31/12/06

Pre-Noitevella en Lab·Ou


Os que teñades pensado ir de festa rachada en aninovo, que saibades o que vos agarda, según Mauro Entrialgo (outra páxina extraída dun extra de Nadal do Jueves).

Prego: Jean-Christophe Menu



Unha opción semellante ao prego de Lécroart: deixar os estremos e prensar o resto. Menu comprimiu a súa BD de 18 cadriños nunha de 6 por medio dun prego en acordeón.

28/12/06

Santos inocentes en Lab·Ou



Seguindo con El Jueves, unha páxina moi apropiada para o día de hoxe. Manel Fontdevila sempre é un crack, pero é que algúns momentos de La Parejita son insuperables.

Prego: Jochen Gerner




Un exemplo sinxeliño de prego, pero igualmente efectivo. Só tedes que eliminar viñetas e axeitar o texto para que a BD agochada contradiga todo o exposto na historia principal. Polo señor Jochen Gerner.

27/12/06

Post-Nadal en Lab·Ou


Reordenando unha estantería, atopei un vello extra de nadal de El Jueves (nin idea de por que o tiña gardado), e veume a idea de postear un par de páxinas estes días para captar o espírito das festas no blog. Para empezar, unha tira de Maikel moi apropiada para despois do 25: foi bo papá noel convosco, ou na vosa casa sodes máis dos reixes?

Prego: Lewis Trondheim





Aquí o amigo Trondheim tírase de cabeza á piscina potencial, e non ofrece unha senón dúas reviravoltas narrativas no seu prego. Vale, os bocadillos da 2ª historia non acaban de encaixar ben, pero podemos perdonarllo por ser quen de agochar dúas BDs na mesma páxina, un exercicio dobre e sen rede.

Exercicios de Lab·Ou: Palíndromo de Sanrei


Enviado no último momento (aínda que non por iso feito a medias), seguramente para poder participar na votación do punto ecuménico (o prazo remata pasado mañá, venres), o noso neófito irmán Sanrei márcase un palíndromo que resoará bastante no noso inconsciente colectivo por mor dos sucesos que nos "amenizaron" este verán. Pode que lle falte algo de chicha narrativa á BD, pero a cambio gaña ao capturar a esencia cíclica do evento (aleatorio, reiterativo e volta a empezar) que supoñen os incendios forestais.
A semana que ven veremos se foi este ou calquera das outras estructuras palindrómicas a seleccionada polos participantes do exercicio.

26/12/06

Pregos: Killoffer



Parece unha BD chunga, pero non o é tanto. Comeza na viñeta de arriba e lese en zig zag no sentido das agullas do reloxo. Este Killoffer, tan innovativo coma sempre.
Por certo, bo nadal, labouristas! Entre que son festas, que non hai moito que publicar e que estamos a ter problemas para pasar o blog a beta (Blogger non era tan sinxelo como parece) imos baixar o ritmo de posteo ata o ano que vén. Pero vós sede bos e seguide co bo traballo.

21/12/06

Exercicios pendentes do Lab·Ou

Por petición do irmán Magog na lista de correo do Lab·Ou, aquí tedes un esquema cos exercicios colectivos propostos ata agora pola organización e a data límite na que entregalos para que poidan optar por un punto ecuménico:
(3) Palíndromo: 29 de decembro (tedes só unha semaniña!)
(4) Morlaque: 16 de xaneiro
(5) Tiras cruzadas: 30 de xaneiro
(6) Volta e volta: 21 de febreiro
(7) Prego: 19 de marzo
O prazo para as mimetizacións rematou o pasado día 12, pero como non recibimos ningún exercicio, obviamente non repartiremos ningún punto ecuménico. Animádevos e participade!

Prego: François Ayrolles



Outro exemplo francés de como agochar unha historia subliminar noutra principal. Prégandose horizontalmente, as seis primeiras viñetas convértense nun accidentado e irónico (con moita mala baba) epílogo da BD anterior. François Ayroles é o responsable.

Dobre cego: Bea Meleiro


Bea Meleiro é máis coñecida nos círculos frikis por ser a noiva de Miguel Porto que polo seu bo facer como enfermeira de 1ª ou como perfecta anfitriona cumpreaneira. Porén, no último exercicio colectivo de Ourense conseguimos convencela para que participase creativamente, aínda que só fose con textos e non con debuxos. Á vista dos resultados, Stereotopffer faría ben en fichala como co-guionista.

19/12/06

Exercicios do Lab·Ou (7): Prego



Co propósito de rematar de revisitar os exercicios propostos polo OuPus 3 (ese libro que consideramos un punto de partida ideal para adentrarse no mundo da potencialidade bedeística), imos saltar da multilectura e a reversivilidade ao eido das lecturas subliminares, própondovos que vos enfrontedes ao reto do prego en BD [5.1.].
Citando directamente do Grimorio en que consiste este tipo de exercicios: "BD dunha páxina que ao dobrarse amosa polo menos un ou máis discursos agochados, diferentes ou complementarios ao principal. Tras ler a historia principal, débese pregar a páxina seguindo as instrucións que veñen nela (cada debuxante escollerá as medidas dos pregos que máis lle conveñan) para atopar a historia escondida."
Coido que as dúas imaxes que acompañan este post (feitas por Étienne Lécroart) exemplifican bastante a mecánica do exercicio: unha BD inicial de 8 viñetas defendendo o multiculturalismo pregouse sobre si mesma polo medio, de xeito que se atopasen as metades das viñetas de cada estremo, formando unha nova BD de 2 viñetas que desvela un pensamento moito máis reaccionario e anti-inmigratorio. Os novos exemplos que subiremos nos vindeiros días amosaranvos outras posibilidades de prego.
Se participades deberedes enviarnos dúas imaxes da vosa BD: a de antes e a de despois do prego. O prego podedes facelo en horizontal ou vertical por onde prefirades, coa única condición de que sexa simétrico e regular. Se superades con éxito o desafío, 5 novos puntiños irán para os vosos marcadores.
E xa só resta recordar os detalles de sempre: tedes un trimestre de prazo para mandárnosla se queredes optar a un punto ecuménico outorgado por votación popular dos participantes; lembrade que podedes empregar a nosa lista de correo para todo tipo de preguntas ou discusións sobre este exercicio, e que os filoexperimentadores aínda non afiliados podedes empregalo coma exercicio de ingreso; e que podedes contribuir no labor de documentación envíandoos BDs que coñezades que cumpran con estas características.
Vita brevis, BD longa!

16/12/06

Convalidacións de Ill'Rocco (11)


Esta é a última paxiniña que tiñamos gardada por aquí de Roque, da súa vida anterior a Lab·Ou. Estaba para situacións de emerxencia, e como estamos nunha tempada no que apenas hai cousas que postear, é un momento tan bo como calquer outro. A BD titúlase Introdución Dynamo, e convalidámoslla como restrición icónica pois optou por non debuxar aos protagonistas (supoñemos que con intención narrativa). Rocco, que cativo máis precoz nos eras.

14/12/06

Dobre cego: Roberto Noya


Roberto non é un autor profesional, pero si un vello coñecido do mundiño, un grande amigo e un kamikaze que se apunta a calquera bombardeo cando llo pedimos.

12/12/06

Kochalka somos todos

Mañá vou estar todo o día traballando fóra da casa [offtopic: se estades por Ourense, pode que vos interese asistir á conferencia que dan os protas da peli Camino a Guantánamo, pseudodocumental baseado na súa experiencia real nesa prisión, na Casa da Xuventude as 20 h, organizada por Amnistía Internacional], así que non sei se poderei actualizar o blog. Por iso déixovos este post bonus track.
Nos comments do Palíndromo de Porto xurdiu espontaneamente o debate "James Kochalka: mola ou apesta?", no que calquera pode participar e soltar tanta mala baba coma Rubín ou coma min. Roque contribuiu á polémica referíndose á "influencia" que este controvertido deus indie tivo sobre outros dabuxantes da terra, como Bernal Prieto e Brais Rodríguez. Así que rapidamente escaneo a proba do delito para os que non a coñezades: Barsowia publicou páxinas filokochalkianas, que vergoña para a súa incuestionable liña editorial... No fondo, para min está clarísimo: Kochalka somos todos.

Lecturas recomendadas polo Lab·Ou (2)

Que conste que sempre é difícil xulgar a obra dalguén que coñeces en persoa (neste caso, dende o instituto) e que por riba che cae ben (aínda que teñamos as nosas diferenzas, como as nosas opinións diverxentes sobre James Kochalka, jeje). Todas as críticas negativas van quedar reducidas ou matizadas pola amizade que che une ao autor; custará ser imparcial. Pero tamén detesto as haxiografías camufladas de críticas. Supoño que tirarei polo camiño do medio e farei unha breve reseña na que quede claro que si, que me levo con David Rubín, pero que independientemente diso gustoume La tetería del oso malayo, recentemente publicada por Astiberri.

Antes de telo entre as miñas mans, asustábame a idea esta de “historias redebuxadas”. Por que non deixar as orixinais tal e coma estaban? Vale que Rubín terá evolucionado (e bastante) nos últimos tempos, pero tampouco cómpre renegar do pasado. Porén, non me disgusta o resultado final. Ademais de darlle unha coherencia visual ao conxunto, consegue adaptar a branco e negro detalles narrativos que nos orixinais aportaban os bitonos ou a cor (ex: os flashbacks de La luciérnaga).

Gústame que David comece a ter unha narrativa persoal e inconfundible, con recursos da casa que sabe empregar á perfección (como as viñetas sen borde que indican salto temporal ou as secuencias simultáneas nas que narra con travelling, unha técnica vista ao comezo de Patatas e Cosas que terminan... e especialmente ben desnvolvida no xa habitual prólogo). Tamén me gusta que o seu universo temático saiba asimilar e lle dea cabida a influencias tan dispares como os superherois, o manga e os funny animals sen que chirríen (incluindo homenaxes nada disimuladas a Superman, Batman e Lone Wolf and Cub), pasándoos pola minipimer e reciclándoos en relatos nos que o que importa son os sentimentos. Sigfrido e a súa tetería funcionan ben como nexo unificador de xéneros e situacións.

Para min, o que máis me gustou foi Las cosas que terminan por romperse, unha conmovedora historia de 70 e pico páxinas na que amosa a asimilación dunha ruptura sentimental, algo que fará que a todos os que pasamos por unha experiencia similar se nos poña a pel de galiña lembrando as sensacións que nesta BD se destilan. É impresionante como chegas a empatizar cos sentimentos narrados: será o máis parecido a unha autobiografía que Diablito fixo ata o momento (tendo en conta que todos os seus contos agochan radiografías emocionais)?

Unha boa lectura nunha edición coidada con mimo. Ademais, o autor vai facer xira de presentación, empezando pola Coruña, na que que promete dedicatorias e pasar unha tarde divertida. Avisados quedades.

Dobre cego: Hugo Covelo


Hoxe, o ecumenicamente recoñecido Magog lémbranos no seu monólogo que ata a bazofia merece respeto.

11/12/06

Punto ecuménico do orgamo


Durante a ponte os participantes do reto iconográfico de crearen o seu propio ideograma de orgasmo foron votando o que para eles era o exercicio mellor resolto. Curiosamente, case todas as opcións resultaron votadas e por un momento pensamos que habería un empate múltiple que anularía o plebiscito, mais a última hora a proposta do irmán Magog recibiu un voto de máis que a convertiu en gañadora do punto ecuménico outorgado polos labouristas. Noraboa, Hugo. E os demais que saibades que podería ter sido calquera de vós, así que a seguir co bo traballo!

09/12/06

Exercicios do Lab·Ou: Palíndromo de Stereotopffer


Esta páxina palindrómica do amigo Porto hai tempo que xa estaba rematada; de feito, difundiuse pola nosa lista de correo, polo que moitos labouristas xa a coñecedes. Pero o autor Stereotopffer pediunos que a gardasemos na neveira e non a pendurasemos ata que non aparecese o fanzine no que ía saír publicada, durante o Expocómic de Madrid. Pasada esa data, supoñemos que o fanzine Lunáticos (dirixido por Carlos Martínez) xa vería a luz (por aquí non chegou) e que temos luz verde para difundir este exercicio de estilo do bo de Miguel. Unha nova historia de cazadores cazados habilmente construida e narrada. Non vos da envexa e pericia técnica e autoral do noso James Kochalka galego? Aínda estades a tempo de ser como el; tentade facer un palíndromo en BD!

08/12/06

Volta e volta: Jean-Christophe Menu



Finaliza con este extracto do OuPus 3 a documentación sobre posibles upside-downs. Como noutras ocasións, Menu seméllame un bo ideólogo mais un artista bastante mediocre. Seguro que vós labouristas podedes superalo sen problemas.

07/12/06

Cadáveres exquisitos por internet


O amigo Rubín (que acaba de publicar recentemente en Astiberri o seu novo álbum, La tetería del oso malayo, correde ás librarías a por el), enviounos un par de interesantes links relacionados co exercicio dos cadáveres exquisitos. O primeiro, Gates of Heck, ofrece unha galería breve pero interesante con algúns exemplos do libro Narrative Corpse, coordinado por Art Spiegelman, no que diversos participantes tiñan que continuar unha historia a cegas a base de aportar tres viñetas dun tirón cada un.


O segundo link, leva a unha páxina web en francés no que os participantes realizan un novo cadáver exquisito coa particularidade de que cada un se debuxa unha páxina (a cor!) dunha tacada.
O irmán Diablito argumenta que este tipo de cadáveres, nos que hai que debuxar algo máis ca unha única viñeta, lle parecen moito máis interesantes; os participantes están obrigados a contar algo con principio, nó e ata desenlace que continúe unha narración anterior e deixe as portas abertas para a seguinte contribución, polo que se evitan os momentos nos que se pasa a pataca quente ao próximo xa que non se sabe que contar, e tamén as pallas mentais sen sentido.
Vistos os exemplos, certo é que os resultados seguen a ser espontáneos mais un pouco menos á deriva e forzados que algúns momentos do cadáver coruñés. David propón facermos un cadáver colectivo por e-mail, no que os participantes tivesen unha semana para facer unha páxina. O nivel branco coordinariamos as entregas e o tempo de cada un, e unha vez rematada a BD publicariamola no blog para que todo o mundo a vise enteira. Estariades interesados en participardes nunha aventura deste tipo? Como haxa un mínimo de 5 ou 6 persoas, tiramos para adiante.

Dobre cego: Alberto Vázquez


Comezamos a subir hoxe as metades do exercicio do dobre cego dedicadas a inventar o texto sobre a tira inicial de Calvin & Hobbes. Nun futuro próximo agardamos poder mesturar as dúas partes deste exercicio vía Photoshop para que poidades ver os híbridos resultantes. Mais agora, déixovos co manifesto teolóxico de Alberto Vázquez.

05/12/06

Volta e volta: François Ayroles



É curioso comprobar como cada membro do OuBaPo leva ao seu terreo os exercicios de estilo comunais, e como en cada caso lle engade unha peculiaridade que os fai únicos e intransferibles. No caso de Ayroles, destaca a numerosa cantidade de palabras que inclúe na parte icónica e que xoga a invertir, de xeito que teñan significados moi diferentes cara arriba ou cara abaixo. Quizais é deformación profesional, pero como traductor non paro de pensar como se podería transmitir todo isto ao noso idioma, aínda que lamentablemente na maioría dos casos trátase de BDs impublicables...

04/12/06

Exercicios de Lab·Ou: Tiras cruzadas de Ill'Rocco


O querido irmán Ill'Rocco, desde o seu retiro espiritual na Mariña lucense, non deixa de agrandar a súa obra e de crear cousiñas coas que abraiarnos día si e día tamén. Nesta ocasión opta por resolucionar o reto proposto pola coordinación dunhas tiras cruzadas, e faino con mestría aportando unha BD con nove posibles lecturas paralelas e simultáneas.

Moi ben, Roque. Mantendo o listón altísimo. Cinco puntiños máis, e cada vez máis perto do cambio de nivel. Curioso o catálogo de reliquias e obxectos arcanos que te marcas.

E unha cousiña máis: mañá remata o prazo de entrega do noso primeiro exercicio titorado, o ideograma orgásmico. A ver se na ponte, ou pode que xusto tras ela, outorgamos o noso primeiro punto ecuménico.


02/12/06

Volta e volta: Killoffer



Para o seu upside down Killo decidiu crear viñetas medio surrealistas, nas que os debuxos son máis suxeridos que explicitados, con grandes caras formadas por todo tipo de elementos e figuras. Unha opción interesante.

01/12/06

Convalidacións de Magog (3)


O noso camarada Magog enviounos hai unhas semanas unha interesante paxiniña, pero pediu que quedase conxelada ata que fose publicada antes. E coma os da revista web Move xa a penduraron, nós temos luz verde tamén para ensinala.
Hugo creou unha estructura de páxina simétrica (exercicio creativo 8.2.) coa particularidade de selo respecto aos dous eixos, o horizontal e o vertical. E todo moi sutil, sen fachendear. Seguirá esta serie adiante, e se é así aportará novas experimentacións? Teremos que agardar para velo.

30/11/06

Volta e volta: Jochen Gerner



Este upside down de Gerner ten unha curiosidade: a volta da páxina está incluida como xiro argumental dentro da historia. Supoño que isto só se pode facer en casos coma este, con tramas que suceden dentro dun avión, ou noutros contextos deus ex machina. De todos os xeitos, curiosa reviravolta (nunca mellor dito) metalingüística.

28/11/06

Convalidacións de Cosme (5)











Hoxe toca un post de luxo. O irmán Cosme cedeunos en exlclusiva a historia coa que gañou un 2ª premio na última convocatoria do premio GZ Crea, e aquí a estrenamos para o ciber-espazo. Un exercicio que podemos calificar de restrición do enfoque, narrado en cámara fixa dende un punto estático. Por fin Cosme sóltase esa melena de skater que ten e lánzase a xogar coa potencialidade narrativa, algo que de momento lle viamos timidamente pero nunca dun xeito tan directo. Noraboa, labourista: é unha chulada de BD. E eu creo que merecía o 1º premio.

27/11/06

Volta e volta: Étienne Lécroart



Un novo exemplo de upside down que para min funciona perfectamente: Lécroart emprega debuxos o suficientemente ambiguos (xoga coas sombras e o branco e negro) para que xirada a páxina se convirtan nalgo completamente distinto.