21/09/06

Longa vida ao irmán Cosme

Hoxe non vos imos marear moito antes da presentación dun novo achegado; estes speechs corren o risco de convertérense en clichés como as despedidas para publicidade de Antonio Gassett-Dubois en Días de cine. Os Donos das Chaves só quereriamos darvos as grazas a todos os labouristas que andades espallados polos diversos recunchos de Galiza e o estranxeiro. Pouco a pouco comezamos a recibir máis solicitudes de ingreso e máis convalidacións. A lista de correo e os comments do blog reciben cada vez máis mensaxes. E nós paulatinamente podemos adoptar o rol de meros intermediarios que pretendiamos ser nun principio para deixarvos todo o protagonismo a vós. Isto vai funcionando caralludamente, mozos, e non sería posíbel sen vós.
Pero deixemos as sensiblerías e as autocomplacencias e acheguémonos os uns aos outros e collámonos das mans, coma se fosemos facer un coro de kumbaya, para darlle unha calorosa benvida a este novo adepto da nosa causa. Teño o pracer de anunciarvos que o ourensán Cosme Fernández únese a esta congregación de estudos paralelos e case paranormais. E para despoxarse da súa vida pasada e comezar esta nova etapa investigadora cunha nova identidade, decidiu agocharse tras o pseudónimo de... irmán Cosme. Oh, vaia. Curiosa maneira de xogar ao despiste. En fin.
Cosme é un tío encantador e un narrador gráfico excelente, pero tamén é superinseguro, e por moito que llo digamos non cre que teña o talento que todos lle aseguramos que posúe. Nin sequera ter gañado o 1º premio da 1ª edición do certame Na Vangarda ou o premio á mellor colección de caricaturas do VII Concurso Galego para Caricaturistas Noveis servirán para convencelo dos seus numerosos méritos. Pois nada, é unha magoa pero vivirá sen saber quen ten un don especial para as historias costumistas onde pasan poucas cousas pero acontece de todo, ou un hábil oído para capturar diálogos áxiles e verídicos cunha destreza á altura de mestres como Ivá ou Monteys. Que lle imos facer...
Benvido, irmán Cosme, a este Laboratorio. Recomendamos a todos os filoexperimentadores que se acheguen á Casa da Xuventude de Ourense e nos pidan algunha das poucas copias que aínda quedan do cartel das Xornadas do ano pasado, deseñado cun gusto soberbio polo mesmísimo señor Fernández, que o enmarquen e o penduren na parede do salón ou no despacho. Mellorará o feng-shui da súa vivenda un mil por mil, e subirá varios puntos a media estético-harmónica do seu proxecto de decoración e interiorismo.

6 comentários:

Miguel Porto disse...

Eu xa o teño pendurado da parede do meu cuarto de traballo.

Benvido amigo (e a ver se te conectas o msn máis)

Miguel Porto disse...

Eu xa o teño pendurado da parede do meu cuarto de traballo.

Benvido amigo (e a ver se te conectas o msn máis)

Miguel Porto disse...

Eu xa o teño pendurado da parede do meu cuarto de traballo.

Benvido amigo (e a ver se te conectas o msn máis)

Miguel Porto disse...

Eu xa o teño pendurado da parede do meu cuarto de traballo.

Benvido amigo (e a ver se te conectas o msn máis)

Anónimo disse...

Benvido Cosme

Anónimo disse...

Ola a todos.
Gracias pola reseña aos do nivel branco. Estou encantado.
Superinseguridade? pois eh... bueno, quizais... aínda que...
Un abrazo.

Jaja Porto, telo pendurado na parede ou tes a parede empapelada?