26/09/06

O Lab·Ou nas Xornadas de Ourense

Algo fomos dicindo por aí de forma non oficial, pero chegou xa o momento de facelo público. Durante a vindeira edición das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, a tarde do sábado 7 de outubro na Casa da Xuventude, o Laboratorio Galego de BD Experimental vai presentar ao público as súas actividades máis recentes e organizará un novo exercicio de estilo colectivo en directo, seguindo o satisfactorio exemplo do cadáver exquisito coruñés.
Como temos constancia de que a maioría dos membros do obradoiro estaredes presentes en Ourense en calidade de convidados do festival ou de simpatizantes que confirmaron xa a súa presenza, esperamos que moitos de vós vos animedes a participar nestas actividades de experimentación que non obstante non son pechadas e exclusivas: calquera autor non afiliado poderá tomar parte nos exercicios (eso si, que todo o mundo traia as súas propias ferramentas de debuxo).
O programa de actividades aínda non está pechado de todo e preferimos manter o misterio ata o final, pero esperamos que sexa algo áxil e dinámico, que non sobrepase as dúas horas e media de duración. Procuraremos escoller exercicios orixinais, variados e divertidos, nos que primen a improvisación, a espontaneidade e a interacción dos participantes, e sobre todo nos que cada autor poida obter froitos e achados desta experiencia.
Cada participante recibirá como agasallo pola súa colaboración e esforzo un lote de bandas deseñadas e catálogos editados polo Injuve. Todas as BDs resultantes do exercicio colectivo iranse pendurando no noso blog para que o "gran público" poida coñecelas. Se alguén ten algunha dúbida ou precisa máis información, pode poñerse en contacto cos coordinadores a través do correo habitual do Lab·Ou.
Vita brevis, BD longa!

Sem comentários: