacións de DiablitoBeer (1)









O irmán DiablitoBeer foi unha peza fundamental para a creación do Lab·Ou. Seu é o exercicio fundacional desta aventura, esa BD en 24 horas que xa ten collóns ser quen de facela. E ademais foi un dos primeiros en apuntarse a esta aventura. Mais o certo é que desde entón mantiña un certo perfil baixo no día a día labourista, un segundo plano que non lle facía xustiza.
Para volver á vida pública investigadora, e quizais animado pola orxía convalidadora que está a acontecer ultimamente entre os membros, Rubín liouse a manta á cabeza e enviounos un correo con tropocentas historias para que estudemos a súa posible convalidación. En serio, unha morea delas. Mentres separamos o gran da palla e as clasificamos, catalogamos e indexamos aínda imos tardar uns días, pero é que andamos un chisco liados, entre as Xornadas e os nosos traballos. Pero para ir abrindo o apetito e que vexades o que vos agarda, un pequeno adianto.
O que estades a ollar é a secuencia unificadora da antoloxía Barsowia en llamas, portada incluída, publicada recentemente por Dolmen. Ademais de cumprir perfectamente o seu cometido de darlle unha certa unidade ao volume, podemos considerala un exercicio de estilo que mestura unha restrición textual (unha BD muda, vamos) cunha peculiar estructura narrativa fixa de viñeta por páxina. O resultado é unha historia de viaxe iniciática cun ritmo e un tempo sorprendentes, tremendamente elíptica mais evocadora (é moi pouca información a que nos dá, pero cada imaxe vale máis que un millón de palabras), lírica e suxestiva sen deixar de ser intelixible. A que gaña moitísimo véndoa así, toda seguida, en vez de separada por bloques como aparece no libro? Non sei por que, mentras a (re)lía víñame á cabeza o Everybody's gotta learn sometimes, versión de Beck para a BSO de Olvídate de mí. Isto último tentaba ser un piropo. En breve, moito máis David, ao 100%, coma sempre.

Exercicios do Lab·Ou (3): Palíndromo en BD

Despois de dous primeiros exercicios de estilo propostos pola coordinación deste obradoiro que foron un pouco de quecemento (si, vale, todos teñen a súa dificultade, pero no orgasmo só hai que facer unha viñeta e o das mimetizacións é máis de técnica que de romper os miolos matinando), e tras amosaren os labouristas o seu altísimo nivel formal nas convalidacións que nos están a mandar, imos titorar un novo reto algo máis complicado que os anteriores, á altura das vosas tremendas posibilidades, que vos vai obrigar a cavilar un ratiño: agora toca facer unha BD palindrómica (exercicio creativo 3.3.).
Citando directamente do Grimorio en que consisten os palíndromos: "BD simétrica dunha ou varias páxinas que pode lerse do dereito e do revés, empezando pola primeira ou pola derradeira viñeta. Realízase repetindo as viñetas en sentido decrecente a partir da metade da secuencia (sendo esta viñeta a única que non se repite)."
Ex. de esquema: A > B > C > D > E > D > C > B > A.
Lendo a definición pode semellar un pouco complicado, pero creo que ollando para a historia que ilustra este post, obra de Étienne Lécroart, queda bastante claro e exemplificado. Reparade en que a repetición das viñetas é tanto da parte icónica como da textual (os globos din o mesmo), polo que os vosos diálogos teredes que artellalos tendo en conta que moitas do que na primeira volta son preguntas na reiteración serán respostas, e viceversa. Tamén podedes xogar coa posta en páxina para facer curiosas combinacións de cadriños: se as dúas primeiras viñetas creaban un travelling, ao reaparecen en última posición dan lugar a un plano/contraplano.
Aconséllovos traballar con fotocopiadora ou escáner pois facilitaravos moito a tarefa de recombinar as viñetas. Polo demais, xa coñecedes a mecánica dos exercicios titorados: podedes enviarnos unha copia da vosa proposta ao noso enderezo de correo habitual e nós a penduraremos aquí no blog. Tedes un trimestre de plazo para mandárnosla se queredes optar a un punto ecuménico outorgado por votación popular dos participantes. Por certo, este exercicio subiravos nada menos que catro saborosos puntos aos vosos respectivos cursus honorum se é que decidides facelo (todos os retos de multi-lectura reportan altas puntuacións por seren máis complicados que a media habitual).
Lembrade que podedes empregar a nosa lista de correo para todo tipo de preguntas ou discusións sobre este exercicio, e que os filoexperimentadores aínda non afiliados podedes empregalo coma exercicio de ingreso. Nos vindeiros días penduraremos máis exemplos de palíndromos doutros debuxantes (case todos en francés, provintes do OuPus 3; se tedes en xeral problemas con esta lingua, podemos acompañalos de traducións ao galego), e calquera pode contribuir neste labor envíandoos BDs que coñeza que cumpran con estas características.
Vita brevis, BD longa!

27/09/06

Convalidacións de Ill'Rocco (2)



Teño que recoñecelo: esta historia abráiame, encantoume o resultado visual que Roque consigue con ela. Ademais, continuando con este arrebato de sinceridade, non cría que endexamais fosemos recibir un exercicio de hibridación para convalidar no laboratorio, porque son fodidísimos de facer e custa un mundo que queden ben. Pero alédame ver que me equivoco!
Abisinia misteriosa apareceu orixinalmente nun número do Carne líquida, e posteriormente foi recuperada para a antoloxía Barsowia en llamas. O irmán Ill'Rocco explica que a fixo partindo de distintas ilustracións tomadas de revistas de principios do século XX, tanto debuxos publicitarios como imaxes de artigos, unificados mediante o collage e o texto. Tamén declara que todo xurdiu como unha homenaxe a Raymond Roussel, autor de Locus Solus ou de Impresiones de África. Unha BD sorprendente que realmente merece os 4 puntos cos que se premian ás hibridacións.

26/09/06

O Lab·Ou nas Xornadas de Ourense

Algo fomos dicindo por aí de forma non oficial, pero chegou xa o momento de facelo público. Durante a vindeira edición das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, a tarde do sábado 7 de outubro na Casa da Xuventude, o Laboratorio Galego de BD Experimental vai presentar ao público as súas actividades máis recentes e organizará un novo exercicio de estilo colectivo en directo, seguindo o satisfactorio exemplo do cadáver exquisito coruñés.
Como temos constancia de que a maioría dos membros do obradoiro estaredes presentes en Ourense en calidade de convidados do festival ou de simpatizantes que confirmaron xa a súa presenza, esperamos que moitos de vós vos animedes a participar nestas actividades de experimentación que non obstante non son pechadas e exclusivas: calquera autor non afiliado poderá tomar parte nos exercicios (eso si, que todo o mundo traia as súas propias ferramentas de debuxo).
O programa de actividades aínda non está pechado de todo e preferimos manter o misterio ata o final, pero esperamos que sexa algo áxil e dinámico, que non sobrepase as dúas horas e media de duración. Procuraremos escoller exercicios orixinais, variados e divertidos, nos que primen a improvisación, a espontaneidade e a interacción dos participantes, e sobre todo nos que cada autor poida obter froitos e achados desta experiencia.
Cada participante recibirá como agasallo pola súa colaboración e esforzo un lote de bandas deseñadas e catálogos editados polo Injuve. Todas as BDs resultantes do exercicio colectivo iranse pendurando no noso blog para que o "gran público" poida coñecelas. Se alguén ten algunha dúbida ou precisa máis información, pode poñerse en contacto cos coordinadores a través do correo habitual do Lab·Ou.
Vita brevis, BD longa!

Convalidacións de Ill'Rocco (1)




O irmán Ill'Rocco decidiu acollerse ao dereito de convalidación de BDs anteriores á creación do Lab·Ou (sobre o seu dereito de pernada aínda non se pronunciou) e enviounos un par de historias coa intención de ascender uns chanciños do seu cursus honorum. Esta que tedes aquí, Final feliz, apareceu orixinalmente no número 8 da revista Barsowia, publicada polo colectivo Polaqia. Ten a particularidade de ser un exercicio mixto (os nosos labouristas son tan bos que unha soa restrición parécelles pouco, como mínimo enfrontánse a un par delas) que combina unha BD muda (1.3.3. de restrición textual) cunha estructura fixa de 3x3 viñetas regulares (8.1. de deseño de páxina). O título non engana; pois si, ten un final feliz.

25/09/06

Convalidacións de Cosme (2)


Din que o bo, se breve, dúas veces bo. Esta convalidación do irmán Cosme indiscutibelmente é breve, e boa case que tamén, non? Unha pequena secuencia que cumpre cos requisitos de restrición do enfoque (exercicio creativo 1.3.1.), cun plano fixo constante nas tres viñetas. Animádevos a seguir o seu exemplo, labouristas de pro, e buscade nos vosos pasados páxinas para ascender chanzos nesta loxia. Seguro que algo tendes, o Grimorio dá moito chance.

24/09/06

Mimetizacións: 1963 de Alan Moore

Había tempo que neste blog non se falaba de Alan Moore, así que xa ía tocando. E que mellor para facelo que aproveitar o tema do 2º exercicio titorado do Lab·Ou, o das mimetizacións. O regreso de Moore ao cómic mainstream de superherois foi a través dun curioso pastiche que tiña tanto de exercicio de estilo como de reflexión metalingüística ou de brincadeira provocadora.
1963 foi a particular maneira do de Northampton de denunciar a moda das BDs ultraviolentas e escuras que inundaron o panorama durante a primeira metade dos anos 90 e das que se sentía en parte responsable, pois moitas bebían dunha mala interpretación do seu Watchmen, a obra capital que revolucionou o xénero. Con 1963 tentou preconizar un back to the basics, un revival dos tebeos de superherois tal e coma se facian durante a idade de prata do xénero, alá na Marvel dos 60s, con personaxes heroicos e positivos e historias tremendamente imaxinativas.
1963 é unha serie retro que fica inconclusa (os popes da editora Image tiñan que debuxar entre todos o derradeiro número, pero por mor de disputas internas este nunca chegou a ver a luz) e na que existen mimetizacións a múltiples niveis. A nivel de personaxes, imitáronse aos principais protagonistas da editorial Marvel (ou alomenos os seus trazos máis característicos: o heroe adolescente, o heroe patriótico, a familia...) nunha reviravolta entre a homenaxe paródica e a alusión directa sen infrinxir o copyright. A nivel textual, Moore copiou con moi mala ostia o farragoso estilo de Stan Lee, cheo de reiteracións, chamadas ao lector e redundacias (mesmo creou un irónico doppelgänger, Affable Al). A nivel icónico, os debuxantes do proxecto (principalmente Streve Bissette e Rick Veitch, mais tamén participaron outros) imitaron o estilo de debuxo e a narrativa dos grandes artistas dos 60s, especialmente de Jack Kirby e de Steve Ditko. E a nivel editorial, Moore e os seus colaboradores tentaron mimetizar todos os trazos dos tebeos Marvel primixenios (a rotulación manual, a cor mecánica por puntos, parodias dos anuncios e dos correos dos lectores daquel entón e mesmo un tipo de papel envellecido para que semellase que os cómics tiñan máis de trinta anos). Un auténtico derroche de medios.
A continuación, e para que vos fagades unha idea de en que consisitiu este curioso experimento nostálxico, as portadas dos 6 números que apareceron da serie.


Mystery Incorporated é obviamente unha vampirización da BD fundacional de Marvel, Os 4 fantásticos. Foi debuxada por Rick Veitch copiando ao máximo o estilo de Kirby.

The Fury é unha peculiar versión do Spider-Man de Lee e Ditko deseñada por Steve Bissette.

Tales of the uncanny contaba con dúas historias: unha de U.S.A. (un sosias do Capitán América) ilustrada por Rick Veitch, e outra de The Hypernaut (un personaxe que lembra moitísimo a Iron Man) con debuxos de Bissette.

Tales from beyond tamén inclúe dúas historias: The unbelievable N-Man (un remedo do incríble Hulk) debuxada por Bissette, e Johnny Beyond (unha revisión do Doutor Estrano) con lápises de Jim Valentino.

Horus, lord of light é unha homenaxe clarísima a Thor, mudando a mitoloxía escandinava pola exipcia, que foi debuxada primorosamente por Veitch.

O último número aparecido é o de Tomorrow Syndicate, unha peculiar versión dos Vingadores que consisitía nun supergrupo formado por todos os personaxes aparecidos anteriormente, na que Rick Veitch volvía ocuparse da parte gráfica, e na que se intúe o que acontecería no gran final inédito: os herois viaxaban no tempo de 1963 a 1993 (ano de publicación da serie) e enfrontaríanse aos personaxes contemporáneos de Image, amosando as diferencias entre o presente e o pasado do xénero superheroico americano. Unha interesante reflexión, e un prodixioso exercicio de estilo. Mágoa que nunca saberemos como remataba.

23/09/06

Feliz equinoccio de outono!

Pois iso, que xa estamos oficialmente en outono! Feliz equinoccio para todos vós! Hoxe é un día máxico en diversas culturas: na antiga Grecia celebraban os seus misterios eleusinos, unha serie de rituais secretos e simbólicos que atraían a milleiros de iniciados e pelegríns; nos países celtas o cambio estacional simbolizaba a fin da cacería de Lugh, que se representaba mediante a sega das derradeiras meses de millo; e os wiccanos aproveitan este día para dar grazas por todo o recibido durante o ano, vestindo de laranxa e bebendo cervexa e sidra.

Como podemos festexar os comiqueiros a chegada do outono? Se non estades moi atarefados nalgunha vendima, eu suxírovos que pasedes esta tarde chuviosa de sábado relendo algunha vella BD que contea belas imaxes outonais coma The fall de Ed Brubaker e Jason Lutes, O regreso á terra de Manu Larcenet, os Sketchbook diaries de James Kochalka, Monsieur Jean de Dupuy e Berberian, Blankets de Craig Thompson, Amor e interinatos de Lewis Trondheim, O longo Halloween de Jeph Loeb e Tim Sale, ou tantos e tantos outros... A alguén se lle ocorre algunha outra recomendación para comezar este outono entre viñetas?

22/09/06

Convalidacións de Cosme (1)









Así me gustan a min os labouristas, inquietos e activos, que non perdan o tempo. Nada máis unirse a esta banda de investigadores da banda (deseñada), o irmán Cosme (que para que non o poida deducir polo seu capcioso alias, trátase do debuxante Cosme Fernández) xa nos estaba a enviar BDs anteriores á existencia deste laboratorio para convalidalas por chanzos no seu cursus honorum. Pois nada, meu dito meu feito. Aquí tendes unha preciosa historia muda de 8 páxinas que cumpre con todos os requisitos dos exercicios de restrición textual. O propio Cosme engade que é unha versión remasterizada dun traballo anterior ao que lle trocou unhas tramas demodés por un bitono gris moito máis sutil. Ademais, estámola ofrecendo en plan primicia mundial superexclusiva porque permanecía inédita nalgún dos caixóns do ourensán. Que grande inxustiza: había que permitir que a humanidade a coñecese. Nos vindeiros días, máis.

21/09/06

Convalidacións de Magog (2)



Temos a sorte de que segunda BD que nos enviou o irmán Magog para convalidar no seu cursus honorum coincida tan ben co presente exercicio e leit-motiv deste blog. Antes de que remate a semana (que xa vai para quincena) das mimetizacións, Hugo aporta o seu gran de area á causa con esta historia aparecida no n.º 5 de BD Banda, aínda que o que estamos a ver é a versión mellorada para a escolma especial en castelán desa mesma revista. O guión, por certo, é de Kike Benlloch. Unha impresionante imitación do estilo do Akira Toriyama de Dr. Slump (e pode que do comezo de Dragon Ball), non só de debuxo senón tamén narrativo: eses fondos subxectivos; esa reiteración gráfica de 6 viñetas case sen apenas diferencias indica que Covelo lle pillou o truco ao tempo do xaponés. Parabéns, Magog.

