E falando deles, xa temos un novo adepto para a nosa causa: Antonio Seijas, que coma parte do seu ritual de iniciación (unha cerimonia sinxela e pintoresca que inclúe un bautismo simbólico, uncións con diversos fluidos, coros e danzas secretos e un momento de homoerótica confraternización, pero que lamentablemente despois ningún deles lembra pois borrámoslla da memoria en plan Olvídate de mí) escolleu unha nova identidade e un novo nome de irmán, Seijas+, que lle será tatuado na súa pel cun ferro quente.
Este novo acólito seica é o mozo de moda este verán na Galiza por mor de gañar a 2ª edición do Premio Castelao da Deputación de LaCoru coa súa historia Un home feliz (a vez anterior estivera a piques, quedou finalista), o que ademais dun suculento cheque lle supuxo unha exposición no Viñetas desde o Atlántico e a futura publicación da súa obra. Polo que puidemos ver do devandito cómic, estimamos que este extraordinario cabaleiro estará á altura das circunstancias deste colectivo experimentador e que nos abraiará máis dunha vez cos futuros exercicios de estilo que nos irá remitindo. Nos vindeiros días, penduraremos neste blog o seu exercicio de ingreso, unha suxerente BD muda de dúas páxinas.
Benvido, Seijas+, a este Laboratorio. Recomendamos a todos os filoexperimentadores que teñan un pouco de pacienza xa que o mozo anda a construir a súa propia páxina web, mais no entretempo poden conformarse co seu perfil en Myspace, que ten musiquiña e outras cousiñas chulas. Sigan o seu exemplo e afíliense a este colectivo; a pesar do que poian oir por aí, tratarémolos moi ben.
Vita brevis, BD longa!
Sem comentários:
Enviar um comentário