Max é o pai do cómic alternativo español. A súa evolución coma creador dende o seu primitivo underground ata os seus recentes experimentos de auteur paréceme unha das máis coherentes e brillantes neste país. Porque Max podería terse estancado e seguir facendo hoxe en día historias de Peter Pank (seguramente máis comerciais có seu material actual), ou podería seguir bebendo das fontes da liña clara e do Chaland máis preciosista e ser un superventas dentro do mercado da banda deseñada española. Mais en troques decidiu subsistir grazas á ilustración e poder facer en BD só traballos que lle permitisen avanzar coma artista dacordo á súa sensibilidade. E así, sen présa pero sen pausa, foi pasando das súas coloristas historias mitolóxicas ao seu realismo cru en branco e negro, sen esquecer os relatos oníricos, ata chegar á súa actual etapa Bardín, a máis interesante no plano potencial.
Pero non esquezamos que sempre lle deberemos estar agradecidos a este home por ser o director (canda Pere Joan) de Nosotros somos los muertos, a revista imprescindíbel dos 90, que ademais de permitirlles aos poucos autores indies patrios do momento un oquiño onde publicaren as súas historias, descubriunos a luminarias estranxeiras inéditas ata entón neste país (grazas ao NSLM, moitos vimos por vez primeira a Chris Ware, Lewis Trondheim, David B. ou Julie Doucet, artistas capitais neste momento). Labor de difusor que continuou coas colecións Mediomuerto e Bueno & Raro, e resucitando ao NSLM das súas cinsas nunha interesante 2ª época.
Pero voltemos con Bardín. Para presentalo a quen non o coñeza, remítome a unhas verbas de Pepo Pérez en Con C de arte: "A finales de los noventa, Max también creaba a su personaje Bardín el superrealista, que le ha permitido desde entonces dar rienda suelta a pequeños experimentos alejados de las pretensiones propias de la narrativa tradicional, especialmente las de desarrollar una narración de muchas páginas, algo que le impide su trabajo actual como ilustrador".
O cal foi unha beizón. Porque ao non ter que desenvolver grandes argumentos en moitas páxinas, puido concentrarse en anécdotas máis divertidas e con máis posibilidades narrativas, xa que o importante non era o que se contaba, senón como se contaba. Bardín encaixa coma personaxe comodín que serve tanto para humor gráfico como para reflexións metalingüísticas e teosóficas (a medio camiño entre a escola Bruguera e Chris Ware). Mais tamén son importantes os elementos escenográficos claramente freudianos (eses ollos, eses faros, os budas e deuses mickeymousianos) e o uso da cor.
Na recente escolma de Bardín el superrealista compilada por La Cúpula podemos abraiarnos con todo tipo de exercicios de estilo: hibridacións (Bardín imagina), BD mudas (Homenaje a Buñuel), iteracións icónicas (El cielo sobre Bardín), estructuras fixas (Pesadilla n.º 11, El ruido y la furia), restrición do enfoque (En el parque)... Vamos, todo un catálogo de exploracións que se estivese seguindo o cursus honorum aquí proposto xa o teriamos ascendido de grao e con honores polo seu virtuosismo e a súa imaxinación. Max fai que semelle sinxelo falar do humán e do divino, e cunha narración exquisita. Imprescindíbel.
É tamén absolutamente recoméndabel o caderno autoeditado Bardín baila con la más fea, un soberbio cadáver exquisito (si, non fomos nin os primeiros nin seremos os últimos: nihil novum sub sole) no que Max apáñase para darlle sentido a 78 debuxos cun mesmo motivo, Bardín danzando coa morte, enviados polo mesmo número de autores (españois, europeos e mesmo transoceánicos), converténdoos nunha historia ¡¡¡en verso!!! de ton bergmaniano. Un auténtico tour de force do que sae victorioso e que amosa novos vieiros potenciais nesto da banda deseñada. Todo bedeófilo que presuma de selo debería coñecer minimamente a Max, en especial esta última etapa súa, máis madura, máis sorprendente e vigorosa.
Sem comentários:
Enviar um comentário