30/08/06

Longa vida ao irmán Rubín

As nosas verbas non tropezan con oídos pechados. A nosa sagrada misión experimentadora non ficará interrompida. As ideas deste laboratorio difundénse por diversas canles, e coma cantos de serea atrapan a atención de xoves creadores inquedos, iconoclastas, e por que non dicilo, un chisco inconscientes, que aceptan de bo grao ingresar nesta orde contracultural.
Para o Lab·Ou é unha honra que David Rubín, o enfant terrible da BD galega, decidise afiliarse a esta loxia coma un irmán máis, coas mesmas ganas de aprender e investigar que os seus compañeiros aprendices. Non é que pensásemos que as nosas teorías experimentais e revolucionarias non lle fosen a convencer; sinxelamente temiamos que o exceso de compromisos profesionais aos que está sometido lle impedise distraccións mundanas coma a participación activa nas propostas deste colectivo. Mais para un dos nosos autores máis pluriempregados o tempo é relativo e pode estirarse ata límites insospeitados.
Poucas presentacións máis precisa David. Non disporiamos de espazo suficiente para glosar todas as súas aparicións en revistas e fanzines do país e do estranxeiro, as súas actividades coma axitador da escea artística galega e a súa pericia coma catador de licor café. No eido da exploración bedeística, cómpre destacar o seu triunfo no desafío BD 24 x 24 das últimas Xornadas, do cal é froito o seu cómic en 24 horas Corazón de tormentas, recentemente publicado no selo Polaqia (unha xoia da espontaneidade). Tamén fíxonos o inmenso favor de abrir e pechar o noso cadáver exquisito coruñés, unha responsabilidade meirande do que semella á primeira vista, pois del dependía que o experimento se encamiñase a bo porto e tivese un certo sentido ao concluilo. E abofé que cumpriu meritoriamente con estes dous obxectivos.
Só nos queda unha espiña cravada: non puidemos convencelo de que renunciase á súa identidade mundana e que escollese un alias pseudo-secreto para a irmandade, polo que teremos que referirnos a el co seu patronímico terreal. Très deuxiéme classe. Pode que co tempo poidamos convertelo plenamente a todos os protocolos da loxia.
Benvido, David Rubín, a este Laboratorio. Recomendamos aos filoexperimentadores que vaian mercar (se é que aínda non o teñen) o seu imprescindíbel álbum monográfico El circo del desaliento, publicado chez Astiberri, que ademais da historia gañadora do 1º Premio Castelao inclúe un interesante repaso polos grandes éxitos da súa carreira dentro da 9ª arte. E co curriño que é David, seguro que se llo piden asinarállelo cunha fermosa dedicatoria.
Vita brevis, BD longa!

2 comentários:

Anónimo disse...

bueno, hombre, tambien podeis referiros a mi como "diablitobeer", que no pasa nada.

d.

urbanoscar disse...

Pois xa é oficial logo, David... A partir de agora para os teus compañeiros do Laboratorio serás coñecido coma o irmán DiablitoBeer. Un nome moito máis axeitado polas súas connotacións necrorgiásticas, onde vai parar...

Longa vida ao irmán Diablito!

Vita brevis, Bd longa!