Un dos labouristas habituais, o irmán Magog (hola, Hugo!), é un primor de rapaz. Ademais de facernos publicidade no seu blog (graciñas; coma nos envíes moitas visitas fágoche o que queiras de agradecemento), déixase ver a miúdo por estes lares e aproveita para evidenciar as miñas múltiples carencias culturais.
No post sobre as BDs interactivas do outro día eu deixaba caer que non coñecía ningunha banda deseñada nacional feita expresamente para ser pendurada en internet e vista desde un ordenador. Afortundadamente para min, nos comments Magog veu sacarme da miña ignorancia amosándome un exemplo que temos bastante perto e que me pasara desapercibido: o do debuxante viveirense Diego Blanco.
Na web de Blanco pódense atopar non só un, senón dous cómics interactivos feitos expresamente para ese formato. O primeiro, Leer, é un experimento curioso e pouco máis, mais o segundo, El caballo tranquilo, é un prodixio da interatividade e da multi-lectura que permite ler varias historias paralelas que se van separando e arrexuntando segundo avanza a narración nun bucle eterno, e que non ten nada que envexar ás obras de McCloud. Todo un achádego.
É unha mágoa que os traballos deste lugués non sexan máis coñecidos. Acaba de saír en Polaqia unha BD súa noviña do trinque, Tanque familiar, e el vén de recibir un dos accésit do Injuve deste ano. Sería unha sorte para nós que decidise unirse a esta pseudo-loxia investigadora.
Sem comentários:
Enviar um comentário