Esta arcana irmandade de almas perdidas e investigadores gráficos vai silenciosamente estendendo os seus tentáculos invisíbeis polos catro puntos cardinais deste gran carallo de sal (Siniestro Total dixit) e mesmo de máis aló (temos un vigués infiltrado habitando na capital deste estado plurinacional). E seguimos avanzando e atopando adeptos no norte, no sur, no leste e no oeste. A nosa última adquisición axudaranos a reforzar posicións no eixo Vigo-Santiago.
Acudiu ata os nosos sagrados salóns o debuxante Hugo Covelo (ignoramos se ten algún vínculo de parentela co tamén comiqueiro Sergio Covelo), que escolleu coma alias polo que ser referido polos seus irmáns loxísticos o de Magog por sonar "así coma ominoso e grandilocuente" (ignoramos se ten algún vínculo de parentela co pobo homónimo que se levantará en batalla contra Israel e traerá a apocalipse bíblica sobre a terra).
Este novo aprendiz é unha térmite: traballa moito, en silencio e apresa, e aínda que ao primeiro ollar a súa obra pode pasar desapercibida, cando se descubre impactan os seus resultados. Coma produtor executivo nas sombras da revista Barsowia, era un dos responsábeis de que esta publicación polaqa vise a luz do día. Soe asociarse con guionistas krakowios para contaren as súas historias, pero a nós case que nos gustan máis as súas BDs en solitario.
Hugo/Magog foi un dos trintaetantos participantes que colaborou no noso cadáver exquisito coruñés, e xa nese cadriño amosou inquedantes coñecementos ocultos que fan que lle teñamos un certo respeto. Sospeitamos que tralos seus debuxos de liña clara agóchase unha certa escuridade, e ese é o tipo de persoas interesantes que buscamos para o noso colectivo.
Benvido, irmán Magog, a este Laboratorio. Recomendamos aos filoexperimentadores que queiran coñecer o seu traballo que visiten o seu espazo na páxina web El mono listo para descubriren exemplos da súa obra pluridisciplinar, e aos que queiran coñecer o rico mundo interior deste artista que non se perdan as opinións e recomendacións comiqueiras que sube periodicamente ao seu weblog Rollo gráfico.
Vita brevis, BD longa!
2 comentários:
Que bonito recebemento! Temía que me obrigarades a poñerme ridículos delantais masóns ou a arremangarme a perneira do pantalón e perrechadas típicas destas ocasións, pero vexo que non foi así.
Coido que teño unha historia vella que podería convalidarme algún exercicio, xa vola mandarei para o voso escrutinio. Polo pronto, ben achados, irmáns.
Ola, irmán Magog! Ti envía o que queiras que para iso estamos... e se te animas participa no orgásmico experimento
Enviar um comentário