22/11/06

Un exercicio colectivo do Lab·Ou nun futuro próximo?

Ola, queridos Labouristas e filoexperimentadores:

Un dos propósitos fundacionais deste Laboratorio era promover “actividades de tipo colectivo ou que precisen da colaboración de varios autores”, e niso estamos. O vindeiro acontecemento no que presumiblemente nos reuniriamos os mesmbros desta loxia sería o Viñetas desde o Atlántico coruñés, pero como esa cita aínda é en agosto, e ata entón aínda quedan nove meses (unha eternidade), teriamos a intención de organizar dúas ou tres quedadas colectivas previas a ese evento, para seguir facendo experimentos en grupo, saír a beber unhas copas e gozar da compaña dos demais, esas cousas que se fan neste tipo de convocatorias.

Pensamos que un escenario ideal para unha hipotética primeira reunión podería ser a trastenda da librería especializada BD! en Vigo. É un espazo con mesas e tranquilo, suficientemente habilitado para unha xuntanza destas características, e ademais contamos co apoio de Melo e Eva, os simpáticos encargados da tenda, que foron os que se ofreceron encantados a albergar un evento coma este. Por outra banda, sabemos que Vigo é unha cidade máis accesíbel e mellor comunicada para reunirnos xa que estamos espallados por toda a xeografía galega (e con Porto en Madrid); e o feito de que varios Labouristas teñan residencia na urbe (Miguel, Emma, os Covelos, Pablo) facilitaría bastante os labores de loxística.

Os coordinadores xa preparamos un exercicio colectivo que se axeita as circunstancias temporais e espaciais deste acontecemento. Sería algo novo, que aínda non vos propuxemos nunca, moi interactivo entre os participantes, e relativamente sinxelo de facer, que podería levarse a cabo entre a media mañá e a media tarde dun sábado.

Pero para que esta proposta vaia a bo porto, temos que organizala ben, paso a paso. Primeiramente temos que asegurarnos da disponibilidade dos participantes. Se vemos que nun futuro próximo é complicado reunir a todo o mundo (ou polo menos a unha maioría significativa), posporiamos esta convocatoria para máis adiante. ¿Poderiades (e interesariavos) adicar un sábado do mes de decembro / comezos de xaneiro a este evento? De ser así, ¿cales serían as datas que máis vos convirían?

Outro punto importante é o feito de que nestes momentos o Lab·Ou non dispón de financiación (estamos tentando que non sexa así, pero agora mesmo non hai pasta) para sufragar os custos de desprazamento e aloxamento, polo que debedes ter en conta que cada un se responsabilizaría dos seus gastos; a participación sería voluntaria e desinteresada. Esa é outra das razóns pola que a opción Vigo sería interesante: cun pouco de sorte os nativos ou residentes poderían aloxar aos foráneos por unha noite; ou ben podería artellarse todo de xeito que os estranxeiros puidesen regresar ás súas cidade no último tren / autobús da noite. Igualmente, se por razóns pecuniarias non é este o mellor momento para vós para realizar este exercicio e preferides pospoñelo ata que o Laboratorio poida facerse cargo dos gastos, é o momento de sabelo.

Agardamos que a través da lista de correo poidamos coordinar a planificación deste hipotético evento. Para calquera cousa, xa sabedes como contactar co nivel branco; estamos aquí para escoitar as vosas suxestións e tentar resolver as vosas dúbidas.

Vita brevis, BD longa!

2 comentários:

Anónimo disse...

Asín de golpe, a servidor le viene con el cucu...pero si veo posibilidad...Yaig...Veremos...

Anónimo disse...

en nuestra casa podemos agoger por lo menos a una persona, eso si, no es nada céntrica.
Covelow