Despois de afondar no eido dos exercicios de multi-lectura, do que vos propuxemos tres retos seguidos (palíndromo, morlaque e tiras cruzadas), cremos que é bo momento de probar con algo novo, mais sen distanciarnos moito do paraugas do OuBaPo (ese modelo que sempre tentamos imitar). Por iso suxerímosvos abordar o tema da reversibilidade, titorando un exercicio de upside down ou volta e volta [4.1.] (para así seguir amosándovos exemplos do OuPus 3).
Citando directamente do Grimorio en que consisten os volta e volta: "BD anaclítica reversíbel dunha páxina en que, ao chegar na lectura á última viñeta, dáselle a volta á páxina (un xiro de 180º) e a narración continúa do revés. O debuxo debe ser suficientemente abstracto para permitir dúas interpretacións, unha de arriba abaixo e outra de abaixo arriba. O texto estará disposto en ambas as dúas direccións, cara arriba e cara abaixo". O inventor dos upside down foi Gustave Verbeek, que xa entre 1903 e 1905 facía BDs cunha estructura invertible (un exemplo delas está a ilustrar este post).
Requisitos para este exercicio titorado: non se trata de debuxar unha historia que poida lerse do dereito e do revés permanecendo igual (iso sería un ambigrama, exercicio 4.2.), senón unha que se desenvolva nas dúas direccións, na que os seus debuxos ollados en cada sentido signifiquen algo distinto. Non hai unha extensión mínima en canto a viñetas. Se triunfades nesta complicadísima encomenda, recibiredes outros 5 puntos para os vosos respectivos cursus honorum (para algúns pode que xa sexan os que lles permitan pasar de nivel).
E xa só resta recordar os detalles de sempre: tedes un trimestre de prazo para mandárnosla se queredes optar a un punto ecuménico outorgado por votación popular dos participantes; lembrade que podedes empregar a nosa lista de correo para todo tipo de preguntas ou discusións sobre este exercicio, e que os filoexperimentadores aínda non afiliados podedes empregalo coma exercicio de ingreso; e que podedes contribuir no labor de documentación envíandoos BDs que coñezades que cumpran con estas características.
Lembrade tamén que o prazo para entregardes o noso primeiro exercicio titorado, o ideograma de orgasmo, expirará o 5 de decembro, polo que dádevos présa se índa queredes facelo e optar por un punto ecuménico.
Vita brevis, BD longa!
1 comentário:
Isto é un volta e volta? Non pides nada, amigo!! Toca romperse os miolos
Magog
Enviar um comentário