07/08/06

Laboratorio Galego de BD Experimental


Benvid*s ao weblog do Lab·Ou, o Laboratorio Galego de BD Experimental.

¤ Que é o Lab·Ou?

Como cidadáns e cidadás do século xxi, Lab·Ou constitúese como unha ciber-loxa ou moderna sociedade pseudo-secreta en que a experiencia será un grao, e cada un dos seus membros será considerado nun dos chanzos do seu cursus honorum.

Trátase de facer propostas que manteñan en activo a creatividade dos autores; unha especie de ximnasia mental de mantemento. Importa máis o camiño, os froitos que poida obter da busca cada autor, que o resultado. Non se procura a vangarda nin as rupturas porque si, senón un progreso creativo persoal; porén, se os exercicios son compartidos con outras persoas, créase un caldo de cultivo ideal para potenciar os achados de cada un e tamén os colectivos.

Unha das influencias máis destacadas do Lab·Ou é o OuBaPo (acrónimo de Ouvroir de Bande dessinée Potentielle). Este colectivo, creado en 1992 no seo da editorial francesa L’Association e formado entre outros por Groensteen, Trondheim, Menu, Killoffer, Ayrolles, Lécroart e Gerner, experimenta coa BD buscando formas e estruturas novas por medio de diversos exercicios de estilo, seguindo o exemplo do que fai coa literatura o OuLiPo (Ouvroir de Littérature Potentielle), iniciado por Raymond Queneau en 1960.

As investigacións doutros estudosos da BD como Scott McCloud ou Matt Madden tamén foron unha profunda inspiración para o laboratorio galego.

¤ Funcionamento de Lab·Ou

§ ingreso en Lab·Ou: o interesado/a só deberá enviar unha petición cos seus datos (nome, data de nacemento, enderezo postal e electrónico e calquera outro que considere de interese) ao enderezo de correo electrónico . Recoméndase que cada novo membro escolla para si un nome de iniciado, polo cal será coñecido polo resto dos membros do Lab·Ou. Para ser considerado membro a todos os efectos, deberá achegar —preferibelmente en formato electrónico, ao mesmo enderezo— un exercicio realizado por el/ela propio/a de acordo con algún dos modelos propostos no Grimorio: Libro de exercicios de Lab·Ou.

§ seguimento do ‘cursus honorum’ no Lab·Ou: O Grimorio é un catálogo ampliábel de exercicios dispoñíbeis. Cada un deles está valorado cunha puntuación que poderá variarse en casos concretos de acordo coa dificultade. Cada mes, desde a coordinación de Lab·Ou proporanse tres exercicios optativos, para os cales normalmente se darán datos moi concretos para a realización, ao contrario da exposición xeral que se fai no Grimorio. O prazo de entrega deses exercicios será de tres meses. Estes prazos serven unicamente para marcar un ritmo, mais a liberdade de cada un dos membros permitiralles entregar ou non ditos exercicios sen que reciba ningún tipo de amoestación por parte da coordinación. Alén disto, calquera dos membros pode entregar calquera outro exercicio experimental aínda que non sexa dos propostos, e mesmo achegar traballos encadrábeis dentro destes exercicios aínda que fosen realizados fóra das marxes espacio-temporais do Lab·Ou (e estes serán validados pola coordinación en caso de que cumpran cos principios desta loxa experimental). Algúns exercicios, ademais, permiten o traballo con outras BD (propias ou alleas) para crear outras novas, a través dun proceso de montaxe e desmontaxe.

Cada un dos exercicios —pola súa soa realización— reportará ao membro o número de puntos con que dito exercicio foi valorado. En caso de non ser un exercicio proposto desde a coordinación —tanto se foi feito expresamente para a ocasión como se se está a propor unha validación dun exercicio anterior á entrada no Lab·Ou—, esta decidirá con que puntuación é valorado. As puntuacións irán engrosando a conta persoal de cada membro, e levándoo adiante no progreso do seu cursus honorum, camiño do seu seguinte grao.

§ punto ecuménico. Todos os membros que tomen parte dun dos exercicios propostos pola coordinación votarán o que consideren o mellor resolto —sen poderen votar o seu propio traballo—, co que o elixido recibirá un punto a maiores. Poderá haber un ex-æquo de dous traballos; en caso de que tres ou máis traballos coincidan no número de votos, desaparecerá a posibilidade de punto ecuménico.

§ weblog. O Lab·Ou funcionará primordialmente a través da rede. Os traballos exporanse en versión de baixa resolución na internet a través do weblog , de acceso público —a non ser que o participante solicite explicitamente que o seu traballo non sexa exposto ao público—, e do grupo de correo , de acceso restrinxido aos membros. No weblog daranse noticias do Lab·Ou, así como ligazóns a outras experiencias semellantes existentes polo mundo; a través do grupo de correo dinamizarase o diálogo creativo entre os membros.

§ encontros. Para rachar a individualidade da rede, aproveitando algunhas citas anuais relativas á BD, tales como o Viñetas desde o Atlántico ou as Xornadas de Ourense, Lab·Ou organizará actividades de tipo colectivo ou que precisen da colaboración de varios autores, así como talleres coa presenza de autores convidados.

§ edicións.
Lab·Ou buscará editar e apoiar a edición de obras producidas ao seu abeiro, a través de antoloxías, compilacións, etc.

¤ Niveis dos membros da loxa

§ Nivel Azul — Grao: Aprendiz | Puntuación: 0-49 | Cambio de grao: Acceso á chave de prata

§ Nivel Vermello — Grao: Iniciado | Puntuación: 50-99 | Cambio de grao: Acceso á chave de ouro

§ Nivel NegroGrao: Mestre | Puntuación: 100 ou máis

§ Nivel BrancoGrao: Administrativo | Reservado á coordinación desde Ourense

Máis información neste documento pdf.
O Grimorio (Libro de exercicios do Lab·Ou), nestroutro pdf.

Sem comentários: