Javier Olivares podería ser definido coma un 'supervivente': un dos poucos membros da xeración dos 80s que segue nisto das BDs, aturou sen resignación a travesía polo deserto que supuxeron os 90s para moitos autores españois e neste novo milenio tamén se lle ve bastante vivo e sen ganas de xubilarse. Nun dossier da revista U calificábano de 'rupturista', e ben mirado tiñan razón. Sempre fixo o que lle petou independentemente do que se levase en cada momento, e quizais por iso foi un dos grandes innovadores do medio, levándoo un pouquiño máis aló en cada historia que producía.É bastante difícil escoller algunha das súas BDs sobre as demais para reseñala nun mísero post; todas son personalísimas e en todas hai, en maior ou menor grao, algo de exploración gráfica: a estructura fixa en Uccello, pintor, a estructura simétrica en Papilio Zelda, a restrición de enfoque con plano fixo en Dr. Jeckyll & Mr. Hyde, a restrición textual na BD muda que fixera para o Comix 2000, e un pouco de todo o anterior na preciosa Canción de María Mortecina.
Pero se por obriga houbese que decidirse por unha única obra, esa sería a serie Cuentos de la estrella legumbre. Con eles Javier inventa un novo xénero, un híbrido entre o cómic e o conto ilustrado. Poderían ser tamén haikus adaptados a BD, e mesmo nalgúns casos greguerías debuxadas. Rompendo fronteiras e revolucionando conceptos en cada nova páxina, Olivares (nalgunhas ocasións só, noutras acompañado de colaboradores coma Berrio, Mauro, Adanti e moitos outros) propuña pequenas biografías de seres inventados, divertidas reflexións metalingüísticas, traxedias en verso, manifestos existenciais e moito máis. Cada historia era un universo, único e irrepetíbel, no que se desafiaban as normas prestablecidas sobre o que debe ser a banda deseñada.
A editora Media Vaca compilou nunha preciosa edición a totalidade destes relatos gráficos de estrelas legumináceas, e en La caja negra (publicado por Glénat) agrúpanse moitas das historias curtas deste autor que andaban espalladas por distintas revistas e fanzines. Dúas lecturas imprescindíbeis dun interesante creador e perpetuo experimentador. E por suposto, as súas páxinas máis recentes as veredes penduradas no seu blog.
Sem comentários:
Enviar um comentário