09/08/07

Avance de programa das XIX Xornadas de BD


Esta é a nota de prensa que enviamos hoxe aos medios


PRESÉNTASE O AVANCE DO PROGRAMA

DAS XIX XORNADAS DE BANDA DESEÑADA DE OURENSE


A décimo novena edición das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, que decorrerán entre o 3 e o 22 de outubro de 2007, presentará no festival Viñetas desde o Atlántico, da Coruña, un avance do seu programa de actividades.

Entre as exposicións confirmadas podemos destacar as monográficas dedicadas a Lola Lorente, Carlos Vermut e Pepo Pérez. Lola Lorente é unha das máis activas colaboradoras do desaparecido Fanzine Enfermo, e merecedora de varios premios en concursos, como o accésit nos premios do Injuve de Cómic de 2003 e o premio na categoría de Ilustración do mesmo certame en 2006. Publicou as súas BD tamén en revistas como NSLM, Dos Veces Breve, TOS, Humo e Ganadería Trashumante. Carlos Vermut, colaborador como ilustrador de xornais e revistas como El Mundo ou Man, publicou banda deseñada en Dos Veces Breve, ¡Dibus!, El Manglar ou a nova etapa de BD Banda; en 2006 publicou o álbum El banyan rojo (Dibbuks) e conseguiu tamén un dos premios Injuve de Cómic e Ilustración. Pepo Pérez, pola súa parte, colabora ilustrando artigos para Rockdelux; como debuxante de BD é especialmente coñecido polos dous álbums da serie El vecino (Astiberri, 2004-2006, con guión de Santiago García). É ademais crítico e teórico de cómics en revistas como U, Volumen, 9º Arte, Rockdelux e El Periódico de Catalunya, así como a través do seu weblog Con C de Arte.

Alén disto, as Xornadas repiten a experiencia da microexposición Delicatessen, unha mostra composta por só dez pranchas no espazo expositivo da Biblioteca do Campus de Ourense. Nesta edición, o autor seleccionado é Diego Blanco, premiado en distintos certames e activo membro do colectivo Polaqia. Blanco publicou en fanzines e revistas como Carne Líquida ou Barsowia, e forma parte da experiencia colectiva de Ediciones Ultralimitadas. En 2006 colaborou nas publicacións colectivas Capital (De Ponent) e Barsowia en llamas (Dolmen), e publicou o seu monográfico Tanque familiar.

Entre as exposicións colectivas desta edición das Xornadas, destacan a do Certamen Injuve de Cómic e Ilustración 2006, organizado polo Instituto de la Juventud, con presenza entre os premiados de varios galegos (David Rubín, Diego Blanco, Brais Rodríguez e Roque Romero); a titulada ConSecuencias: Historieta uruguaya, coordinada por Felipe Hernández Cava tamén para o Injuve, cunha ollada ao panorama actual dos autores de BD no Uruguai; Dez anos de BD galega, organizada pola Agpi, coa colaboración do festival Viñetas desde o Atlántico, que constitúe un repaso aos autores fundamentais nestes últimos anos no panorama da banda deseñada en Galicia; GZcrea 2007, con pranchas dos traballos gañadores e seleccionados na modalidade de Banda Deseñada do Certame Galego de Creadores Novos, convocado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galicia; e a do Premio Castelao 2007, que contén as páxinas do álbum Aventuras de Cacauequi, de Jacobo Fernández, gañador deste concurso convocado pola Deputación da Coruña.

Encontros cos autores, actividades colectivas do Lab·Ou (Laboratorio Galego de BD experimental), presentacións de publicacións, e a entrega do Premios Ourense de BD comporán o resto do programa.


Para ver o avance completo en formato pdf, clicade aquí.

http://rapidshare.com/files/47899304/xorn-av2007.pdf.html

6 comentários:

magog disse...

Actualizaaaa

Anónimo disse...

morreu o labou?

barb michelen disse...
Este comentário foi removido por um gestor do blogue.
Palbo disse...

Aborrezco a los spammers.

珊珊李 disse...
Este comentário foi removido por um gestor do blogue.
Anónimo disse...
Este comentário foi removido por um gestor do blogue.