30/10/06

Exercicios do Lab·Ou (5): Tiras cruzadas


Dentro do noso programa de exercicios comúns titorados, e seguindo coa nosa programación habitual de exercicios de multi-lectura (va que son xugosos?) cunha certa dificultade engadida, para esta quincena escollimos o equivalente bedeístico a un dobre salto mortal carpado sen rede: o reto creativo 3.1. ou tiras cruzadas. Pero tranquilos, estamos seguros de que coa vosa experiencia superaderes o desafío meritoriamente.
Citando directamente do Grimorio en que consisten as tiras cruzadas: "BD duna páxina con varias tiras que deben poder lerse con sentido en horizontal e vertical, e mesmo nalgúns casos en diagonal e sentido inverso". A definición pode ser un pouco opaca, pero a BD de exemplo de Ed Subitzky que acompaña ao post o explica perfectamente. Neste caso son son 4 tiras horizontais e 4 tiras verticais, independentes entre si pero ao mesmo tempo interconectadas porque están formadas polas mesmas viñetas. O quid do exercicio é dar atopado cadriños o suficientemente versátiles como para que funcionen con significados diferentes en secuencias distintas. Vai ser como un puzzle no que encaixar as pezas medio a cegas.
Requisitos mínimos para este exercicio titorado: aínda que a estructura habitual de tiras cruzadas é de 4x4 cadros (xa o veredes na documentación que iremos pendurando nos vindeiros días), aceptaremos propostas cun mínimo de 3x3 viñetas (3 tiras horizontais e e tiras verticais de 3 viñetas). Estas deberían ter alomenos 6 lecturas múltiples: 3 horizontais, de esquerda a dereita, e 3 verticiais, de arriba abaixo (no caso dunha estructura 4x4, 8 lecturas; etc.). O autor poderá escoller se engadir novas lecturas a maiores, como diagonais ou inversas, pero non é obligatorio. Os valentes que vos decidades a intentalo, sabede que seredes agasallados con nada menos que 5 puntos, unha das puntuacións máis altas que subiría dunha tacada aos vosos cursus honorum.
E xa só resta recordar os detalles de sempre: tedes un trimestre de prazo para mandárnosla se queredes optar a un punto ecuménico outorgado por votación popular dos participantes; lembrade que podedes empregar a nosa lista de correo para todo tipo de preguntas ou discusións sobre este exercicio, e que os filoexperimentadores aínda non afiliados podedes empregalo coma exercicio de ingreso; e que podedes contribuir no labor de documentación envíandoos BDs que coñezades que cumpran con estas características.
Vita brevis , BD longa!

Sem comentários: