30/01/07

A Brief History of America de Robert Crumb

Lendo o outro día unha entrevista a este autor traducida polos traballadores rapaces de Entrecomics, vin que incluían a modo de ilustración a súa famosa BD experimental A brief history of America, sen personaxes, en plan fixo e baseando o seu aquel nunhas brutais elipses de varias décadas entre viñetas, e non puiden evitar facer un recorta e pega. Unha historia supersinxela e eficaz, que a día de hoxe segue a influenciar a numerosos debuxantes. Sen ir máis lonxe, lendo o recente Curses de Kevin Huizenga, vin nunha páxina unha homenaxe á narrativa desta pequena obra mestra da novena arte. A ver se me lembro de posteala algún outro día.

26/01/07

Punto ecuménico do morlaque

Como puidestes ver (pois desta vez a votación foi espontaneamente pública na nosa lista de correo), os seguidores dos morlaques de Magog (que se decantaron en masa pola peceira) e de Cosme ían moi igualados, pero contando os votos privados, o amigo Cosme gáñalle a Hugo por un voto. Así que o exercicio De paseo por el parque será o agraciado cun punto extra ecuménico. Noraboa a Cosme polo recoñecemento, e tamén a Magog, que se currou unha participación doble.

23/01/07

Iteracións: Lewis Trondheim

Pechamos o noso seguimento do OuPus 3, unha das obras máis axeitadas para introducirse na potencialidade bedeística, con esta iteración icónica total de Lewis Trondheim, efectiva pero cuestionable (realmente era necesario ese plano repetido do avión para contar esta historia?; funciona, pero...). Nos vindeiros días desde o nivel branco seguiremos propondo novos exercicios colectivos, pero desta vez sen cinguirnos tanto ao modelo do OuBaPo.

19/01/07

Iteracións: Étienne Lécroart


Lécroart emprega (un pouco inxustificadamente, todo hai que dicilo) a excusa da itteración icónica para xogar aos trabalinguas repetindo tamén partes do texto nun diálogo de besugos. Algo collido polos pelos: os oubapianos tampouco son infalibles.

17/01/07

Iteracións: Killoffer


Killoffer profundiza nunha única imaxe de partida, pero literalmente. Decidiu xogar co zoom e darlle capas de profundidade microscópica á súa iteración.

15/01/07

Iteracións: François Ayroles

Unha variación posible no tema das iteracións: Ayroles aposta pola versión parcial do exercicio e repite un mesmo motivo central ao que lle varía o contexto en cada viñeta para mudar o seu significado pero manter esa sensación de déjà-vu ata o final. Curioso, aínda que non é un resultado tan redondo como xogar sempre coa mesma imaxe.

12/01/07

Iteracións: Jochen Gerner

Aquí tendes un exercicio de iteración total do amigo Gerner, no que repetindo unha mesma imaxe fai variación humorísticas modificando os diálogos. A reiteración aparece xustificada para transmitir esa sensación de rutina burocrática e tediosidade.

11/01/07

Exercicios do Lab·Ou: Morlaque de Magog (2)

Segundo dos morlaques feitos en Nadal que tivo a ben enviarnos o noso estimado irmán Magog. Xogando co feito de que a memoria dos peixes só dura uns segundos, construiu un divertido bucle en torno a un castelo que funciona á perfección. E sen precisar viñetas, tampouco.

10/01/07

Exercicios do Lab·Ou (8): Iteración icónica

Pois pouco a pouco, por fin rematamos de visitar o OuPus 3, esa obra colectiva do OuBaPo francés que na nosa loxa tomamos como guía de iniciación no mundo da BD potencial. Xa só queda un exercicio colectivo que propor para esgotar os modelos propostos neste mítico manual, e será sinxeliño en comparación cos retos aos que vos tendes enfrontado de momento (tiras cruzadas, palíndromos, morlaques e demais fauna): unha iteración icónica.

Dentro das iteracións, podedes escoller o modelo total (citando do Grimorio [2.1.], "BD dunha ou varias páxinas na cal se repite a parte icónica en todas as viñetas; a mesma imaxe cambiando só os textos, ou ben un número limitado de imaxes recorrentes") ou o parcial (citando do Grimorio [2.2], "BD dunha ou varias páxinas en que se repite case por completo a parte icónica nas viñetas; a mesma imaxe con lixeiras variacións, ou ben un elemento recorrente que se repite en todas as imaxes na mesma posición"); pois ambos son empregados polos membros de L'Association nos seus exercicios.

Requisito fundamental para a validez do exercicio: ten que haber unha excusa argumental que xustifique a iteración icónica. Non pode poñerse unha repetición gratutita, que non case coa historia e sexa forzada, nin unha solución ex machina metida con calzador. Debe haber unha perfecta simbiose entre a forma e o fondo. Como podedes ver no exemplo de Jean-Christophe Menu que ilustra este post, a BD está construída mesturando iteracións totais e parciais que casan perfectamente coa excusa argumental, e por riba é muda. Ao ser un desafío menos complicado que os anteriores, só está valorado con 2 puntiños; pero mirádeo polo lado bo, é máis sinxeliño de cometer, así que animádevos a participar.

E xa só resta recordar os detalles de sempre: tedes un trimestre de prazo para mandárnosla se queredes optar a un punto ecuménico outorgado por votación popular dos participantes; lembrade que podedes empregar a nosa lista de correo para todo tipo de preguntas ou discusións sobre este exercicio, e que os filoexperimentadores aínda non afiliados podedes empregalo coma exercicio de ingreso; e que podedes contribuir no labor de documentación envíandoos BDs que coñezades que cumpran con estas características.

Vita brevis, BD longa!

08/01/07

Continúa a xira de David Rubín

Por orde do irmán Diablito Beer, faise saber que continúa a xira de presentación da súa última obra, La tetería del oso malayo. A vindeira parada deste periplo será a fermosa e bedéfila cidade de Ourense, que recibirá a un dos seus fillos predilectos o día 13 no café Auriense. Máis información no blog de Monsieur Rubín, cuxo link teñen na barra da esquerda.

Exercicios do Lab·Ou: Morlaque de Magog (1)

O irmán Magog non perdeu o tempo estas pasadas festas, e en vez de dedicarse a atiborrarse de turrón e ver galas malísimas de televisión, aproveitou para facer non un, senón dous morlaques. Este, titulado Astronauta, seica é do que está máis orgulloso. "No espacio, ninguén pode escoitar a túa voz". Nos vindeiros días, o outro.

05/01/07

Punto ecuménico do palíndromo

Se na anterior votación popular os puntos estiveron moi repartidos e calquera podería ter levado o gato á auga, no caso do palíndromo o gañador foi escollido practicamente por unanimidade. Desde o primeiro momento, os participantes premiaron o exercicio de Ill'Rocco cos seus votos. Supoño que todos, coma bos compañeiros de fatigas, quixeron recompensar o evidente esforzo que supón unha BD de 19(!) viñetas das que a metade teñen que repetirse en orde directamente inversa, unha complexidade kamikaze pero afrontada con valentía e sen renunciar ás constantes fantacientíficas habituais na obra de Romero. Noraboa, Roque; tes un puntiño máis no teu cursus honorum , por vontade expresa dos labouristas. A seguir co bo traballo desde a Mariña!

03/01/07

Exercicios do Lab·Ou: Palíndromo de Covelow

Aínda que chegou un par de días rematado o prazo de entrega do exercicio do palíndromo, finalmente decidimos aceptar esta banda deseñada do irmán Covelow, xa que ao coincidiren varios días festivos e unha fin de semana por medio era bastante plausible que o pobre Sergio non atopase ningún ordenador con internet dende onde enviala. Ademais, ten o detalle de estar feita a cor, o que é un traballiño. Pode que sexa por ser eu fan de Charlie Kaufman e das súas movidas autorreferencias, mais encántanme os traballos metalingüísticos coma este. Nun par de días, feita por fin a votación, coñeceremos ao gañador do punto ecuménico deste reto.

02/01/07

Ano novo, plantilla nova

Hai tempo que queriamos facerlle un lavado de cara ao blog do Lab·Ou, pero todo eran pretextos para pospoñelo e retrasar os axustes... Ademais, o único que sabía reconfigurar o http era o Mestre Cerralleiro, ausente moitas veces dos labores diarios deste laboratorio (outras tarefas o ocupan), polo que esta Ama de Chaves non se atrevía a tocar nada non fose que armase un cristo e chimpase a páxina.

Pero co cambio a Blogger Beta, que dá algún que outro problema pero en xeral é máis sinxelo de manexar, e fuchicando un pouquiño, nunha tarde puidemos por fin atrevernos a mudar a vella plantilla por outra un chisco máis acorde co leitmotiv desta loxa (polo menos, a min o rollo pergamino en tono papel escurecido paréceme moito máis místico-máxico, onde vai parar...).

Esta nova presentación pode que aínda sexa provisional; imos probala uns días a ver que tal campa. Aceptamos todo tipo de suxestións sobre cores, tamaños e tipografías, xa que do que se trata é que tamén vos guste aos lectores.

E isto pode ser tamén a punta do iceberg das ideas que traemos para o segundo cuatrimestre de existencia deste proxecto. Mentres vós sigades participando e facéndoo viable, non seguiremos procurando difundir a experimentación e investigación en banda deseñada.

Vita brevis, BD longa!