31/08/06

James Kochalka en internet

Aínda non comprendo a pouco transcendencia que de momento tivo a obra de James Kochalka no noso país. Nas Xornadas de Ourense coñecémolo dende hai tempo (publicouse unha historia súa no Fanzine das Xornadas n.º 7, alá polo 2000), e en Portugal Ediçoes Polvo e Quadrado foron editando regularmente a maioría da súa producción, mais a maioría de lectores españois só lle terán visto a breve escolma de páxinas de Magic Boy que Dolmen sacou hai un par de meses na colección dirixida por Ricardo Mena.
Todos aqueles aos que aínda non lles sona moito o nome de Kochalka, deberían visitar con asiduidade American Elf, a súa páxina web, na que regularmente vai pendurando fragmentos do seu diario en BD, o cal estase a converter na súa magna opus por moitos motivos.
Un bo día, en outubro de 1998, Kochalka decidiu comezar un diario en forma de tira cómica. A súa intención era debuxar cada día unha pequena anécdota que lle tivese acontecido nunhas catro viñetas. O autor tentaba capturar a esencia da vida monótona e cotiá, o ritmo da existencia diaria; por iso retratábase en situacións tales como comendo, durmindo, falando coa súa parella, mexando ou duchándose, pensando... Moitas veces as súas tiras non tiñan estructura narrativa nin sentido, tan só eran sensacións ou momentos atrapados ad hoc; pero é que a vida real tampouco ten principio, nó e desenlace, e é incriblemente repetitiva.
O paso do tempo fixo que o seu sketchbook diary fose gañando en consistencia. As tiras por separado poden ter máis ou menos graza, pero lidas un bo feixe delas en secuencia é cando amosan a maxia inherente á existencia, a felicidade dos pequenos momentos, pode que ata incluso o sentido da vida. Como diría o propio autor, "Os meus diarios son a miña única esperanza de que todo teña un sentido. Definen quen son eu e cal é o meu sitio neste mundo. Sen eles estaría perdido".
Tras oito anos de constancia neste proxecto, o diario de Kochalka chegou a un punto de retroalimentación imparábel. O embarazo de súa muller, o nacemento de seu fillo, a súa carreira profesional... todo quedou reflectido nesta obra que está a piques de chegar ás 3000 páxinas. Un traballo que influenzou a unha morea de xoves comiqueiros indies americanos que tamén están a debuxar os seus diarios en BD co propósito de velos publicados. Outro día falaremos dalgún destes 'alumnos' (de entre os que destacaría, por exemplo, Liz Prince).
Se un non ten acceso as compilacións en papel que vai sacando Top Shelf periodicamente, sempre se pode acostumar a visitar a web de Kochalka todos os días e ler online o que lle aconteceu ao autor na xornada anterior. Aviso: son moi adictivas; cando leades un par, ides querer máis. Esta páxina ten tamén unha sección privada para suscriptores; se decidides darvos de alta (custa 1.95 $ ao mes), poderedes descubrir tamén a carreira paralela de James Kochalka coma músico de punk rock, coas súas cancións máis recentes en formato mp3, e bastantes outros extras.

1 comentário:

Miguel Porto disse...

Kochalka mola!