Non é nada sinxelo atopar información ou traballos do colectivo francés OuBaPo (agora mesmo os meirandes experimentadores en BD, unha inspiración directa para o Lab·Ou) pendurados na rede; son tan independentes que non teñen páxina web nin ganas de tela.
Ademais da (esperábel) definición da Wikipedia, interesante e documentada pero pouco extensa, que é un bo punto de partida para un neófito no tema, tras unha procura rápida no Google o único que destaca é a páxina persoal de Gilles Ciment, un dos mesmos fundadores de dito obradoiro, que expón dúas ou tres creacións feitas co gallo oubapiano... algo un pouco escaso.
É quizais grazas ao Centre Nationale de la Bande Dessinée et de l'Image que podemos facernos unha idea máis concreta do que é o OuBaPo: nunha completa sección de links hai dende fichas dos creadores do colectivo ata unha detallada bibliografía oubapiana, pasando por unha lista de documentos e artigos sobre o tema e un directorio de páxinas web (moitas delas xa caídas... hai que actualizar máis a miudo). De entre as que sobreviven, a que máis paga a pena é a do Festival de BD de Lucerna, que amosa íntegro o experimento que fixo o OuBaPo entre ese certame e o de Bastia de dameiros a catro mans debuxados por varias ducias de autores.
Se algún internauta coñece algunha outra web relevante sobre este colectivo de autores que nolo faga saber e a referenciaremos no blog. Cremos que é unha mágoa que o seu labor, tan importante para a BD potencial recente, sexa un grande descoñecido no noso país, e nos gustaría publicitar e difundir o seu traballo na medida do posíbel.
Sem comentários:
Enviar um comentário