19/09/06

Longa vida ao irmán Ill'Rocco

Cada vez que un novo aprendiz chama á nosa porta implorándonos que lle permitamos acceder a este exclusivo sancta sanctorum de sabedorías pictográficas, para nós, os Donos das Chaves, é un motivo duplo de ledicia. Por unha banda, por termos carne fresca que sabo... digooo, por recibir a artistas afoutos desexosos de experimentar na BD. E pola outra, porque nos dan chance a escribir un post de benvida no que podemos informar do bo ritmo co que se desenvolve o Laboratorio. Seguindo a vontade de Heráclito (sempre máis interesante có rancio de Parménides), o acontecer do Lab·Ou é un fluxo permanente; isto móvese, avanza cara algures, e de aquí a pouco poderemos amosar indubidabelmente que ningún debuxante terá que bañarse dúas veces no mesmo río, a menos que a auga estea fresquiña e lle apeteza. Mais deixemos a filosofía presocrática e pasemos aos saúdos.
Recibimos de bo grao ao deseñador Roque Romero, que escolleu como pseudónimo labourista co que ser designado o curioso alias de Ill'Rocco. Non sabemos de que Rocco terá máis, se de Siffredi ou se do de "e os seus irmáns", mais agardamos que combine o mellor de cada un para o seu traballo investigador: a resistencia, enormidade e capacidade de penetración no que fai da porn star e a nobreza e a bondade do personaxe viscontiano.
Roque non é novo nisto das loxias; xa conta cunha ampla experiencia de pertenza a irmandades pseudosecretas. Temos constancia de que era un activo membro do Contubernio viveirense, esa revista que adoutrinaba aos seus masoncinhos con enriquecedoras fábulas morais e na que o Sr. Romero nos agasallaba con esas experiencias psicotrópicas que resultaban ser os seus Night Cuts.
A súa emigración a terras 'polaqas' fíxolle manter encontros na terceira fase un chisco máis accesíbeis. E dende Barsowia, parece que lle agarda un futuro de posibilidades: vén de gañar un accésit na última edición do certame do Injuve. Ah, e tamén tivo o detalle de colaborar no noso multitudinario cadáver exquisito coruñés cun salientábel cadriño.
Benvido, irmán Ill'Rocco, a este Laboratorio. Recomendamos a todo os filoexperimentadores que visiten a web arty party Alg-a se queren gozar coa obra de Romero, pois cunta cunha exposición online de debuxos feitos con lápis óptico deste artista (e mesmo permite descargalos nun arquivo zip).
Vita brevis, BD longa!

Sem comentários: