A tarde do sábado 7 de outubro, pasadas as 5 da tarde, no 5º andar da Casa da Xuventude de Ourense, tivo lugar o 2º exercicio de estilo colectivo desenvolvido polo Lab·Ou, no que participaron todos os membros deste obradoiro e mais outros autores galegos e mesmo cataláns (ola, Manel e Albert!) non afiliados. Nos vindeiros días iremos pendurando pouco a pouco neste blog os marabillosos resultados desta experiencia. Hoxe, comezaremos por explicar para quen non estivo alí en que consistían os desafíos.
O primeiro reto ao que se enfrontaron foi o da cadea aleatoria, unha adaptación dunha performance do OuBaPo Francia realizada en 1998 en Montreuil explicado con todo detalle no noso Grimorio. Os 17 participantes (mi ma, canta xente) sentaron en círculo e fóronlles entregados unha folla de papel con catro viñetas en branco e unha tarxeta do xogo Pictionary con cinco palabras escritas nela. Cada un deles debía debuxar unha viñeta que incluíse algún dos termos da tarxeta que lle correspondía (ben no debuxo, ben no texto, ben no concepto) contra reloxo, nun tempo límite de 15 minutos por cadriño. Rematado o prazo, debía entregar a folla e a tarxeta ao debuxante sentado á súa dereita, que a súa vez tiña que continuar esa tira cunha nova viñeta que incluíse outra nova palabra das que quedaban na carta do Pictionary, no mesmo tempo límite e seguindo o fío argumental do cadriño anterior. Así, ao cabo dunha hora, tiñamos 17 tiras de catro viñetas completamente espontáneas e improvisadas, moi surrealistas e divertidas. E cada un dos participantes obtivo 4 puntos (un por cada viñeta que debuxou) para o seu cursus honorum no Laboratorio. Xa as iredes vendo.
O seguinte exercicio foi o do dobre cego, ideado por Killoffer e Gilles Ciment. Nós escollemos unha páxina dominical de Calvin & Hobbes como BD de base da que partir:
Divertida, verdade? Posteriormente separamos a parte icónica e a textual desta prancha (bendito Photoshop). A uns participantes entregámoslles os debuxos sen texto para que escribisen novos diálogos:
Nos próximos días, iremos pendurando no blog as aportacións de cada participante por separado, tanto os textos coma os debuxos, para posteriormente recombinarmos nós os diálogos novos coas novas imaxes e crearmos novas BDs aleatorias que nada (ou ben pouco) teñan que ver coa páxina orixinal de Calvin.
Vita brevis, BD longa!
Sem comentários:
Enviar um comentário