09/09/06

BDs interactivas en internet

As novas tecnoloxías supoñen unha morea de posibilidades para o medio da banda deseñada. Non me estou só a referir aos cómics online que tanto ten defendido Scott McCloud ultimamente (na súa web tedes varios exemplos feitos por el mesmo), unha modalidade de creación nada popular por estes lares (non me vén á testa ningún exemplo de BD nacional feita expresamente para ser pendurada en internet e vista desde un ordenador; eiquí índa pensamos en papel impreso). Recentemente, mentres me documentaba para este blog, descubrín un invento que aínda que en fase de desenvolvemento pode dar moito de si: as bandas deseñadas interactivas.

Está claro que agora mesmo o ciberespazo ofrece unhas vantaxes coas que de momento o formato libro non pode competir: de dimensións físicas (un cómic pode medir metros e metros lonxitude e só hai que clicar no rato para que o scroll da pantalla avance), de sons e efectos especiais que non se poden transmitir a través do papel, e sobre todo de participación por parte do lector. Vale, si, había unha aventura de Superlópez contra os petisos na que podías decidir o rumbo da trama pasando a unhas páxinas ou a outras, pero foi sobre todo unha excepción anecdótica.

Os interesados neste novo tipo de bandas deberían visitar a páxina web do OuBaPo Multimédia, un proxecto en principio non vencellado diretamente ao colectivo de que toma o nome, que mestura o interese pola BD experimental e os ultimísimos recursos dixitais. Os responsables do asunto, Sylvain Loiseau e Joachim Bréton, seica quixeron explorar as aportacións que podían facerlle á banda deseñada tradicional soportes coma o CD-Rom, a difusión por internet e programas de debuxos vectoriais coma o Flash. Para iso contaron con ferramentas e aplicacións coma a interactividade, os hipertextos, o uso de funcións matemáticas coma a aleatoriedade, a xeración de texto e imaxes, a recuperación de datos en liña...
Neste sitio e coma proba das posibilidades do matrimonio entre o cómic e os multimedia, ofrecen catro módulos interactivos que corresponden a diversos exercicios de estilo oubapianos (e polo tanto labouristas): La route des vacances inspírase no principio de distribución regrada (7.1. no Grimorio) cunha dose de aletoriedade; Robot xoga coa aletoriedade a nivel textual e icónico ao mesmo tempo; Fishbowl story baséase na iteración icónica das viñetas cuns diálogos automaticamente cambiantes; mais o meu favorito é Susie Vs Calvin, un experimento de do it yourself que lle permite ao lector fabricarse a súa propia tira de Calvin e Hobbes partindo de 30 modelos de viñetas distintos nos que se poden escribir os diálogos que un queira (un exemplo deste módulo está a ilustrar este post).
Ademais de para pasar un bo rato xogando con estes inventos, pode que esta web lles sirva aos filoexperimentadores locais que saiban programar para darlles ideas e crearen eles BD interactivas. Outro día seguiremos falando de máis cómics online que andan dispersos pola rede.

5 comentários:

hugo disse...

Diego Blanco fixo un cómic para internet e colgóuno. Tenterei atopalo (está nunha desas direccións gratuítas que ninguén pode lembrar) e vos paso o link. É do estilo de Mac Cloud, pero sigue sendo unha curiosidade.

hugo disse...

Estes son os 2 links para os cómics de Diego:
http://perso.wanadoo.es/stl982560476/c_serie1.html
e tamén:
http://perso.wanadoo.es/stl982560476/c_serie2.html
pero a súa web merece unha visita completa:
http://perso.wanadoo.es/stl982560476/diegoblancos.html

urbanoscar disse...

Moi bo especialmente o segundo, e non tiña nin idea da súa existencia. Moitas grazas polos links. Vou ver se fago un post e os poño de novo para que non lles pasen desapercibidos á xente que non le os comments. Graciñas de novo.

hugo disse...

De nada, home, encantado de salientar o traballo do bó de Diego.

Anónimo disse...
Este comentário foi removido por um gestor do blogue.