10/01/07

Exercicios do Lab·Ou (8): Iteración icónica

Pois pouco a pouco, por fin rematamos de visitar o OuPus 3, esa obra colectiva do OuBaPo francés que na nosa loxa tomamos como guía de iniciación no mundo da BD potencial. Xa só queda un exercicio colectivo que propor para esgotar os modelos propostos neste mítico manual, e será sinxeliño en comparación cos retos aos que vos tendes enfrontado de momento (tiras cruzadas, palíndromos, morlaques e demais fauna): unha iteración icónica.

Dentro das iteracións, podedes escoller o modelo total (citando do Grimorio [2.1.], "BD dunha ou varias páxinas na cal se repite a parte icónica en todas as viñetas; a mesma imaxe cambiando só os textos, ou ben un número limitado de imaxes recorrentes") ou o parcial (citando do Grimorio [2.2], "BD dunha ou varias páxinas en que se repite case por completo a parte icónica nas viñetas; a mesma imaxe con lixeiras variacións, ou ben un elemento recorrente que se repite en todas as imaxes na mesma posición"); pois ambos son empregados polos membros de L'Association nos seus exercicios.

Requisito fundamental para a validez do exercicio: ten que haber unha excusa argumental que xustifique a iteración icónica. Non pode poñerse unha repetición gratutita, que non case coa historia e sexa forzada, nin unha solución ex machina metida con calzador. Debe haber unha perfecta simbiose entre a forma e o fondo. Como podedes ver no exemplo de Jean-Christophe Menu que ilustra este post, a BD está construída mesturando iteracións totais e parciais que casan perfectamente coa excusa argumental, e por riba é muda. Ao ser un desafío menos complicado que os anteriores, só está valorado con 2 puntiños; pero mirádeo polo lado bo, é máis sinxeliño de cometer, así que animádevos a participar.

E xa só resta recordar os detalles de sempre: tedes un trimestre de prazo para mandárnosla se queredes optar a un punto ecuménico outorgado por votación popular dos participantes; lembrade que podedes empregar a nosa lista de correo para todo tipo de preguntas ou discusións sobre este exercicio, e que os filoexperimentadores aínda non afiliados podedes empregalo coma exercicio de ingreso; e que podedes contribuir no labor de documentación envíandoos BDs que coñezades que cumpran con estas características.

Vita brevis, BD longa!

Sem comentários: