18/05/07

Ediciones Ultralimitadas

Bótadelle unha ollada a este link: Ediciones Ultralimitadas. É un interesante proxecto de autoedición online (segundo me conta Ill'Rocco, anda detrás o bo de Dieguito Blanco) onde están a pendurar BDs de Blanco ou Brais Rodríguez, e a última colaboración é un caderno de debuxos do inefable Roque. Todo bastante arty e filoexperimental, aínda que sen chegar a ser directamente labouriano.

15/05/07

La tira más larga: un cadáver online


O amigo e filoexperimentador Ill'Rocco avisounos de que no blog de Rafa Morey se está a levar adiante un proxecto de cadáver exquisito colectivo aberto para calquera que queira participar (as instrucións, aquí), ao que humildemente bautizárono como La tira más larga del mundo. O mesmo Roque contribuiu neste experimento online realizando a viñeta n.º 10, que reproducimos aquí abaixo. Parécenos un exercicio interesante (aínda que discrepemos en parte coa metodoloxía: coidamos que para obter mellores resultados é preferible facelo a cegas e que os autores non coñezan as colaboracións anteriores ata estar rematado) e felicitamos aos promotores e aos participantes por animárense a montar este invento. Decidirémonos nós desde o Lab·Ou a comezar algún día ese cadáver por correo electrónico, tantas veces proposto mais sempre posposto?

14/05/07

Festa de Polaqia

Os amigos de Polaqia avisan de que farán festa de presentación do último número do seu fanzine Barsowia na Coruña. O evento terá lugar o sábado 19 ás 19:00 na libraría Alita Comics (na rúa Orzán, en pleno itsmo). Seica haberá diyeis deses poñendo música e tamén prometen alcohol, así que non a perdades. Entre os polaqos anfitrións, moitos labouristas habituais estarán presentes, como Ill'Rocco, Steiner from Mars, Covelow, Magog e Diablito Beer, e se os vedes seguramente non terán ningún problema en facervos unha tira palindrómica monovocálica, un morlaque trapezoidal ou un cadáver exquisito mimetizado, así que non dubidedes en achegarvos ao seu carón. Se queredes máis datos, ide á súa web.

02/05/07

Jorge Parras en Argh!













En Barcelona coñecimos aos mozos do (tristemente defunto) Fanzine Enfermo. Moitos deles están hoxe en día nun novo proxecto artístico, o fanzine Argh!, que dende aquí recomendamos a todos os lectores filoexperimentadores. (Algúns rapaces de Barsowia sentíanse felices mais un chisco culpables por teren gañado o premio do Saló que xulgaban que seica lles podería ter correspondido aos enfermos... Dende aquí somos incapaces de resolver esta cuestión salomónica pois ámbolosdous están macanudos: é como que che pregunten 'A quen queres máis, a mamá ou a papá?' (aínda que aos polaqos os coñecemos máis e o roce fai o agarimo... pero non divaguemos).

Elfelix e Jorge Parras teñen unha abraiante inventiva, un gusto polo absurdo e polo non-sense contaxioso, e sobre todo un sorprendente dominio da narrativa secuencial, que lles permite facer numeriños coma este: dúas páxinas de desquiciada multilectura multidireccional, obra do Parras. Será só un divertimento formal no que non se está a contar nada, pero mira que non amosan a potencialidade da BD como medio. Seguide de perto a estes valencianos, que teñen talento e darán que falar.