Longa vida ao irmán Cosme

Hoxe non vos imos marear moito antes da presentación dun novo achegado; estes speechs corren o risco de convertérense en clichés como as despedidas para publicidade de Antonio Gassett-Dubois en Días de cine. Os Donos das Chaves só quereriamos darvos as grazas a todos os labouristas que andades espallados polos diversos recunchos de Galiza e o estranxeiro. Pouco a pouco comezamos a recibir máis solicitudes de ingreso e máis convalidacións. A lista de correo e os comments do blog reciben cada vez máis mensaxes. E nós paulatinamente podemos adoptar o rol de meros intermediarios que pretendiamos ser nun principio para deixarvos todo o protagonismo a vós. Isto vai funcionando caralludamente, mozos, e non sería posíbel sen vós.
Pero deixemos as sensiblerías e as autocomplacencias e acheguémonos os uns aos outros e collámonos das mans, coma se fosemos facer un coro de kumbaya, para darlle unha calorosa benvida a este novo adepto da nosa causa. Teño o pracer de anunciarvos que o ourensán Cosme Fernández únese a esta congregación de estudos paralelos e case paranormais. E para despoxarse da súa vida pasada e comezar esta nova etapa investigadora cunha nova identidade, decidiu agocharse tras o pseudónimo de... irmán Cosme. Oh, vaia. Curiosa maneira de xogar ao despiste. En fin.
Cosme é un tío encantador e un narrador gráfico excelente, pero tamén é superinseguro, e por moito que llo digamos non cre que teña o talento que todos lle aseguramos que posúe. Nin sequera ter gañado o 1º premio da 1ª edición do certame Na Vangarda ou o premio á mellor colección de caricaturas do VII Concurso Galego para Caricaturistas Noveis servirán para convencelo dos seus numerosos méritos. Pois nada, é unha magoa pero vivirá sen saber quen ten un don especial para as historias costumistas onde pasan poucas cousas pero acontece de todo, ou un hábil oído para capturar diálogos áxiles e verídicos cunha destreza á altura de mestres como Ivá ou Monteys. Que lle imos facer...
Benvido, irmán Cosme, a este Laboratorio. Recomendamos a todos os filoexperimentadores que se acheguen á Casa da Xuventude de Ourense e nos pidan algunha das poucas copias que aínda quedan do cartel das Xornadas do ano pasado, deseñado cun gusto soberbio polo mesmísimo señor Fernández, que o enmarquen e o penduren na parede do salón ou no despacho. Mellorará o feng-shui da súa vivenda un mil por mil, e subirá varios puntos a media estético-harmónica do seu proxecto de decoración e interiorismo.

20/09/06

Convalidacións de Magog (1)





O irmán Magog tivo a ben enviarnos unhas cantas BDs para convalidar por chanzos no seu cursus honorum feitas na súa vida anterior, cando era meramente o debuxante Hugo Covelo, que nós recibimos con ledicia e entusiasmo e que imos pendurar nos vindeiros días neste blog.

A primeira delas, que podemos chamar Ollando ás rapazas para abreviar, foi publicada orixinalmente hai máis dun lustro no n.º 7 do Fanzine das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, polo que podemos dicir que xa dende noviño Magog tiña madeira de experimentador.

Consideramos que esta BD é un exercicio mixto que mestura dous tipos de restricións: por unha banda unha restrición narrativa de enfoque, xa que a historia está contada cun punto de vista subxectivo e limitado (cámar fixa nun único punto espacial) e, exceptuando un pequeno zoom ao comezo da 3ª páxina que podemos pasar por alto, cun único tipo de plano; e tamén unha restrición icónica, xa que en ningún momento amosa ao protagonista, só o seu nariz ou as súas mans (sendo consecuente co plantexamento subxectivo). Certamente ten mérito.

Orgasmo machista

A min persoalmente o chiste da ilustración non me fai ningunha graza, pero é que era un raro exemplo de iconografía orgásmica que puiden atopar no Google Imaxes, cunha sinxela mais efectiva aureola de luz (acentuada por unhas gotiñas de suor) rodeando a cara da sufrida protagonista, e por iso non quixen desaproveitar a oportunidade de penduralo como inspiración para o noso exercicio metafórico-visual. Espero que ningunha lectora ou lector se sinta ofendido por telo subido e que isto dexenere nunha guerra de sexos. A ver, para equilibrar: que teñen en común os aniversarios de voda, os retretes e o punto G?. Que os homes son incapaces de atinar con ningún deles. En paz xa?

19/09/06

Mimetizacións: máis Tintíns


Hai cousas que é mellor nin sequera imaxinalas nin como parodias, e un crossover Tintín vs. Batman é unha delas. "Santa 1ª enmenda, Batman! Como chegou este intrépido xornalista belga ata a Baticova?" Coñecendo todos os rumores sobre as sospeitosas relacións Batman-Robin e Tintín-Haddock, case que a hipotética BD non sería nin de superherois nin de aventura: a min teríame toda a pinta dun cómic porno gai con gang-bang orxiástico incluido. E con Milú polo medio, desalmados... (Se incluísen a Hernández e Fernández... habería incesto?). En fin, cambiemos de tema.

Seguindo con este museo dos horrores, podedes imaxinar un Tintín máis inesperado que un feito por Enki Bilal? Pois haino.

