
Dentro das iteracións, podedes escoller o modelo total (citando do Grimorio [2.1.], "BD dunha ou varias páxinas na cal se repite a parte icónica en todas as viñetas; a mesma imaxe cambiando só os textos, ou ben un número limitado de imaxes recorrentes") ou o parcial (citando do Grimorio [2.2], "BD dunha ou varias páxinas en que se repite case por completo a parte icónica nas viñetas; a mesma imaxe con lixeiras variacións, ou ben un elemento recorrente que se repite en todas as imaxes na mesma posición"); pois ambos son empregados polos membros de L'Association nos seus exercicios.
Requisito fundamental para a validez do exercicio: ten que haber unha excusa argumental que xustifique a iteración icónica. Non pode poñerse unha repetición gratutita, que non case coa historia e sexa forzada, nin unha solución ex machina metida con calzador. Debe haber unha perfecta simbiose entre a forma e o fondo. Como podedes ver no exemplo de Jean-Christophe Menu que ilustra este post, a BD está construída mesturando iteracións totais e parciais que casan perfectamente coa excusa argumental, e por riba é muda. Ao ser un desafío menos complicado que os anteriores, só está valorado con 2 puntiños; pero mirádeo polo lado bo, é máis sinxeliño de cometer, así que animádevos a participar.
E xa só resta recordar os detalles de sempre: tedes un trimestre de prazo para mandárnosla se queredes optar a un punto ecuménico outorgado por votación popular dos participantes; lembrade que podedes empregar a nosa lista de correo para todo tipo de preguntas ou discusións sobre este exercicio, e que os filoexperimentadores aínda non afiliados podedes empregalo coma exercicio de ingreso; e que podedes contribuir no labor de documentación envíandoos BDs que coñezades que cumpran con estas características.
Vita brevis, BD longa!
Sem comentários:
Enviar um comentário