15/04/07

Emile Bravo en El Manglar


As cousas van por ciclos. Tras uns meses sen ningunha publicación especializada en BDs, de súpeto abren novas revistas como El Manglar ou Aaargh, renacen vellos experimentos fanzineiros como 2 veces breve ou o Fanzine enfermo, e chegan os novos números de Barsowia e a reformulada BD Banda, co que nun curto periodo de tempo nos atopamos nos nosos andeis de súpeto con varias cabeceiras centradas en historias curtas. O que a nós no Lab·Ou parécenos estupendo. De sempre, as pezas breves permiten xogar máis coa experimentación e a narrativa gráfica que as historias máis longas.

De entre todo o que se viu editado nestas revistas, destacariamos en primeiro lugar unha BD muda de 10 páxinas feita polo francés Emile Bravo, que aparece no n.º 1 de El Manglar, editada por Dib·buks; aínda que tamén a atopamos no último volume da antoloxía periódica Mome de Fantagraphics (cousas da globalización). Ademais de polo seu militante alegato antimilitarista e por ser unha lúcida (e ao mesmo tempo divertida) reflexión sobre a situación en Oriente Medio, encantounos polo seu meritorio uso dos iconos e metáforas visuais como substitutos da linguaxe verbal (nada novo, pero moi ben usado). Penduramos no blog as dúas primeiras páxinas deste cómic para que vos fagades unha idea, aínda que vos recomendamos a súa lectura completa, por suposto.

13/04/07

O Lab·Ou estará presente no Saló de Barcelona

Acaban de confirmarnos que grazas entre outros ao decidido apoio da Casa da Xuventude de Ourense, o Lab·Ou acodirá á 25ª edición do Saló del Còmic de Barcelona, a feira máis importante da BD en España, que terá lugar do 19 ao 22 de Abril na Fira barcelonesa. O Laboratorio Galego de Banda Deseñada Experimental contará cunha presentación das súas actividades no stand da Banda Deseñada Galega o venres 20 pola tarde, que esperamos sirva de tarxeta de presentación deste proxecto a nivel nacional. Ademais, durante todo o Saló o Lab·Ou tentará desenvolver experimentos colectivos semellantes aos xa levados a cabo noutros eventos comiqueiros como o Viñetas desde o Atlántico coruñés ou as Xornadas de Ourense.

Sabemos que moitos dos labouristas e filoexperimentadores estaredes presentes no festival catalán, así que animámosvos a unírdevos á nosa presentación e a que participedes nalgún dos diversos exercicios que terán lugar no Saló, así como a exercerdes de embaixadores da causa investigadora galaica entre as xentes da industria. Aceptamos suxestións e recomendacións de cara ás actividades barcelonesas (para nós sería o primeiro ano alí, e ao non termos experiencia todo resulta descoñecido mais fascinante). Moita sorte aos amigos nominados (o noso Diablito tetracandidato, algo terá que caer; así como aos asociados polaqos, Alberto Vázquez e compaña).

Vita brevis, BD longa!

11/04/07

Convalidacións de Covelow (1)

O noso estimado irmán Covelow apoderouse da contracapa do recentemente editado n.º 9 de Barsowia para colar un exercicio labourista. A plena cor, Sergio fai unha páxina que xoga coa idea de secuencia simultánea, partindo en paneis unha única escea para que o sentido de lectura e a distribución dos elementos aporten máis profundidade a unha historia en princicio lixeira. Noraboa a Covelow, por seguir experimentando máis aló das actividades deste laboratorio. Animamos aos demais compañeiros labouristas a que sigan o seu exemplo e nos envíen as súas BDs máis recentes para postealas no blog.

O novo Barsowia 9

Os mozos de Polaqia son uns fervellasverzas que non paran de producir páxinas e páxinas de BDs. Xa nos vosos quioscos e librarías especializadas de cabeceira podedes atopar o último número do seu buque insignia, a revista colectiva Barsowia, a que fora galardoada co Premio do Público ao mellor fanzine na última edición do Saló de Barcelona.

