Pode que sexa unha impresión errónea, pero os Donos das Chaves temos a sensación de que ata o momento o exercicio titorado que máis vos interesou foi o palíndromo, quizais polo número de propostas recibidas e a velocidade coa que as realizastes. Por iso imos seguir unha temporadiña propondo exercicios de multi-lectura: xeralmente son moi interesantes, cunha dificultade un pouco maior do habitual, pero paga a pena ver os resultados; e ademais ao pertencer ao canon OuBaPo é doado tirar exemplos do OuPus 3. Como cuarta tarefa comunitaria, escollimos a realización dunha banda circular ou eterna (exercicio creativo 3.5.).
Citando directamente do Grimorio en que consisten os morlaques: "BD dunha páxina na que a tira se dispón de xeito que remata onde empeza, e a última viñeta é ao mesmo tempo a primeira, volvendo así a comezar a secuencia e perpetuándose até o infinito. As viñetas dispóñense normalmente pechando círculos, elipses ou cuadriláteros, pero tamén poden debuxarse estructuras máis ambiciosas como estrelas, corazóns, cintas de Möbius, etc."
O nome orixinal francés (morlaque) vén da expresión "mord-la-queue", que significa "morderse a cola", pois niso mesmo consiste. Como podedes ver no exemplo que ilustra este post, unha BD eterna de Jochen Gerner disposta a xeito de cuadrilátero, a fin empalma co comezo, de xeito que todo é un continuo que se reiterará unha e outra vez. Tematicamente, o autor seica quixo seguir "o ciclo da auga".
A estas alturas xa coñecedes de sobra a mecánica dos exercicios titorados: podedes enviarnos unha copia da vosa proposta ao noso enderezo de correo habitual e nós a penduraremos aquí no blog. Tedes un trimestre de plazo para mandárnosla se queredes optar a un punto ecuménico outorgado por votación popular dos participantes. Ao igual que o palíndromo, este exercicio está valorado en catro puntos que subirían aos vosos cursus honorum dunha tacada se é que decidides facelo (todos os retos titorados son optativos).
Lembrade que podedes empregar a nosa lista de correo para todo tipo de preguntas ou discusións sobre este exercicio, e que os filoexperimentadores aínda non afiliados podedes empregalo coma exercicio de ingreso. Nos vindeiros días penduraremos máis exemplos oubapianos de morlaques, pero calquera pode contribuir neste labor envíandoos BDs que coñeza que cumpran con estas características.
Lembrade tamén que pouco a pouco vaise achegando o momento de outorgar os puntos ecuménicos dos tres anteriores exercicios en común. Concretamente, tendes aínda 50 días para presentardes o orgasmo, 62 para as mimetizacións e 78 para o palíndromo para entrar nos prazos trimestrais e optardes á votación popular.
Vita brevis, BD longa!
Sem comentários:
Enviar um comentário