Lembrade que cada membro deste Laboratorio pode ir experimentando pola súa conta e ao seu ritmo. O Grimorio presenta de xeito xeral uns sesenta exercicios de estilo que se poden ir facendo cando e como cada quen prefira; dende a coordinación ofreceremos todo tipo de información e documentación para quen as precise. Non obstante, os Donos das Chaves cada semana proporemos un exercicio destacado ou titorado. A súa realización non é obrigatoria, pero sempre tentaremos promover a participación xeral para que a aprendizaxe dos irmáns sexa o máis paralela e colectiva posible. O prazo de entrega destes exercicios será de ata tres meses, ao cabo dos cales os participantes poderán votar o que consideren mellor resolto e así concedérenlle un punto ecuménico.
Para este primeiro exercicio de estilo, escollemos unha proposta en aparencia sinxela, mais non tanto como semella, dentro do epígrafe das metáforas visuais. Citando directamente do Grimorio en que consiste o reto: «Para a representación gráfica de sensacións complexas non perceptíbeis polos sentidos, os debuxantes empregan unha serie de metáforas visuais ou ideogramas codificados (exemplo: amor > corazóns sobre a cabeza; dor > estrelas sobre a cabeza; idea > lámpada iluminándose; sorpresa > signo de admiración; etc.). Pero estes ideogramas ás veces poden ser moi limitados ou poco imaxinativos. Este experimento consiste en propoñer novas formas de representación gráfica para sensacións xa codificadas, e en buscar ideogramas inéditos para realidades aínda non iconizadas».
Máis concretamente, para esta actividade suxerimos aos participantes que creen unha metáfora visual ou un icono para o orgasmo, esa sensación de pracer e felicidade que se acada no punto álxido do coito e que de momento non ten ningún ideograma estandarizado para representala. Nos cómics vense frecuentemente escenas de sexo (especialmente nos porno), pero que saibamos ningún debuxante acuñou nunca unha representación gráfica da sensación orgásmica. O que pedimos non é soamente un debuxo dun semental exaculando esperma ou da cara dunha ninfómana cos ollos entrepechados e a boca entreaberta en pleno gozo: solicitamos expresamente un icono que represente o que lles está a pasar polo maxín ou polos sentidos e que sexa equivalente aos exemplos anteriormente propostos para outras realidades.
Os labouristas poden enviarnos unha viñeta na que amosen o seu ideograma proposto, una tira que desenvolva unha secuencia sexual ata chegar a ese clímax coa metáfora visual inventada ou mesmo unha BD dunha ou varias páxinas que inclúa o icono socilitado nalgures ao noso correo habitual, e periodicamente iremos subindo as súas colaboracións ao noso weblog (a menos que alguén nos indique expresamente o contrario). Por participaren neste exercicio recibirán automaticamente un punto para o seu cursus honorum. Lembramos que o que importa non son os resultados do exercicio, é o feito de improvisar e aprender recursos e técnicas narrativas novas.
Na nosa de lista de correo todos os participantes poden comentar este exercicio: pedir axuda, propor ideas, facer suxestións... Durante toda a semana, dende a coordinación intentaremos ir pendurando no blog (no caso de atopalos) ideogramas de orgasmo propostos por outros artistas tiradas de páxinas de bandas deseñadas xa publicadas. Se alguén quere contribuír neste labor pode enviarnos por correo imaxes escaneadas e os datos da súa procedencia e incluiriámolas.
Animamos os irmáns ordenados e os filoexperimentadores casuais a se animaren a enviarnos as súas propostas. É un exercicio que poden ter resolto nunhas poucas horas e, quen sabe, pode que dende aquí cheguemos a codificar un novo símbolo que se espalle e se estandarice a nivel mundial.
Vita brevis, BD longa!
Sem comentários:
Enviar um comentário