Mostrar mensagens com a etiqueta novas e sucesos. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta novas e sucesos. Mostrar todas as mensagens

15/05/07

La tira más larga: un cadáver online


O amigo e filoexperimentador Ill'Rocco avisounos de que no blog de Rafa Morey se está a levar adiante un proxecto de cadáver exquisito colectivo aberto para calquera que queira participar (as instrucións, aquí), ao que humildemente bautizárono como La tira más larga del mundo. O mesmo Roque contribuiu neste experimento online realizando a viñeta n.º 10, que reproducimos aquí abaixo. Parécenos un exercicio interesante (aínda que discrepemos en parte coa metodoloxía: coidamos que para obter mellores resultados é preferible facelo a cegas e que os autores non coñezan as colaboracións anteriores ata estar rematado) e felicitamos aos promotores e aos participantes por animárense a montar este invento. Decidirémonos nós desde o Lab·Ou a comezar algún día ese cadáver por correo electrónico, tantas veces proposto mais sempre posposto?

14/05/07

Festa de Polaqia

Os amigos de Polaqia avisan de que farán festa de presentación do último número do seu fanzine Barsowia na Coruña. O evento terá lugar o sábado 19 ás 19:00 na libraría Alita Comics (na rúa Orzán, en pleno itsmo). Seica haberá diyeis deses poñendo música e tamén prometen alcohol, así que non a perdades. Entre os polaqos anfitrións, moitos labouristas habituais estarán presentes, como Ill'Rocco, Steiner from Mars, Covelow, Magog e Diablito Beer, e se os vedes seguramente non terán ningún problema en facervos unha tira palindrómica monovocálica, un morlaque trapezoidal ou un cadáver exquisito mimetizado, así que non dubidedes en achegarvos ao seu carón. Se queredes máis datos, ide á súa web.

27/04/07

Retornados de Barcelona

Xa pasaron uns días desde que regresamos da nosa estadía no 25º Saló de Barcelona, e tras un resfriado de media semana (estes cambios de clima, entre o Atlántico e o Mediterráneo, son tremendos), xa estamos listos para reincorporarnos ao noso labor. Dende logo, pagou a pena visitar o Saló: é un deses eventos que por moito que che conten, tes que velos en persoa para poder asimilalos. A nosa intención de facer algún experimento barcelonés amosou ser demasiado optimista (non coñeciamos o ritmo frenético do festival; todo o mundo andaba de aquí para acolá, sempre era tarde, como para o coello branco de Alicia), mais pode que aínda algún labourista asistente se anime a facer algún intento en diferido (¿esas anécdotas barcelonesas?).

Porén, xulgamos que a nosa participación foi beneficiosa e productiva. Démonos bastante a coñecer por esas terras afastadas, repartimos bastantes Fanzines das Xornadas (co noso artigo de presentación) ás persoas axeitadas, coñecimos a candidatos potenciais para unírense ao Laboratorio e fixemos contactos con xente inesperada. Pero sobre todo, botamos unhas cantas partidas ao futbolín do stand da BD galega e colámonos na entrega de premios, puidendo estar presentes cando saíron victoriosos os nosos benqueridos David Rubín (ese Diablito, finalmente consolidado) e a troupe de Polaqia (entre os que hai moito labourista: os Covelos, Emma, Roque e cía), mellor fanzine por Barsowia. E por riba o pope Miguelanxo, Gran Premio deste ano. Noraboa a todos eles, xa sabedes o moito que nos aledamos por vós.

Nos vindeiros días, máis cousiñas do Saló e mellor dixeridas.

(O debuxo da esquerda, de Robledo, estba no stand galego a case dous metros. Unha chulada de maqueta. A ver se conseguimos fotos.)

13/04/07

O Lab·Ou estará presente no Saló de Barcelona

Acaban de confirmarnos que grazas entre outros ao decidido apoio da Casa da Xuventude de Ourense, o Lab·Ou acodirá á 25ª edición do Saló del Còmic de Barcelona, a feira máis importante da BD en España, que terá lugar do 19 ao 22 de Abril na Fira barcelonesa. O Laboratorio Galego de Banda Deseñada Experimental contará cunha presentación das súas actividades no stand da Banda Deseñada Galega o venres 20 pola tarde, que esperamos sirva de tarxeta de presentación deste proxecto a nivel nacional. Ademais, durante todo o Saló o Lab·Ou tentará desenvolver experimentos colectivos semellantes aos xa levados a cabo noutros eventos comiqueiros como o Viñetas desde o Atlántico coruñés ou as Xornadas de Ourense.

Sabemos que moitos dos labouristas e filoexperimentadores estaredes presentes no festival catalán, así que animámosvos a unírdevos á nosa presentación e a que participedes nalgún dos diversos exercicios que terán lugar no Saló, así como a exercerdes de embaixadores da causa investigadora galaica entre as xentes da industria. Aceptamos suxestións e recomendacións de cara ás actividades barcelonesas (para nós sería o primeiro ano alí, e ao non termos experiencia todo resulta descoñecido mais fascinante). Moita sorte aos amigos nominados (o noso Diablito tetracandidato, algo terá que caer; así como aos asociados polaqos, Alberto Vázquez e compaña).

Vita brevis, BD longa!

11/04/07

O novo Barsowia 9

Os mozos de Polaqia son uns fervellasverzas que non paran de producir páxinas e páxinas de BDs. Xa nos vosos quioscos e librarías especializadas de cabeceira podedes atopar o último número do seu buque insignia, a revista colectiva Barsowia, a que fora galardoada co Premio do Público ao mellor fanzine na última edición do Saló de Barcelona.

Cunha fermosa (e ao mesmo tempo desacougante) portada de Brais Rodríguez, esta novena entrega contén historias de varios coñecidos do Lab·Ou, coma David Rubín, os irmáns Hugo e Sergio Covelo, Emma Ríos ou Roque Romero; así como doutras estrelas da BD galega (Kike Benlloch, Diego Blanco, Álvaro López, o xa mencionado Rodríguez, etc.) e internacional (Susa Monteiro, Paulo Monteiro). Non sexades parvos e ide mercala antes de que se esgote!