31/10/06

Longa vida ao irmán Sanrei

Algo de visionario tiña Roberto Carlos cando cantaba aquilo de "Yo quiero tener un millón de amigos". Ao que desde Lab·Ou engadiriamos "E así máis forte experimentar". Porque a unión fai a forza. "Todos a una, como en Fuenteovejuna!" Por iso montamos estas celebracións para darlles a benvida aos recén chagados á loxia, porque énchenos de orgullo e satisfacción que todo tipo de persoas en principio en pleno uso das súas facultades mentais se apunten a isto de levar a BD "a onde ningún home endexamais tivo chegado". Especialmente se son completos descoñecidos para nós. Porque iso significa que non son colegas e/ou amigos obrigados polas leis do "quedar ben" ou influenciados polo salvaxe magnetismo e o carisma contaxioso dos coordinadores do invento. Non, se veñen aquí sen referencias e se aventuran a entrar polos seus propios medios é que verdadeiramente lles interesa a investigación gráfica, e non que non souberon resistirse ao charme engaiolante do Mestre Cerralleiro (eses seus olliños de año son irresistíbeis, ese seu sorriso fai devecer) ou que foron sometidos pola hipnotizante dialéctica de servidor (máis pesado ca unha vaca en brazos).
Algo así pasou co novo aprendiz adherido á causa laboureira. Un bo día presentóusenos por aquí un vigués de 27 anos chamado Pablo Leirós, a quen de momento non temos o gusto de tratar en persoa (todo se andará), e nada, a pouco acabou convertido no irmán Sanrei e no 9º pasaxeiro desta nave da 9ª arte. Dádelle un saúdo ao rapaz, que non se nos sinta incómodo agora.
Buscando documentación en internet sobre este recén chegado para presentárvolo en sociedade, pouco hai aínda que contar. Ten participado nunha chea de fanzines e ten gañado unha chea de premios en concursos municipais de BD, mais o meirande mérito deste vigués é ter xa un álbum publicado ás súas costas. Trátase de La Alcorisa que se hizo villa, unha obra de 50 e pico páxinas guionizada por David Braña e debuxada por Leirós, encomendada polo concello de Alcorisa, en Teruel, para celebrar o IV centenario desta vila. Vamos, que Sanrei xa ten unha certa experiencia no medio, non o vaiamos subestimar. Polo demais, de momento non hai moito máis que engadir (home, o rapaz fixo a XXVIII maratón popular de Coia en 2:04:50, pero esa información tampouco é moi pertinente para este blog), pero estamos seguros de que nun futuro próximo Leirós dará moito que falar.
Benvido, irmán Sanrei, a este Laboratorio. Recomendamos a todos os filoexperimentadores que sigan atentos a este weblog, pois nos vindeiros días empezaremos a pendurar cousiñas do noso último illuminati, entre elas o seu exercicio de ingreso e a súa proposta de resolución dun dos nosos exercicios titorados (para que os labouristas máis veteráns non se durman nos loureiros; este, que acaba de chegar, xa vén dando guerra).
Vita brevis, BD longa!

Dobre Cego: Miguel Porto


Xa de por si a historia é unha chulada, pero a min como que me soa de algo, teño un déjà-vu de non sei que...

Pode que dunha portada do Puñetas desde el Atlántico? Con todos vostedes, o irmán Stereotopffer, capaz de tornar un aburrido exercicio de estilo sorpresa nunha peza máis do seu rico universal persoal! Ese mestre do reciclaxe temático! Ese adalide da autorreferencialidade! Ese paladín do leitmotiv recorrente! Ten mérito, que ademais botou case tres horas facéndoo, foi o grande mártir pola causa.

30/10/06

Exercicios do Lab·Ou (5): Tiras cruzadas


Dentro do noso programa de exercicios comúns titorados, e seguindo coa nosa programación habitual de exercicios de multi-lectura (va que son xugosos?) cunha certa dificultade engadida, para esta quincena escollimos o equivalente bedeístico a un dobre salto mortal carpado sen rede: o reto creativo 3.1. ou tiras cruzadas. Pero tranquilos, estamos seguros de que coa vosa experiencia superaderes o desafío meritoriamente.
Citando directamente do Grimorio en que consisten as tiras cruzadas: "BD duna páxina con varias tiras que deben poder lerse con sentido en horizontal e vertical, e mesmo nalgúns casos en diagonal e sentido inverso". A definición pode ser un pouco opaca, pero a BD de exemplo de Ed Subitzky que acompaña ao post o explica perfectamente. Neste caso son son 4 tiras horizontais e 4 tiras verticais, independentes entre si pero ao mesmo tempo interconectadas porque están formadas polas mesmas viñetas. O quid do exercicio é dar atopado cadriños o suficientemente versátiles como para que funcionen con significados diferentes en secuencias distintas. Vai ser como un puzzle no que encaixar as pezas medio a cegas.
Requisitos mínimos para este exercicio titorado: aínda que a estructura habitual de tiras cruzadas é de 4x4 cadros (xa o veredes na documentación que iremos pendurando nos vindeiros días), aceptaremos propostas cun mínimo de 3x3 viñetas (3 tiras horizontais e e tiras verticais de 3 viñetas). Estas deberían ter alomenos 6 lecturas múltiples: 3 horizontais, de esquerda a dereita, e 3 verticiais, de arriba abaixo (no caso dunha estructura 4x4, 8 lecturas; etc.). O autor poderá escoller se engadir novas lecturas a maiores, como diagonais ou inversas, pero non é obligatorio. Os valentes que vos decidades a intentalo, sabede que seredes agasallados con nada menos que 5 puntos, unha das puntuacións máis altas que subiría dunha tacada aos vosos cursus honorum.
E xa só resta recordar os detalles de sempre: tedes un trimestre de prazo para mandárnosla se queredes optar a un punto ecuménico outorgado por votación popular dos participantes; lembrade que podedes empregar a nosa lista de correo para todo tipo de preguntas ou discusións sobre este exercicio, e que os filoexperimentadores aínda non afiliados podedes empregalo coma exercicio de ingreso; e que podedes contribuir no labor de documentación envíandoos BDs que coñezades que cumpran con estas características.
Vita brevis , BD longa!

Convalidacións de Ill'Rocco (8)


Xa quedan pouquiñas bandas deseñadas de Roque por convalidar (a menos que obriguemos ao autor a punta de pistola a seguir traballando para poder gozar da súa arte), así que saboreemos con calma as restantes. Esta títulase Lugares por ver e é un novo exercicio de estilo narrativo. Así, Ill'Rocco supera as restricións icónicas (non debuxa ningunha persoa na historia, só estampas espaciais baleiras) e secuenciais (soamente usa a transición aspecto-a-aspecto da tipoloxía McCloudiana para desenvolver o seu relato) que se autoimpón e cóntanos unha preciosa declaración de intencións. Sutil e seductor.

29/10/06

Dobre cego: Manel Fontdevila


Este home é un monstro, un peazo artista.

28/10/06

Convalidacións fanzinerosas: DiablitoBeer (4)











Neste ano no que, por diversas circunstancias que agora non vén ao caso lembrar, non tivemos os mesmos prazos para sacar adiante o Fanzine das Xornadas, o irmán Diablito (o 'ecce homo' galego) tivo a ben agasallarnos coas capas e unha historia de ¡10! feitas a contra reloxo. Unha vez máis, graciñas meu. Que dicir de Crise de identidade motorizada? Pois que é unha banda deseñada dun ritmo endemoñadamente frenético e cunha chea de retrincos experiementais. Para empezar, a súa restrición textual apoiada pola invención dun novo alfabeto pseudo-oriental con evidentes funcións icónicas e comunicativas. Pero é que a narrativa é prodixiosa: a páxina 5 na que se altera o sentido de lectura e unhas viñetas se superpoñen a outras é brutal. E a derradeira, construida nun fluido travelling plano-contraplano, é algo que só se pode facer en BD (en cinema sería imposible), co que Rubín amosa o seu coñecemento do medio. E tantos e tantos pequenos detalles de transicións e elipses e secuencias que sería imposible resumir polo miúdo neste post. Bravo, mestre.

27/10/06

Convalidacións de Ill'Rocco (7)


Hoxe teriamos que ter seguido coas convalidacións fanzinerosas, pero o Mestre Cerralleiro non me pasou as páxinas do irmán Diablito que tocaban a tempo, así que cambio de plans de última hora. Menos mal que aínda quedan cousiñas convalidables do irmán Rocco. Neste caso, unha BD cunha restrición secuencial non sequitur. Para que non lembre as tipoloxías transicionais segundo McCloud, esta era a que "non ofrece ningunha relación lóxica entre viñetas". Vamos, un sins-entido...

26/10/06

Convalidacións fanzinerosas: Cosme (4)





Cando a experimentación gráfica é moi sutil, moi discreta, corre o risco de pasar desapercebida. E iso venlle pasando constantemente ao noso irmán Cosme, que como (con bo criterio) non lle gusta abusar dela, moitas veces non se lle nota o je-ne-sais-quoi particular que teñen as súas historias e son infravaloradas. Como esta, Que pasa con Max?, que nos fixo para o Fanzine das Xornadas n.º 13. Está feita cunha férrea estructura alterna de plano-contraplano e, da 2ª á 4ª páxina, empregando só planos detalle ou primeiros planos. Facer unha BD de bustos parlantes e saír ben parado é todo un desafío, e máis aínda se renuncias a unha composición de páxina espectacular. Porque entón debes ter un grande dominio da xestualidade, do diálogo e do ritmo para que a cousa teña interés; como é o caso de Cosme. Relédea con calma e sen prexuízos e veredes todo o que leva detrás e o ben que funciona.

Cadea aleatoria (e 17)


Autores: Manel Fontdevila + Jordi Pérez + Sergio Covelo + Antonio Seijas
Palabras: pelo rizado + bruja + empapelar + crucigrama

25/10/06

Convalidacións fanzinerosas: Stereotopffer (9)


Algúns dos labouristas en activo colaboraron no último número do Fanzine das Xornadas aportando bandas deseñadas feitas expresamente para a ocasión (que detalle). En ningún momento se lles indicou ningunha temática ou requisitos (libre albedrío en canto a contidos), pero vai ti saber por que, seica por mor do Zeitgeist compartido, a maioría enviou historias experimentais que poderían ser convalidables segundo epígrafes do Lab·Ou. Está claro que isto da experimentación é un vicio; como coas patacas fritidas, cuando haces pop ya no hay stop. Nos vindeiros días imos prestar atención a estas colaboracións investigadoras rescatadas do Fanzine n.º 13.

Comezando, por exemplo, polo irmán Stereotopffer. Chocounos que Porto nos pedise que lle reservasemos o prego central (?), mais unha vez vista a súa BD entendimos por que. Enmarcada dentro da súa recente temática de animais vingadores e cazadores cazados, volveu xogar cos exercicios de BD muda (1.3.3.) e secuencia simultánea (3.7.), tal como xa fixera en La misteriosa desaparición... Só que esta vez moitísimo mellor, moito máis complexo. A posta en páxina é unha marabilla, mesturando as elipses coa decoración, con ese movemento de lectura tan fluído dunha esquina á outra e esas transicións practicamente imperceptibles. O bitono e súper-acertado. Vamos, unha preciosidade, e un par de chanzos máis no cursus honorum de Miguel.

Cadea aleatoria (16)


Autores: E. F. + Iris Blanco + Alberto Vázquez + Brais Rodríguez
Palabras do Pictionary: París + hamburguesa + infierno + anginas

24/10/06

Corazón de tormentas, de David Rubín, nominada en Expocómic

Acabamos de enterarnos de que Corazón de tormentas, a banda deseñada do noso querido irmán Diablito debuxada durante o reto BD 24x24 e que pode considerarse a obra fundacional do Lab·Ou, acaba de ser nominada na categoría de mellor obra nacional dos premios de Expocómic, o salón de Madrid. Desde aquí cremos que é todo un triple mérito por ser: un cómic experimental, en galego, e por riba feito en menos de 24 horas. E tamén cremos que debería gañar, que caraina; o único contrincante á altura sería o Bardín de Max.

Moitas felicidades a David Rubín, que tamén está nominado como mellor guionista nacional polas súas historias en Barsowia en llamas, sumando así con todo merecemento un novo par de chanzos na súa meteórica carreira. E parabéns tamén a Alberto Vázquez, nominado na categoría de autor revelación, que aínda que non é membro oficial do Laboratorio o é oficioso e tamén lle temos moito cariño. E por último, noraboa aos mozos de BD Banda e do Fanzine Enfermo, nominados como mellor fanzine... ogallá gañe algúns dos dous.

Máis información na Cárcel de papel, e non vos esquezades de votar online para que lle dean o(s) premio(s) a David, como debería ser. Bravo por Diablito!


Convalidacións de Ill'Rocco (6)


Aquí tendes unha das miñas BDs preferidas dentre as que ten mandado o irmán Ill'Rocco para convalidar por puntos no seu cursus honorum: Adolfo. Se me gusta especialmente é pola súa aparente sinxeleza que oculta un gran traballo de planificación e unha confianza cega nas posibilidades deste medio. E tamén por ese aire de boutade que non deixa de ter.
Primeiramente, xa abraia que Roque decidise empregar dous tipos de iteración na mesma historia: iteración icónica total (2.1.) e iteración textual (2.3). Vamos, que todas as viñetas repiten o mesmo debuxo e o mesmo diálogo. É unha brincadeira? Si, pero hai algo máis. Que empregue unha tipografía distinta en cada caso (unha solución que decidimos valorar como un tipo de restrición plástica, pois nela baséase o éxito desta obra) dalle moítisima profundidade ao asunto. É unha crítica feroz a política dialéctica que estamos a sufrir no panorama actual, e ao mesmo tempo unha brillante reflexión sobre o sinsentido do discurso nazi, e tamén un exercicio bandeira do minimalismo formal (menos é sempre máis). Pero seguro que vós tedes moitísimo máis (e mellor) que dicir. Señor Romero, volvo quitarme o chapeu ante vostede.

Morlaques: Jean-Christophe Menu


Para rematar coa documentación sobre BDs circulares, ofrecemos hoxe o último exemplo extraído do OuPus 3, un morlaque feito polo militante Jean-Christophe Menu. Ten a peculiaridade de posuír unha estructura en acordeón: a historia lese normal, de esquerda a dereita e de arriba abaixo ata chegarmos á última tira en negro, que se le no sentido contrario e conecta outra vez co principio da historia, volvendo empezar o ciclo. A primeira vista semella un pouco liosa de ler, pero compréndese á primeira. Agardemos que vos convencese este exercicio titorado e que empecen a chegar cedo as vosas propostas de resolución.

Cadea aleatoria (15)


Autores: Cosme + Roque Romero + Emma Ríos + Albert Monteys
Palabras do Pictionary: transplantar + gradería + oeste + funeral

23/10/06

Exercicios: Orgasmo de Covelow


É un pracer contar cunha nova colaboración do irmán Covelow, un dos nosos labouristas que ata o momento mantiña un perfil baixo, pero que estaba claro que era para tomar impulso e pegar un pulo artístico como o que agora amosa. Sergio ofrece unha resolución do primeiro reto titorado que propuxemos no Lab·Ou, o de crear unha nova metáfora visual para a sensación de orgasmo (se alguén quere facelo, aínda pode: queda un mes e pouco de prazo). E faino cunha interesante proposta esóxena, sen empregar iconos gráficos externos, senón máis ben cunha efectiva estamapa subxectiva e surreal. Aquí o machote crécese coa fazaña, ve a luz e ten lume no corpo. Un enfoque fantasioso en primeira persoa pero que funciona á perfección. Parabéns polo resultado, Covelow.

Cadea aleatoria (14)


Autores: Bernal Prieto + ? + Hugo Covelo + Miguel Porto
Palabras do Pictionary: Francia + lápiz + galopar + trozo

22/10/06

Morlaques: Etienne Lecroart


Étienne Lécroart aposta aquí por un morlaque mudo de estructura radial no que pon de manifesto unha nova volta de torca á teoría dos 6 graos de separación. Ao mesmo tempo, hai un xogo secundario encadeando os nomes dos protagonistas de cada viñeta de xeito que empecen e rematen pola sílaba dos nomes que teñen a carón. Como lle gusta a este Lécroart complicarse a vida con chorradiñas complexas.

Cadea aleatoria (13)


Autores: Antonio Seijas + David Rubín + E. F. + Iris Blanco
Palabras do Pictionary: sifón + explorar + caridad + autobús

21/10/06

Microrrelatos (2)


Como adiantábamos onte, aquí tedes a adaptación dun microrrelato escollido ao azar por parte de Hugo Covelo. A el tocoulle un conto do chileno Poli Délano titulado A primera vista: "Verse y amarse locamente fue una sola cosa. Ella tenía los colmillos largos y afilados. Él tenía la piel blanda y suave: estaban hechos el uno para el otro". A min persoalmente gústame que sexa un trasvase de mínimos; case non utiliza palabras do orixinal e o conta todo con imaxes. Ademais, engade a súa propia interpretación da historia, recontextualizándoa sen traizoala. Moi ben, irmán Magog.

Cadea aleatoria (12)


Autores: Albert Monteys + Manel Fontdevila + Jordi Pérez + Sergio Covelo
Palabras do Pictionary: Miss Mundo + tía + borrar + calabaza

20/10/06

Microrrelatos (1)

Feliz cumpreanos, amigo David!
Seica onte pasóusenos celebrar o día do nacemento do noso querido irmán Diablito, así que polo menos quixemos compartir con el un anaco de tarta, aínda que fose virtual. Perdoa o despiste e que cumpras moitos máis.
E que mellor agasallo que dedicarlle un post a el soliño glosando as súas múltiples virtudes e méritos artísticos. O día do reto ourensán durante estas últimas Xornadas (Lab·Ou#2 para abreviar), ademais da cadea aleatoria e o dobre cego, os coordinadores traiamos preparado un terceiro exercicio de reserva. Contabamos con que soamente dous ou tres dos participantes debuxarían a parte gráfica do dobre cego, pois a maioría estaría cansada tralo exercicio cronometrado anterior, e que farían a parte textual, polo que rematarían antes que os outros e pode que se aburrisen agardando por eles. Non foi así. Sorprendentemente para nós case todo o mundo apuntouse á parte chunga (olé os vosos redaños) e os poucos que rescribiron os diálogos foron liscando segundo remataban, polo que en principio non faría falta empregar o exercicio de reserva. Pero...
Pero non contabamos con ese machine man que é David Rubín. "Hay un hombre en España que lo hace todo", cantaban Astrud; e sen dúbida ese home é Rubín, que trala cadea e o dobre cego, o corpo aínda lle pedía marcha, e animouse a adaptar un microrrelato a BD.
Niso consistía o terceiro exercicio. Eu traia unha lista con 109 microrrelatos, que para quen non coñeza o xénero, son contos brevísimos, de menos de 100 palabras normalmente, que nunhas poucas liñas contan unha historia, máis connotativa que denotativamente. O participante tiña que escoller un número ao azar e adaptar a banda deseñada a narración que lle tocase. Libremente, sen requisitos nin restricións.
Diablito escolleu o n.º 57, e tocoulle o microrrelato Veritas odium parit do arxentino Marco Denevi: "-Traedme el caballo más veloz -pidió el hombre honrado-. Acabo de decirle la verdad al rey". O resultado, aquí abaixo.

Hugo Covelo tamén se animou a facer este exercicio (el fixo texto e rematou relativamente cedo); mañá penduraremos o seu microrrelato. Pero hoxe, o prota é David. Por certo, se queredes participar deste reto aínda quedan 107 posibles historias que adaptar. Mandade un correo escollendo un número a sortes e nos dirémosvos que conto vos tocou. Outorgarase un punto por adaptación, e pódese participar nel un máximo de cinco veces. De momento non temos pensado que sexa un exercicio oficial, polo que non terá prazos de entrega nin terá dereito a un punto ecuménico (tan só é un pasatempo para masocas); pero se vemos que vos animades a facelo en masa e os resultados van quedando chulos, pode que cambiemos de idea.

Morlaques: François Ayroles


Despois dos despregues gráficos das BDs circulares destes dous últimos días, hoxe toca un chisco máis normaliña, pero que tamén ten o seu aquel. Esta historia de Ayroles lida varias veces seguidas consegue transmitar a rutina, a monotonía, o afogo cotidiano do seu personaxe. A estructura, aínda que rectangular como a de Gerner, presenta diferenzas no xeito de dispoñer as viñetas. Seguro que vós o podedes facer moito mellor.

Cadea aleatoria (11)


Autores: Brais Rodríguez + Bernal Prieto + ? + Hugo Covelo
Palabras do Pictionary: físico + canelones + Antártida + guarda

19/10/06

Convalidacións de Ill'Rocco (5)



Creo que nun fermoso exemplo de sinerxia labouriana (que bonita é a confraternización e a camaradaría entre colegas filoexperimentadores), a BD cega que fixo o irmán Cosme recentemente inspirou ao irmán Ill'Rocco e animouno a presentar a súa particular versión deste exercicio. A excusa argumental para a ausencia de imaxes paréceme lograda, e creo que podemos facernos unha idea aproximada do que está a pasar sen debuxos e sen precisar explicacións a maiores. Tamén querería destacar a interesante escolla cromática que fai Roque para engadir matices narrativos sinxelamente por medio de tres únicas tonalidades (blanco, negro e gris). Día si, día tamén, Romero non deixa de abraiarnos.

Morlaques: Lewis Trondheim


Outro cú inquieto coma Trondheim amosando todo o que poden dar de si as BDs circulares. Neste caso, fixo unha con multi-lecturas, na que diversas tramas paralelas se superpoñen e hai que escoller a que un prefira ler. Ademais de ter unha estructura moi simétrica, o feito da escolla engádelle un componenete lúdico e innovador dentro da eterna repetición de esquemas. Quizais sexa este un exemplo moi complicado e os posibles experimentadores deberiades tentar cousas máis accesibles para a vosa primeira vez.

Cadea aleatoria (10)


Autores: David Rubín + E. F. + Iris Blanco + Alberto Vázquez
Palabras do Pictionary: rogar + matamoscas + columna + Tintín

18/10/06

Convalidacións de Stereotopffer (8)


Case me esquezo de pendurar esta terceira historia do universo Stereotopffer de Miguel Porto, tras vermos hai uns días as outras dúas partes da triloxía. Esta historia apareceu no álbum colectivo H2Oil que os comiqueiros galegos fixeran por mor do asunto Prestige (como pasa o tempo, eh?; foi hai tanto, pero ao mesmo tempo tan pouco...). A mesma linguaxe gráfica que nos casos anteriores, só que un pouquiño máis concentrada e con denuncia social.

Morlaques: Killoffer


Dentro das súas limitacións formais, os morlaques están cheos de posibilidades. O único inmutable é a súa estructura circular e pechada, onde no remate da historia vólvese ao principio e así eternamente. Pero graficamente permítenlle ao artista facer o que lle pete. Killoffer amósanolo con esta versión súa do exercicio, tirada do OuPus 3, na que realiza unha peculiar versión dunha cinta de Möbius namentres desenvolve unha tese filosófica. Saliulle niquelado. Mesmo eu diría que esta posta en páxina ten algo de Escher e das súas arquitecturas imposibles. Serán os nosos labouristas quen de propor novedosas e abraiantes estructuras morlaquianas?

Cadea aleatoria (9)


Autores: Roque Romero + Emma Ríos + Albert Monteys + Manel Fontdevila
Palabras do Pictionary: J.M. García + sonrisa + roca + gaita

17/10/06

Exercicios: Palindromo de Ill'Rocco


Unha das cousas que máis nos congratula aos coordinadores deste invento é ver que os membros comprendestes á perfección en que consiste o espírito do Lab·Ou. Si, trátase de investigar graficamente e de xogar con exercicios de estilo que vos forcen a facer cousas que normalmente non fariades, pero non a contar pallas mentais experimentais baleiras e impostadas. Afortunadamente, ninguén cometeu ese erro.
Todo o contrario: cada labourista está levando os exercicios de estilo ao seu terreo, e contando historias coas súas temáticas e estilos habituais só que con algunha limitación ou dificultade formal, o que era a nosa intención inicial. Así pois, Cosme debuxa os seus slices of life costumistas e ¿masoquistamente pseudoautobiográficos?; Porto segue a crear BDs de cazadores e animais vingadores de ultratumba; e Roque? Roque continúa coas súas habituais marcianadas, no mellor sentido do termo.
O benquerido irmán Ill'Rocco acaba de entregarnos a súa peculiar proposta ao noso exercicio palindrómico titorado (coidado que aínda queima; vén de saír do forno) que recrea os seus leitmotivs habituais (ciencia ficción -variante fenomenoloxía parapsicolóxica- e humor negro). Un abraiante exercicio de 19 cadriños que amosa que non hai nigún impedimento en facer destes retos algo tan persoal como unha obra irrestricta. Rocconuda, coma sempre.

Longa vida á irmá Steiner from Mars

Ciencias, vale? Se algo nos gustaria ser nesta arcana institución é un sistema complexo. Porque os sistemas complexos molan. Están compostos por varias partes interconectadas ou entrelazadas cuxos vencellos conteñen información adicional ou oculta ao observador. Como resultado das interacións entre os seus elementos, xurden propiedades novas que non poden explicarse a partir das propiedades dos elementos illados. Pero o mellor deste tipo de sistemas son as súas dúas propiedades principais: o todo é máis que a suma das partes sempre (concepción holística) e que debido á súa complexidade posúen un comportamento impredecible. Esperemos que o Lab·Ou sexa un pouco iso para todos vós: un sistema que mestura a autores de diversa procedencia cun afán investigador común, no que a experiencia colectiva total sexa máis importante do que sería a de cada artista por separado e no que xurdan achádegos e evolucións inesperadas que se cadra non terían aparecido sen este caldo de cultivo. Pero nada mellor que incluír un novo elemento neste sistema para que interactúe co resto do conxunto a través de ecuacións non lineais e dea como resultado un novo comportamento complexo, va que si?
Por iso despreguemos a alfombra vermella para recibir con toda pompa e boato (como ela merece, que caraina) á novísima adquisición deste templo da sabiduría gráfica, a debuxante Emma Ríos, que de agora en diante nos rexios salóns deste obradoiro será coñecida cun curioso nom de guerre por ela mesma escollido: Steiner from Mars.
Ríos será unha recén chegada ao Laboratorio, pero non apareceu por xeración espontánea nas nosas vidas. De feito, é unha vella amiga e simpatizante das actividades deste colectivo, e sempre que llo pedimos apuntouse a un bombardeo: súa é a terceira viñeta do noso cadáver exquisito coruñés, e no noso recente experimento comunitario ourensán, foi unha das participantes máis ilusionadas e entregadas do evento, chegando a dedicar máis de dúas horas á consecución do seu exercicio de dobre cego (xa temos unha mártir para a causa).
Quen coide que por ser unha nova presencia feminina vai aportar un aire fresco con corazóns e pastelitos e florecitas e rosa chicle ao Lab·Ou, trabúcase por completo (e como se entere Emma, vai levar un lapote). Afortunadamente para nós, a irmá Steiner ten máis da Uma Thurman de Kill Bill (seica é fan confesa de Tarantino) que da Emma Thompson de Sentido e sensibilidade.
Ademais é unha honra contar cunha autora de prestixio internacional para darlle caché a este chintófano. Dende que un editor da revista belga L'Inedit a descubriu por casualidade, Emma triunfou no panorama francófono (xa a reclaman en Angouleme e Bruxelas) e daquí a pouco presentará a súa primeira obra para este mercado. Que máis contar dela? Pois que é toda unha señora arquitecta licenciada e premiada nese eido, o que ademais de servir para chegar ao último nivel do Tetris seralle moi útil nos exercicios do Grimorio con plano ortogonal ou de corte transversal.
Benvida, irmá Steiner from Mars, a este Laboratorio. Recomendamos a todos os filoexperimentadores que lean (se son dos poucos que aínda non o fixeron, e se a atopan pois está case esgotada) a súa imprescindible serie 'de culto' A prueba de balas, un agradable divertimento de xénero noire e futurista autoeditado baixo o selo de Polaqia.
Vita brevis, BD longa!

Cadea aleatoria (8)


Autores: ? + Hugo Covelo + Miguel Porto + Cosme
Palabras do Pictionary: encoger + bombón + cebolla + Brasil

16/10/06

Exercicios do Lab·Ou (4): BD circular ou eterna (morlaque)


Pode que sexa unha impresión errónea, pero os Donos das Chaves temos a sensación de que ata o momento o exercicio titorado que máis vos interesou foi o palíndromo, quizais polo número de propostas recibidas e a velocidade coa que as realizastes. Por iso imos seguir unha temporadiña propondo exercicios de multi-lectura: xeralmente son moi interesantes, cunha dificultade un pouco maior do habitual, pero paga a pena ver os resultados; e ademais ao pertencer ao canon OuBaPo é doado tirar exemplos do OuPus 3. Como cuarta tarefa comunitaria, escollimos a realización dunha banda circular ou eterna (exercicio creativo 3.5.).
Citando directamente do Grimorio en que consisten os morlaques: "BD dunha páxina na que a tira se dispón de xeito que remata onde empeza, e a última viñeta é ao mesmo tempo a primeira, volvendo así a comezar a secuencia e perpetuándose até o infinito. As viñetas dispóñense normalmente pechando círculos, elipses ou cuadriláteros, pero tamén poden debuxarse estructuras máis ambiciosas como estrelas, corazóns, cintas de Möbius, etc."
O nome orixinal francés (morlaque) vén da expresión "mord-la-queue", que significa "morderse a cola", pois niso mesmo consiste. Como podedes ver no exemplo que ilustra este post, unha BD eterna de Jochen Gerner disposta a xeito de cuadrilátero, a fin empalma co comezo, de xeito que todo é un continuo que se reiterará unha e outra vez. Tematicamente, o autor seica quixo seguir "o ciclo da auga".
A estas alturas xa coñecedes de sobra a mecánica dos exercicios titorados: podedes enviarnos unha copia da vosa proposta ao noso enderezo de correo habitual e nós a penduraremos aquí no blog. Tedes un trimestre de plazo para mandárnosla se queredes optar a un punto ecuménico outorgado por votación popular dos participantes. Ao igual que o palíndromo, este exercicio está valorado en catro puntos que subirían aos vosos cursus honorum dunha tacada se é que decidides facelo (todos os retos titorados son optativos).

Lembrade que podedes empregar a nosa lista de correo para todo tipo de preguntas ou discusións sobre este exercicio, e que os filoexperimentadores aínda non afiliados podedes empregalo coma exercicio de ingreso. Nos vindeiros días penduraremos máis exemplos oubapianos de morlaques, pero calquera pode contribuir neste labor envíandoos BDs que coñeza que cumpran con estas características.
Lembrade tamén que pouco a pouco vaise achegando o momento de outorgar os puntos ecuménicos dos tres anteriores exercicios en común. Concretamente, tendes aínda 50 días para presentardes o orgasmo, 62 para as mimetizacións e 78 para o palíndromo para entrar nos prazos trimestrais e optardes á votación popular.

Vita brevis, BD longa!

Convalidacións de Stereotopffer (7)






A historia inédita da serie Stereotopffer do irmán Stereotopffer (a.k.a. Miguel Porto) prometida onte. Máis info tres posts por debaixo.