27/04/07

As fotos barcelonesas de Magog

Que lles parece esta instantánea na que os nosos übermenschen labouristas Stereotopffer e Ill'Rocco filosofean sobre o humán e o divino tirados no frío chan do Eixample barcelonés, seguindo o exemplo do sabio Dióxenes de Sínope? Queren coñecer os excesos etílicos e momentos de esparcimentos dos membros deste Laboratorio e demais persoeiros do mundo da BD galega e nacional no pasado Saló? Pois pásense por este fotolog do irmán Magog, retratista oficial do Lab·Ou en Barcelona, para coñecer a cara máis espontánea dos enfants terribles das nosas viñetas.

Retornados de Barcelona

Xa pasaron uns días desde que regresamos da nosa estadía no 25º Saló de Barcelona, e tras un resfriado de media semana (estes cambios de clima, entre o Atlántico e o Mediterráneo, son tremendos), xa estamos listos para reincorporarnos ao noso labor. Dende logo, pagou a pena visitar o Saló: é un deses eventos que por moito que che conten, tes que velos en persoa para poder asimilalos. A nosa intención de facer algún experimento barcelonés amosou ser demasiado optimista (non coñeciamos o ritmo frenético do festival; todo o mundo andaba de aquí para acolá, sempre era tarde, como para o coello branco de Alicia), mais pode que aínda algún labourista asistente se anime a facer algún intento en diferido (¿esas anécdotas barcelonesas?).

Porén, xulgamos que a nosa participación foi beneficiosa e productiva. Démonos bastante a coñecer por esas terras afastadas, repartimos bastantes Fanzines das Xornadas (co noso artigo de presentación) ás persoas axeitadas, coñecimos a candidatos potenciais para unírense ao Laboratorio e fixemos contactos con xente inesperada. Pero sobre todo, botamos unhas cantas partidas ao futbolín do stand da BD galega e colámonos na entrega de premios, puidendo estar presentes cando saíron victoriosos os nosos benqueridos David Rubín (ese Diablito, finalmente consolidado) e a troupe de Polaqia (entre os que hai moito labourista: os Covelos, Emma, Roque e cía), mellor fanzine por Barsowia. E por riba o pope Miguelanxo, Gran Premio deste ano. Noraboa a todos eles, xa sabedes o moito que nos aledamos por vós.

Nos vindeiros días, máis cousiñas do Saló e mellor dixeridas.

(O debuxo da esquerda, de Robledo, estba no stand galego a case dous metros. Unha chulada de maqueta. A ver se conseguimos fotos.)

15/04/07

Emile Bravo en El Manglar


As cousas van por ciclos. Tras uns meses sen ningunha publicación especializada en BDs, de súpeto abren novas revistas como El Manglar ou Aaargh, renacen vellos experimentos fanzineiros como 2 veces breve ou o Fanzine enfermo, e chegan os novos números de Barsowia e a reformulada BD Banda, co que nun curto periodo de tempo nos atopamos nos nosos andeis de súpeto con varias cabeceiras centradas en historias curtas. O que a nós no Lab·Ou parécenos estupendo. De sempre, as pezas breves permiten xogar máis coa experimentación e a narrativa gráfica que as historias máis longas.

De entre todo o que se viu editado nestas revistas, destacariamos en primeiro lugar unha BD muda de 10 páxinas feita polo francés Emile Bravo, que aparece no n.º 1 de El Manglar, editada por Dib·buks; aínda que tamén a atopamos no último volume da antoloxía periódica Mome de Fantagraphics (cousas da globalización). Ademais de polo seu militante alegato antimilitarista e por ser unha lúcida (e ao mesmo tempo divertida) reflexión sobre a situación en Oriente Medio, encantounos polo seu meritorio uso dos iconos e metáforas visuais como substitutos da linguaxe verbal (nada novo, pero moi ben usado). Penduramos no blog as dúas primeiras páxinas deste cómic para que vos fagades unha idea, aínda que vos recomendamos a súa lectura completa, por suposto.

13/04/07

O Lab·Ou estará presente no Saló de Barcelona

Acaban de confirmarnos que grazas entre outros ao decidido apoio da Casa da Xuventude de Ourense, o Lab·Ou acodirá á 25ª edición do Saló del Còmic de Barcelona, a feira máis importante da BD en España, que terá lugar do 19 ao 22 de Abril na Fira barcelonesa. O Laboratorio Galego de Banda Deseñada Experimental contará cunha presentación das súas actividades no stand da Banda Deseñada Galega o venres 20 pola tarde, que esperamos sirva de tarxeta de presentación deste proxecto a nivel nacional. Ademais, durante todo o Saló o Lab·Ou tentará desenvolver experimentos colectivos semellantes aos xa levados a cabo noutros eventos comiqueiros como o Viñetas desde o Atlántico coruñés ou as Xornadas de Ourense.

Sabemos que moitos dos labouristas e filoexperimentadores estaredes presentes no festival catalán, así que animámosvos a unírdevos á nosa presentación e a que participedes nalgún dos diversos exercicios que terán lugar no Saló, así como a exercerdes de embaixadores da causa investigadora galaica entre as xentes da industria. Aceptamos suxestións e recomendacións de cara ás actividades barcelonesas (para nós sería o primeiro ano alí, e ao non termos experiencia todo resulta descoñecido mais fascinante). Moita sorte aos amigos nominados (o noso Diablito tetracandidato, algo terá que caer; así como aos asociados polaqos, Alberto Vázquez e compaña).

Vita brevis, BD longa!

11/04/07

Convalidacións de Covelow (1)

O noso estimado irmán Covelow apoderouse da contracapa do recentemente editado n.º 9 de Barsowia para colar un exercicio labourista. A plena cor, Sergio fai unha páxina que xoga coa idea de secuencia simultánea, partindo en paneis unha única escea para que o sentido de lectura e a distribución dos elementos aporten máis profundidade a unha historia en princicio lixeira. Noraboa a Covelow, por seguir experimentando máis aló das actividades deste laboratorio. Animamos aos demais compañeiros labouristas a que sigan o seu exemplo e nos envíen as súas BDs máis recentes para postealas no blog.

O novo Barsowia 9

Os mozos de Polaqia son uns fervellasverzas que non paran de producir páxinas e páxinas de BDs. Xa nos vosos quioscos e librarías especializadas de cabeceira podedes atopar o último número do seu buque insignia, a revista colectiva Barsowia, a que fora galardoada co Premio do Público ao mellor fanzine na última edición do Saló de Barcelona.

Cunha fermosa (e ao mesmo tempo desacougante) portada de Brais Rodríguez, esta novena entrega contén historias de varios coñecidos do Lab·Ou, coma David Rubín, os irmáns Hugo e Sergio Covelo, Emma Ríos ou Roque Romero; así como doutras estrelas da BD galega (Kike Benlloch, Diego Blanco, Álvaro López, o xa mencionado Rodríguez, etc.) e internacional (Susa Monteiro, Paulo Monteiro). Non sexades parvos e ide mercala antes de que se esgote!