Un Tintín de Charles Burns, perfectamente mimetizado e perdido no persoal e enfermo universo deste autor. Raios, onde está o Capitán cando o precisas para loitar contra unha lexión de clons mutantes? Caería nalgún buraco negro?

Longa vida ao irmán Ill'Rocco

Cada vez que un novo aprendiz chama á nosa porta implorándonos que lle permitamos acceder a este exclusivo sancta sanctorum de sabedorías pictográficas, para nós, os Donos das Chaves, é un motivo duplo de ledicia. Por unha banda, por termos carne fresca que sabo... digooo, por recibir a artistas afoutos desexosos de experimentar na BD. E pola outra, porque nos dan chance a escribir un post de benvida no que podemos informar do bo ritmo co que se desenvolve o Laboratorio. Seguindo a vontade de Heráclito (sempre máis interesante có rancio de Parménides), o acontecer do Lab·Ou é un fluxo permanente; isto móvese, avanza cara algures, e de aquí a pouco poderemos amosar indubidabelmente que ningún debuxante terá que bañarse dúas veces no mesmo río, a menos que a auga estea fresquiña e lle apeteza. Mais deixemos a filosofía presocrática e pasemos aos saúdos.
Recibimos de bo grao ao deseñador Roque Romero, que escolleu como pseudónimo labourista co que ser designado o curioso alias de Ill'Rocco. Non sabemos de que Rocco terá máis, se de Siffredi ou se do de "e os seus irmáns", mais agardamos que combine o mellor de cada un para o seu traballo investigador: a resistencia, enormidade e capacidade de penetración no que fai da porn star e a nobreza e a bondade do personaxe viscontiano.
Roque non é novo nisto das loxias; xa conta cunha ampla experiencia de pertenza a irmandades pseudosecretas. Temos constancia de que era un activo membro do Contubernio viveirense, esa revista que adoutrinaba aos seus masoncinhos con enriquecedoras fábulas morais e na que o Sr. Romero nos agasallaba con esas experiencias psicotrópicas que resultaban ser os seus Night Cuts.
A súa emigración a terras 'polaqas' fíxolle manter encontros na terceira fase un chisco máis accesíbeis. E dende Barsowia, parece que lle agarda un futuro de posibilidades: vén de gañar un accésit na última edición do certame do Injuve. Ah, e tamén tivo o detalle de colaborar no noso multitudinario cadáver exquisito coruñés cun salientábel cadriño.
Benvido, irmán Ill'Rocco, a este Laboratorio. Recomendamos a todo os filoexperimentadores que visiten a web arty party Alg-a se queren gozar coa obra de Romero, pois cunta cunha exposición online de debuxos feitos con lápis óptico deste artista (e mesmo permite descargalos nun arquivo zip).
Vita brevis, BD longa!

18/09/06

Mimetizacións: homenaxe a Calvin & Hobbes





Un divertido xogo: buscade as 7 diferencias entre estas dúas tiras. Seica os autores da serie Mullets, Rick Stromoski e Steve McGarry, son uns cachondos, e decidiron homenaxear ao mítico final da mítica Calvin & Hobbes na despedida da súa tira diaria. Unha inxeniosa maneira de dicir adeus.

17/09/06

Mimetizacións: tributo a Schulz


A decisión de Schulz de abandoar a súa tira diaria Peanuts (aquí coñecida polo nome dos seus protagonistas, Charlie Brown ou Snoopy) tras 50 anos de publicación ininterrompida por mor dun cancro do que finaría aos poucos meses fixo que grande parte da escea indie americana lle rendese homenaxe nun caderno especial de 20 páxinas incluido dentro do tomo Top Shelf asks the big questions. A maioría destes tributos consistían en reinterpretacións gráficas dos personaxes míticos da tira, ou alomenos mimetizacións do estilo do autor. Escollemos algúns deles para penduralos aquí, coma o primeiro, obra de Tony Consiglio.

Esta elexía que revisita os principais leit-motivs da tira foi debuxada por Ivan Brunetti, de quen xa falamos nun post anterior deste blog.

Unha mestura de estilos por parte de Eric Reynolds.

A David Lasky deulle por pechar todas as tramas que quedaban inconclusas neste precioso epílogo que ben podería ser a despedida oficial da serie.

E por último catro paisaxes mudas ben coñecidas polos seguidores de Peanuts, feitas por Seth para a ocasión. Un elegante e sensíbel tributo, despois de todo.