29/08/06

Experimentadores en BD (2): José Luis Ágreda

Ágreda foi un dos novos comiqueiros que máis destacaron no panorama de finais dos 90s. Prolífico autor de ducias de historias curtas espalladas por todo tipo de revistas e fanzines, conseguiu unha considerable notoriedade polas súas colaboracións humorísticas no mítico semanario El Jueves e por ter debuxado a única incursión do dúo de humoristas Gomaespuma na banda deseñada (Raúl y Andrea, a la fuerza ahorcan). Nestes últimos tempos anda algo afastado deste medio, mais seguramente pronto volverá deleitarnos con novos traballos en viñetas.

A maior aposta de Ágreda pola experimentación é sen dúbida a obra de catro páxinas El enanito y las tres blancanueces, incluida no álbum colectivo La historia del blues. Este fora un libro comisionado pola discográfica Subterfuge, no que os autores implicados adaptaban a cómic as cancións do disco homónimo de Siniestro Total (Julián Hernández, líder do grupo, seica é todo un connaisseur da BD). A maioría dos artistas cumpriron co encargo sen decepcionar pero tamén sen esmerarse; porén Ágreda quixo ir un pouco máis alá do esperado.

A súa historia está narrada sen apenas viñetas, nunha secuencia continúa e simultánea na que as catro liñas argumentais (unha por cada personaxe) se van entrecruzando con mestría tanto no tempo coma no espazo. Tamén hai dúas tiras paralelas, unha por riba e outra embaixo, que interatuan momentaneamente coa acción principal.

Á primeira ollada, pode semellar difícil enterarse do que está a acontecer e seguir as diferentes historias por separado sen perderse, pero o uso da cor para diferenciar as distintas tramas e a soberbia posta en páxina, sempre clara e esquisita, fan que a obra poida lerse e comprenderse sen moito problema, marabillándose un ao rematala da perfección formal deste preciso mecanismo de reloxaría.

El enanito foi reeditado en Cosecha CMYK, a completa revisitación da carreira de Ágreda coma autor de BD e ilustrador compilada por Astiberri. Os traballos máis recentes deste artista poden visitarse no seu blog.

Sem comentários: