29/08/06

Longa vida ao irmán Covelow

Os misterios e segredos desta loxia bedeística vanse espallando paseniño mais con paso firme e decidido. Así como perviviron a tradición cabalística xudía ou os rituais e usos templarios, a obra hermenéutica labourista expándese e recruta día a día a novos seguidores para continuaren a exploración das posibilidades gráficas da novena arte.
O último en caer nas redes místico-máxicas do Lab·Ou é o autor Sergio Covelo, que de agora en diante abandonará calquera vencello coa súa vida pasada e será referido soamente coma irmán Covelow.
Os Donos das Chaves temos fe nas capacidades innatas deste aprendiz. Sabemos que o medo e a dúbida non habitan no seu ser, e deu proba do seu corazón afouto ao arriscarse a participar nos desafíos nos que o convocamos. A súa colaboración no cadáver exquisito podedes vela uns posts máis abaixo, e que quede constancia de que foi tamén un dos poucos elexidos que se enfrontou contra si mesmo no reto BD 24 x 24, que tivo lugar o ano pasado nas Xornadas de Ourense. Foi quen de facer a lapis unha historia de 24 páxinas nun único día, e tan só lle terían cumprido unhas míseras horas máis para entintala e saír victorioso. Mais tentouno, que é máis do que a maioría pode dicir.
Benvido, Covelow, a este Laboratorio. Recomendamos aos filoexperimentadores que aínda non o coñezan que visiten o seu espazo na páxina web El mono listo para ollaren unha interesante retrospectiva da súa obra. Quenes serán os próximos que seguirán os seus pasos? Quen máis se atreverá a iniciarse na senda comiqueiro-investigadora do Lab·Ou?
Vita brevis, BD longa!!!

2 comentários:

Anónimo disse...

Sudos mestres laboureiros.
In Banda Veritas.

urbanoscar disse...

ola, covelow!

ese lema é bo; non se me ocorrera para nada...

xogar co latín pode ser divertido: Veni, BD, Vici