28/09/06

Exercicios do Lab·Ou (3): Palíndromo en BD

Despois de dous primeiros exercicios de estilo propostos pola coordinación deste obradoiro que foron un pouco de quecemento (si, vale, todos teñen a súa dificultade, pero no orgasmo só hai que facer unha viñeta e o das mimetizacións é máis de técnica que de romper os miolos matinando), e tras amosaren os labouristas o seu altísimo nivel formal nas convalidacións que nos están a mandar, imos titorar un novo reto algo máis complicado que os anteriores, á altura das vosas tremendas posibilidades, que vos vai obrigar a cavilar un ratiño: agora toca facer unha BD palindrómica (exercicio creativo 3.3.).
Citando directamente do Grimorio en que consisten os palíndromos: "BD simétrica dunha ou varias páxinas que pode lerse do dereito e do revés, empezando pola primeira ou pola derradeira viñeta. Realízase repetindo as viñetas en sentido decrecente a partir da metade da secuencia (sendo esta viñeta a única que non se repite)."
Ex. de esquema: A > B > C > D > E > D > C > B > A.
Lendo a definición pode semellar un pouco complicado, pero creo que ollando para a historia que ilustra este post, obra de Étienne Lécroart, queda bastante claro e exemplificado. Reparade en que a repetición das viñetas é tanto da parte icónica como da textual (os globos din o mesmo), polo que os vosos diálogos teredes que artellalos tendo en conta que moitas do que na primeira volta son preguntas na reiteración serán respostas, e viceversa. Tamén podedes xogar coa posta en páxina para facer curiosas combinacións de cadriños: se as dúas primeiras viñetas creaban un travelling, ao reaparecen en última posición dan lugar a un plano/contraplano.
Aconséllovos traballar con fotocopiadora ou escáner pois facilitaravos moito a tarefa de recombinar as viñetas. Polo demais, xa coñecedes a mecánica dos exercicios titorados: podedes enviarnos unha copia da vosa proposta ao noso enderezo de correo habitual e nós a penduraremos aquí no blog. Tedes un trimestre de plazo para mandárnosla se queredes optar a un punto ecuménico outorgado por votación popular dos participantes. Por certo, este exercicio subiravos nada menos que catro saborosos puntos aos vosos respectivos cursus honorum se é que decidides facelo (todos os retos de multi-lectura reportan altas puntuacións por seren máis complicados que a media habitual).
Lembrade que podedes empregar a nosa lista de correo para todo tipo de preguntas ou discusións sobre este exercicio, e que os filoexperimentadores aínda non afiliados podedes empregalo coma exercicio de ingreso. Nos vindeiros días penduraremos máis exemplos de palíndromos doutros debuxantes (case todos en francés, provintes do OuPus 3; se tedes en xeral problemas con esta lingua, podemos acompañalos de traducións ao galego), e calquera pode contribuir neste labor envíandoos BDs que coñeza que cumpran con estas características.
Vita brevis, BD longa!

Sem comentários: