Os de Lab·Ou non somos os primeiros en apostar pola experimentación formal no medio da banda deseñada neste país, nin moito menos. Pero si é certo que de momento todas as iniciativas vistas foron esporádicas e excepcionais, sen moita continuidade, agás o traballo de determinados creadores dedicados a descobrir permanentemente terra incognita no medio do cómic. Coma nos sentimos en débeda con eles, nos vindeiros posts ímoslles render o tributo que merecen.
Quizais, de entre todos os autores españois que nos inspiran coa súa infatigábel exploración gráfica, Juan Berrio é o cu máis inquedo que coñecemos: o ideal para empezar esta homenaxe.
Berrio ama a experimentación, e iso nótase en cada historia súa; mesmo nas máis "normais" gosta de xogar coa estructura do relato e coa distribución das viñetas (Polígono de muchos lados, Un hombre, Puzzle...). Pero é nos seus proxectos paralelos onde se entrega de cheo á investigación pura e dura.
Os seus calendarios ilustrados son obxectos de coleccionista que cada ano ofrecen coma leitmotiv un exercicio de estilo linguístico diferente: o do 2002 era un almanaque palindrómico, 0 de 2003 estaba composto só por palabras monosilábicas e monovocálicas, as ilustracións do de 2005 eran upside-downs (seguindo o modelo oubapiano)... Así Berrio se nos descobre non só coma artista, senón tamén coma un imaxinativo e revoltoso filólogo afecionado.
Mais o cumio da súa carreira coma experimentador é sen dúbida o n.º 2 do seu fanzine AEIOU (acertadamente subtitulado Entusiasmo exhaustivo), 36 páxinas de cómics construidos enteiramente a partir de palabras pentavocálicas (as que teñen cada unha das cinco vocais). Un impresionante tour de force no que ademais de crear intelixentes historias con sentido (un engadido do que moitas veces se prescinde na experimentación máis radical), foi quen de debuxalas con estilos distintos desdobrándose en cinco personalidades ficticias.
Agardamos fervorosamente que Juan Berrio volva amosarnos nun futuro próximo todo o que da de si o idioma, especialmente se é en combinación coa banda deseñada. Namentres, calquera pode visitar a súa páxina web e admirar exemplos dos seus pluscuamperfectos traballos metalingüísticos.
Sem comentários:
Enviar um comentário