30/11/06

Volta e volta: Jochen Gerner



Este upside down de Gerner ten unha curiosidade: a volta da páxina está incluida como xiro argumental dentro da historia. Supoño que isto só se pode facer en casos coma este, con tramas que suceden dentro dun avión, ou noutros contextos deus ex machina. De todos os xeitos, curiosa reviravolta (nunca mellor dito) metalingüística.

28/11/06

Convalidacións de Cosme (5)











Hoxe toca un post de luxo. O irmán Cosme cedeunos en exlclusiva a historia coa que gañou un 2ª premio na última convocatoria do premio GZ Crea, e aquí a estrenamos para o ciber-espazo. Un exercicio que podemos calificar de restrición do enfoque, narrado en cámara fixa dende un punto estático. Por fin Cosme sóltase esa melena de skater que ten e lánzase a xogar coa potencialidade narrativa, algo que de momento lle viamos timidamente pero nunca dun xeito tan directo. Noraboa, labourista: é unha chulada de BD. E eu creo que merecía o 1º premio.

27/11/06

Volta e volta: Étienne Lécroart



Un novo exemplo de upside down que para min funciona perfectamente: Lécroart emprega debuxos o suficientemente ambiguos (xoga coas sombras e o branco e negro) para que xirada a páxina se convirtan nalgo completamente distinto.

26/11/06

Dobre cego: Jordi Pérez


O último dos nosos dobres cegos debuxados, que pertence a un filoexperimentador local que xa colaborara connosco no BD 24x24. A ver se se anima a sumarse ao colectivo un día destes.

24/11/06

Volta e volta: Lewis Trondheim



O afouto Lewis Trondheim ousa facer un upside down no que amosa as posibilidades narrativas deste exercicio: o que cara arriba semellaban debuxos positivos e pracenteiros, cara abaixo son negativos e tortuosos...

23/11/06

Dobre cego: Brais Rodríguez


Hoxe, a aportación doutro filoexperimentador non asociado que formou parte do noso reto ourensán: Brais Rodríguez, un dos colaboradores máis interesantes do Fanzine Enfermo e de Barsowia. Polas súas historias de robots o coñeceredes.

22/11/06

Un exercicio colectivo do Lab·Ou nun futuro próximo?

Ola, queridos Labouristas e filoexperimentadores:

Un dos propósitos fundacionais deste Laboratorio era promover “actividades de tipo colectivo ou que precisen da colaboración de varios autores”, e niso estamos. O vindeiro acontecemento no que presumiblemente nos reuniriamos os mesmbros desta loxia sería o Viñetas desde o Atlántico coruñés, pero como esa cita aínda é en agosto, e ata entón aínda quedan nove meses (unha eternidade), teriamos a intención de organizar dúas ou tres quedadas colectivas previas a ese evento, para seguir facendo experimentos en grupo, saír a beber unhas copas e gozar da compaña dos demais, esas cousas que se fan neste tipo de convocatorias.

Pensamos que un escenario ideal para unha hipotética primeira reunión podería ser a trastenda da librería especializada BD! en Vigo. É un espazo con mesas e tranquilo, suficientemente habilitado para unha xuntanza destas características, e ademais contamos co apoio de Melo e Eva, os simpáticos encargados da tenda, que foron os que se ofreceron encantados a albergar un evento coma este. Por outra banda, sabemos que Vigo é unha cidade máis accesíbel e mellor comunicada para reunirnos xa que estamos espallados por toda a xeografía galega (e con Porto en Madrid); e o feito de que varios Labouristas teñan residencia na urbe (Miguel, Emma, os Covelos, Pablo) facilitaría bastante os labores de loxística.

Os coordinadores xa preparamos un exercicio colectivo que se axeita as circunstancias temporais e espaciais deste acontecemento. Sería algo novo, que aínda non vos propuxemos nunca, moi interactivo entre os participantes, e relativamente sinxelo de facer, que podería levarse a cabo entre a media mañá e a media tarde dun sábado.

Pero para que esta proposta vaia a bo porto, temos que organizala ben, paso a paso. Primeiramente temos que asegurarnos da disponibilidade dos participantes. Se vemos que nun futuro próximo é complicado reunir a todo o mundo (ou polo menos a unha maioría significativa), posporiamos esta convocatoria para máis adiante. ¿Poderiades (e interesariavos) adicar un sábado do mes de decembro / comezos de xaneiro a este evento? De ser así, ¿cales serían as datas que máis vos convirían?

Outro punto importante é o feito de que nestes momentos o Lab·Ou non dispón de financiación (estamos tentando que non sexa así, pero agora mesmo non hai pasta) para sufragar os custos de desprazamento e aloxamento, polo que debedes ter en conta que cada un se responsabilizaría dos seus gastos; a participación sería voluntaria e desinteresada. Esa é outra das razóns pola que a opción Vigo sería interesante: cun pouco de sorte os nativos ou residentes poderían aloxar aos foráneos por unha noite; ou ben podería artellarse todo de xeito que os estranxeiros puidesen regresar ás súas cidade no último tren / autobús da noite. Igualmente, se por razóns pecuniarias non é este o mellor momento para vós para realizar este exercicio e preferides pospoñelo ata que o Laboratorio poida facerse cargo dos gastos, é o momento de sabelo.

Agardamos que a través da lista de correo poidamos coordinar a planificación deste hipotético evento. Para calquera cousa, xa sabedes como contactar co nivel branco; estamos aquí para escoitar as vosas suxestións e tentar resolver as vosas dúbidas.

Vita brevis, BD longa!

21/11/06

Exercicios do Lab·Ou (6): Volta e volta



Despois de afondar no eido dos exercicios de multi-lectura, do que vos propuxemos tres retos seguidos (palíndromo, morlaque e tiras cruzadas), cremos que é bo momento de probar con algo novo, mais sen distanciarnos moito do paraugas do OuBaPo (ese modelo que sempre tentamos imitar). Por iso suxerímosvos abordar o tema da reversibilidade, titorando un exercicio de upside down ou volta e volta [4.1.] (para así seguir amosándovos exemplos do OuPus 3).
Citando directamente do Grimorio en que consisten os volta e volta: "BD anaclítica reversíbel dunha páxina en que, ao chegar na lectura á última viñeta, dáselle a volta á páxina (un xiro de 180º) e a narración continúa do revés. O debuxo debe ser suficientemente abstracto para permitir dúas interpretacións, unha de arriba abaixo e outra de abaixo arriba. O texto estará disposto en ambas as dúas direccións, cara arriba e cara abaixo". O inventor dos upside down foi Gustave Verbeek, que xa entre 1903 e 1905 facía BDs cunha estructura invertible (un exemplo delas está a ilustrar este post).
Requisitos para este exercicio titorado: non se trata de debuxar unha historia que poida lerse do dereito e do revés permanecendo igual (iso sería un ambigrama, exercicio 4.2.), senón unha que se desenvolva nas dúas direccións, na que os seus debuxos ollados en cada sentido signifiquen algo distinto. Non hai unha extensión mínima en canto a viñetas. Se triunfades nesta complicadísima encomenda, recibiredes outros 5 puntos para os vosos respectivos cursus honorum (para algúns pode que xa sexan os que lles permitan pasar de nivel).
E xa só resta recordar os detalles de sempre: tedes un trimestre de prazo para mandárnosla se queredes optar a un punto ecuménico outorgado por votación popular dos participantes; lembrade que podedes empregar a nosa lista de correo para todo tipo de preguntas ou discusións sobre este exercicio, e que os filoexperimentadores aínda non afiliados podedes empregalo coma exercicio de ingreso; e que podedes contribuir no labor de documentación envíandoos BDs que coñezades que cumpran con estas características.
Lembrade tamén que o prazo para entregardes o noso primeiro exercicio titorado, o ideograma de orgasmo, expirará o 5 de decembro, polo que dádevos présa se índa queredes facelo e optar por un punto ecuménico.
Vita brevis, BD longa!

20/11/06

Dobre cego: Roque Romero


Facía tempo que non subiamos nada do irmán Rocco ao blog... cousa rara por estos lares. Para amañar esta situación, a súa particular resolución do reto do dobre cego.

18/11/06

Dobre cego: Cosme


Quizais, unha das versións que casualmente máis se asemella á tira orixinal de Calvin & Hobbes... Algo cheira a podre, a morte dunha legume.

16/11/06

Tiras cruzadas: Jochen Gerner


Pechamos a documentación sobre tiras cruzadas ofrecéndovos unha BD de Jochen Gerner con cinco lecturas simultáneas: unha que segue o sentido habitual, da primeira á última viñeta, de esquerda a dereita e darriba abaixo, e catro tiras verticais de tres viñetas cada unha. Seguramente, vós seredes quen de facelo mellor que o amigo Jochen.

15/11/06

Dobre cego: Emma Ríos


Coma se fose unha historia máis do seu APB, Emma foi quen de levar ao seu terreo este desafío labourista. Ademais foi un detalle o seu compromiso, máis de dúas horas sobre a mesa de debuxo para rematalo (só quedaban ela e Porto). Un exemplo de todo o que pode dar de si a faceta experimental da nosa querida irmá Steiner.

14/11/06

Exercicios do Lab·Ou: Morlaque de Cosme


Está ben isto de marchar uns días fóra de viaxe, desconectar das obrigas e do mundanal ruido, volver e atoparse con que en Galicia os labouristas seguiron facendo as súas cousiñas e con que tes varios correos agardando para ser contestados. É unha ledicia ver que os filoexperimentadores participan nos exercicios titorados propostos pola coordinación, que o ánimo colectivo non decae. Coma este paseo polo parque do irmán Cosme, a súa peculiar versión do reto da BD circular ou morlaque. Unha chulada a cor e cunha narrativa moi fluida. Seguramente, vou meter a pata como cada vez que ultimamente fago unha comparación, pero para min ten un certo toque Dupuy-Berberian, un certo regusto á escenografía de Monsieur Jean, sempre na miña humilde e persoal opinión. Moi ben, Cosme. A seguir co bo traballo.

12/11/06

Tiras cruzadas: François Ayrolles


Aquí un exercicio de multi-lectura pero multi, multi... Ayrolles deseñou a súa BD de forma que se poden ler ata 256 tiras diferentes de 4 viñetas cada unha... O método de lectura é ir escollendo ao azar unha viñeta de cada columna vertical e lelas todas seguidas en horizontal-diagonal. Eso si, sen alterar a orde das columnas. Ala, lede e divertídevos, que tendes para un cacho.

11/11/06

Dobre Cego: Bernal Prieto


Como esta fin de semana (de ponte na cidade das Burgas) non imos poder atender o blog ningún dos coordinadores, adiantamos algún dos posts previstos.
Bernal é un membro non oficial do Laboratorio, que xa ten colaborado connosco no cadáver exquisito coruñés e nos experimentos destas últimas Xornadas de Ourense. Aquí tedes a súa Pulga dramática, unha historia minúscula, que non menor.

10/11/06

Tiras cruzadas: Etienne Lécroart


Unha BD con sete lecturas distintas entrelazadas: 3 horizontais de 4 viñetas, e 4 verticais de 3 viñetas.

09/11/06

Dobre cego: Antonio Seijas


Unha versión demoníaca do monólogo, nun impactante branco e negro... ¿Un pouco coma o Sin City de Frank Miller?

08/11/06

Convalidacións de Ill'Rocco (10)


Outra curiosa historia do amigo Roque onde se poden ver as mccloudianas transicións aspecto-a-aspecto entre viñeta e viñeta. A BD chámase Ciudad e esta vez segurísimo que non ten nada que ver con Dave McKean.

07/11/06

Tiras cruzadas: Killoffer


Unha BD de Killoffer con nada menos que 9 lecturas: 4 tiras horizontais de 4 viñetas, 4 tiras verticais de 4 viñetas, e unha secuencia de 16 viñetas co sentido de lectura habitual, de esquerda a dereita e de arriba abaixo.

06/11/06

Dobre cego: David Rubín


O amigo Diablito seica optou por partir do leitmotiv Hamletiano para facer a súa historia... e foi o único que o fixo, o que amosa que estes experimentos son completamente imprevisibles. Se alguén se interesa pola boutade sobre Naruto, que lle pregunte directamente a David, que nos amenizou algunha somebresa ourensá con anécdotas sobre o tema do xeito que só el sabe facelo.

Exercicios do Lab·Ou: Orgasmo de Sanrei


Aquí tedes a primeira proposta de exercicio titorado que nos enviou o noso newcomer labouriano, o irmán Sanrei. Comezando polo comezo, como debe ser, mandounos o seu particular ideograma orgásmico, un corazón rebosante de... "plenitude", por dicilo finamente, que xa lle gustaría á sosa da Igartiburu. Pois moi ben, Pablito. Os que queirades imitalo e mandar os vosos clímax coitais aínda tedes ata final de mes para facelo e entrar na votación por un punto ecuménico.

03/11/06

Convalidacións de Ill'Rocco (9)



Como esta finde marcho ver uns amigos e non vou poder actualizar o blog, déixovos abondoso material de lectura para este par de días. Un exemplo de tiras cruzadas, un dobre cego... e unha nova convalidación do signore Rocco... Axóuxere Nocturno pertencía á época máis... "mckeaniana" do autor e está desenvolto nunha estructura simétrica moi op art, moi decorativa e experimental. Que dicir del xa a estas alturas? Roque, queremos máis fillos teus! (bedeísticos, espero que se entenda)

Dobre cego: Sergio Covelo


Lynchiano total, meu! E cun precioso bitono salmón.

Tiras cruzadas: Jean-Christophe Menu


Un novo exemplo extraído do OuPus 3: unha BD co becho raro este que sempre debuxa o Menu (Kasku, creo que se chama) con sete lecturas cruzadas: tres horizontais e catro verticais). A ver que vos inspira...

02/11/06

Lecturas recomendadas polo Lab·Ou

O Lab·Ou ten sede central en Ourense e por aquí non hai librerías especializadas en banda deseñada, polo que cada vez que saio de visita ao estranxeiro, aproveito para pasar por BD! (a tenda de Melo e Eva) ou pola Gata Tola para aprovisionarme de lecturas para unha boa tempada. Do meu último periplo destacaría un par de novidades polo seu carácter filoexperimental. De Ganges de Kevin Huizenga (sins entido) suliñaría como mestura as pequenas historias cotiás e insignificantes (un paseo ata a biblioteca, unha conversa conxugal no leito, etc.) con arriscadas composicións narrativas que se saen do agardable nun slice of life. Por exemplo, na ilustración podedes ver unha curiosa regresión temporal-mental a través de xogos coa elipse entre viñetas. Unha BD para ler con calma e fixarse nos seus mecanismos. Velaquí a súa web.

Morlac de Leif Tande (Diábolo) é un abraiante divertimento en plan multi-lectura que me lembra poderosamente aos libros de Elige tu propia aventura que liamos de pequenos, que sacaba Timun Mas e tiñan as capas vermellas (vós tamén os liades, non?, polo menos na sección infantil da biblioteca de Ourense eran dos máis solicitados...). O caso é que o lector pode escoller que trama prefire para o protagonista, e os argumentos vanse complicando segundo avanza a acción. O paralelismo e a simultaneidade están presentes en todo o experimento, pero sobre todo destacaría o seu carácter lúdico, de ir facendo escollas a ver qué lle acabará pasando ao fulano protagonista. É o tipo de lectura ideal para levarse ao baño e gozala en pequenas doses, pouquiño a pouco, unha liña argumental de cada vez, para que non canse. Unha inesperada sorpresa coñecer a este tal Tande, de quen non sabía nada e que xa me ten namorado polo seu dominio da BD experimental. Velaquí o seu blog.

Convalidacións de Sanrei (1)






Aquí tedes o exercicio de ingreso que nos enviou o recén chegado irmán Sanrei para entrar nesta irmandade místico-máxica. Nada menos que unha BD muda de 4 páxinas onde se divirte coas convencións onomatopeicas, e por riba a cor. Bastante interesante para ser o primeiro. Que non decaia!

01/11/06

Tiras cruzadas: Lewis Trondheim


Se queredes historias de náufragos, as de Lewis Trondheim son máis interesantes que as da serie Perdidos, polo menos non teñen tanto cabo solto. Aquí podedes saborear sete tramas paralelas: tres en horizontal, de esquerda a dereita; tres en vertical, de arriba abaizo; e unha en diagonal, da esquina superior esquerda á inferior dereita. Bon appétit!