Cunha fermosa (e ao mesmo tempo desacougante) portada de Brais Rodríguez, esta novena entrega contén historias de varios coñecidos do Lab·Ou, coma David Rubín, os irmáns Hugo e Sergio Covelo, Emma Ríos ou Roque Romero; así como doutras estrelas da BD galega (Kike Benlloch, Diego Blanco, Álvaro López, o xa mencionado Rodríguez, etc.) e internacional (Susa Monteiro, Paulo Monteiro). Non sexades parvos e ide mercala antes de que se esgote!

11/02/07

O blog de Steiner from Mars

Un membro do noso colectivo, a nosa querida Steiner from Mars (que é coma a auga do planeta vermello: non se deixa ver moi a miúdo, pero cando aparece énchenos de esperanza), acaba de inaugurar blog homónimo propio. Acabamos de engadir o link na columniña correspondente da esquerda. Ídelle facer unha visitiña a Emma; seguro que non quedades defraudados coa súa arte.

08/02/07

Exercicios de Lab·Ou: Iteración de Magog

Lamento moitísimo que ultimamente a páxina do Lab·Ou non teña moita vidilla, pero entre que os labouristas non mandades novas historias ou exercicios, e que eu estou nunha etapa persoal bastante mala e non teño tempo para buscar cousiñas que postear, isto está de capa caída.

Afortunadamente para nós, veu o irmán Magog a sacarnos do apuro presentándonos a súa proposta do último exercicio encomendado, a iteración (neste caso, versión total). É unha BD ben chula que funciona á perfeción, especialmente o gag das dúas últimas viñetas. Noraboa, Hugo.

Espero nos vindeiros días volver postear cunha mínima frecuencia, e cun pouco de sorte nunhas semanas retomar o ritmo frenético dos bos tempos. Pero lembrade que nós deberiamos ser meros intermediarios e vós os protagonistas destas páxinas.

30/01/07

A Brief History of America de Robert Crumb

Lendo o outro día unha entrevista a este autor traducida polos traballadores rapaces de Entrecomics, vin que incluían a modo de ilustración a súa famosa BD experimental A brief history of America, sen personaxes, en plan fixo e baseando o seu aquel nunhas brutais elipses de varias décadas entre viñetas, e non puiden evitar facer un recorta e pega. Unha historia supersinxela e eficaz, que a día de hoxe segue a influenciar a numerosos debuxantes. Sen ir máis lonxe, lendo o recente Curses de Kevin Huizenga, vin nunha páxina unha homenaxe á narrativa desta pequena obra mestra da novena arte. A ver se me lembro de posteala algún outro día.

26/01/07

Punto ecuménico do morlaque

Como puidestes ver (pois desta vez a votación foi espontaneamente pública na nosa lista de correo), os seguidores dos morlaques de Magog (que se decantaron en masa pola peceira) e de Cosme ían moi igualados, pero contando os votos privados, o amigo Cosme gáñalle a Hugo por un voto. Así que o exercicio De paseo por el parque será o agraciado cun punto extra ecuménico. Noraboa a Cosme polo recoñecemento, e tamén a Magog, que se currou unha participación doble.

23/01/07

Iteracións: Lewis Trondheim

Pechamos o noso seguimento do OuPus 3, unha das obras máis axeitadas para introducirse na potencialidade bedeística, con esta iteración icónica total de Lewis Trondheim, efectiva pero cuestionable (realmente era necesario ese plano repetido do avión para contar esta historia?; funciona, pero...). Nos vindeiros días desde o nivel branco seguiremos propondo novos exercicios colectivos, pero desta vez sen cinguirnos tanto ao modelo do OuBaPo.

19/01/07

Iteracións: Étienne Lécroart


Lécroart emprega (un pouco inxustificadamente, todo hai que dicilo) a excusa da itteración icónica para xogar aos trabalinguas repetindo tamén partes do texto nun diálogo de besugos. Algo collido polos pelos: os oubapianos tampouco son infalibles.