01/09/06

Experimentadores en BD (3): Javier Olivares

Javier Olivares podería ser definido coma un 'supervivente': un dos poucos membros da xeración dos 80s que segue nisto das BDs, aturou sen resignación a travesía polo deserto que supuxeron os 90s para moitos autores españois e neste novo milenio tamén se lle ve bastante vivo e sen ganas de xubilarse. Nun dossier da revista U calificábano de 'rupturista', e ben mirado tiñan razón. Sempre fixo o que lle petou independentemente do que se levase en cada momento, e quizais por iso foi un dos grandes innovadores do medio, levándoo un pouquiño máis aló en cada historia que producía.
É bastante difícil escoller algunha das súas BDs sobre as demais para reseñala nun mísero post; todas son personalísimas e en todas hai, en maior ou menor grao, algo de exploración gráfica: a estructura fixa en Uccello, pintor, a estructura simétrica en Papilio Zelda, a restrición de enfoque con plano fixo en Dr. Jeckyll & Mr. Hyde, a restrición textual na BD muda que fixera para o Comix 2000, e un pouco de todo o anterior na preciosa Canción de María Mortecina.
Pero se por obriga houbese que decidirse por unha única obra, esa sería a serie Cuentos de la estrella legumbre. Con eles Javier inventa un novo xénero, un híbrido entre o cómic e o conto ilustrado. Poderían ser tamén haikus adaptados a BD, e mesmo nalgúns casos greguerías debuxadas. Rompendo fronteiras e revolucionando conceptos en cada nova páxina, Olivares (nalgunhas ocasións só, noutras acompañado de colaboradores coma Berrio, Mauro, Adanti e moitos outros) propuña pequenas biografías de seres inventados, divertidas reflexións metalingüísticas, traxedias en verso, manifestos existenciais e moito máis. Cada historia era un universo, único e irrepetíbel, no que se desafiaban as normas prestablecidas sobre o que debe ser a banda deseñada.
A editora Media Vaca compilou nunha preciosa edición a totalidade destes relatos gráficos de estrelas legumináceas, e en La caja negra (publicado por Glénat) agrúpanse moitas das historias curtas deste autor que andaban espalladas por distintas revistas e fanzines. Dúas lecturas imprescindíbeis dun interesante creador e perpetuo experimentador. E por suposto, as súas páxinas máis recentes as veredes penduradas no seu blog.

Sem comentários: