Algo de visionario tiña Roberto Carlos cando cantaba aquilo de "Yo quiero tener un millón de amigos". Ao que desde Lab·Ou engadiriamos "E así máis forte experimentar". Porque a unión fai a forza. "Todos a una, como en Fuenteovejuna!" Por iso montamos estas celebracións para darlles a benvida aos recén chagados á loxia, porque énchenos de orgullo e satisfacción que todo tipo de persoas en principio en pleno uso das súas facultades mentais se apunten a isto de levar a BD "a onde ningún home endexamais tivo chegado". Especialmente se son completos descoñecidos para nós. Porque iso significa que non son colegas e/ou amigos obrigados polas leis do "quedar ben" ou influenciados polo salvaxe magnetismo e o carisma contaxioso dos coordinadores do invento. Non, se veñen aquí sen referencias e se aventuran a entrar polos seus propios medios é que verdadeiramente lles interesa a investigación gráfica, e non que non souberon resistirse ao charme engaiolante do Mestre Cerralleiro (eses seus olliños de año son irresistíbeis, ese seu sorriso fai devecer) ou que foron sometidos pola hipnotizante dialéctica de servidor (máis pesado ca unha vaca en brazos).
Algo así pasou co novo aprendiz adherido á causa laboureira. Un bo día presentóusenos por aquí un vigués de 27 anos chamado Pablo Leirós, a quen de momento non temos o gusto de tratar en persoa (todo se andará), e nada, a pouco acabou convertido no irmán Sanrei e no 9º pasaxeiro desta nave da 9ª arte. Dádelle un saúdo ao rapaz, que non se nos sinta incómodo agora.
Buscando documentación en internet sobre este recén chegado para presentárvolo en sociedade, pouco hai aínda que contar. Ten participado nunha chea de fanzines e ten gañado unha chea de premios en concursos municipais de BD, mais o meirande mérito deste vigués é ter xa un álbum publicado ás súas costas. Trátase de La Alcorisa que se hizo villa, unha obra de 50 e pico páxinas guionizada por David Braña e debuxada por Leirós, encomendada polo concello de Alcorisa, en Teruel, para celebrar o IV centenario desta vila. Vamos, que Sanrei xa ten unha certa experiencia no medio, non o vaiamos subestimar. Polo demais, de momento non hai moito máis que engadir (home, o rapaz fixo a XXVIII maratón popular de Coia en 2:04:50, pero esa información tampouco é moi pertinente para este blog), pero estamos seguros de que nun futuro próximo Leirós dará moito que falar.
Benvido, irmán Sanrei, a este Laboratorio. Recomendamos a todos os filoexperimentadores que sigan atentos a este weblog, pois nos vindeiros días empezaremos a pendurar cousiñas do noso último illuminati, entre elas o seu exercicio de ingreso e a súa proposta de resolución dun dos nosos exercicios titorados (para que os labouristas máis veteráns non se durman nos loureiros; este, que acaba de chegar, xa vén dando guerra).
Vita brevis, BD longa!
3 comentários:
Bienvenido paisano!!!!!
Muy buenas, caballero, bienvenido, por aquí orbitaremos, deseando ver ya algo de su obra... Si, un placer encontrarse con gente nueva por estos labous de dios...
Y buen día también a los malinelos comunes...
Bienvenido, paisano!!
Enviar um comentário