02/09/06

Promethea 32: a BD máis experimental do mundo?

Antes de nada, teño que recoñecer a miña confesa devoción por Alan Moore: desde hai anos é o meu guionista favorito. Non só pola variedade temática dos seus relatos e a perfecta compenetración cos seus debuxantes: en cada nova obra sempre intenta revolucionar a linguaxe do cómic experimentando con técnicas narrativas nunca vistas, empregando vellos recursos de maneiras completamente novidosas e procurando un aperturismo ou hibridación con diferentes medios artísticos. Leva xa vinte anos coma estandarte da vangarda no panorama anglosaxón, e alomenos tres traballos seus poderían entrar con pleno dereito no canon de obras mestras da BD. Non sei se é cedo para comezar a campaña para que lle dean o Nóbel de Literatura, pero un Príncipe de Asturias das Letras na miña humilde opinión non llo quita ninguén.

Para moitos lectores, Moore está de capa caída dende que lle deu por iniciar a súa liña ABC de tebeos de superherois. Certo é que a maioría dos produtos que saen baixo ese selo son obras comerciais, lixeiriñas e con menos trascendencia ca un From Hell ou un V de Vendetta. Porén, baixo unha aparenza de superficialidade e indiferenza poden agocharse verdadeiras xoias. Coma a súa serie Promethea, vehículo que emprega para difundir os seus novos ideais místico-máxicos e na que está a acadar unhas cotas de experimentación coa narrativa gráfica nunca antes vistas, superando por momentos á mesmísima Watchmen.
No n.º 12, o da viaxe polo Tarot, xa se podía intuir ata onde podía dar de si Moore no seu papel de preciso reloxeiro, pois nos agasallaba cunha historia circular que se desenvolvía desde a primeira ata a derradeira páxina nunha única secuencia horizontal continua con tres liñas argumentais ao tempo paralelas e ao tempo tanxentes. Unha máquina astutamente engraxada, con momentos de soberbia beleza. Unha proba de que os superherois poden servir para contar historias ben profundas.
Pero que o número que pecha a coleción, o 32 de Promethea, deixa esa road movie cartomántica á altura dun xogo de nenos. A súa estructura é o máis complexo que vin en forma de BD na vida... e non obstante funciona á perfeción. Para empezar, hai dúas maneiras distintas de ler a historia. 1) En forma de cómic de 24 páxinas, tal e coma ven impreso, con algunhas delas ao dereito e outras viradas. 2) Separando as grampas e reordeando as páxinas dacordo coa numeración que as acompaña. Por se fose pouco, se se escolle a segunda opción e se colocan as páxinas en tiras de catro en vertical, os fondos psicotrópicos amosarán dúas imaxes subliminais escondidas e formarán un póster dobre (un por cada cara).
Mais iso non é todo. Unha vez montados os pósters, hai ata 3 maneiras distintas de ler os textos. 1) De xeito lineal, seguindo as direcións habituais de esquerda-dereita e arriba-abaixo. 2) Seguindo a orde proposta para os diálogos, unidos nunha orde particular por frechas dunha cor. 3) Seguindo a orde proposta para os textos de apoio, vencellados tamén por cadeas doutra cor.
O resultado final é unha obra cunha multiplicidade de lecturas endexamais vista. Todos os discursos resultantes das diferentes combinacións están artellados de xeito que ofrecen visións complementarias (pero sutilmente diferenciadas) da mesma idea principal. E visualmente é unha marabilla apreciar o esforzo do artista John H. Williams III e o rotulista Todd Klein por darlle sentido plástico ao poliédrico armazón teórico de Moore. Unha marabilla, un hito da potencialidade neste medio.
Quizais será un pouco arriscado afirmar que o Promethea 32 é a BD máis experimental do mundo (sobre todo cando nos queda aínda tanto por ler). Pero si se pode dicir que é unha das máis orixinais, das máis inquedas, das máis revolucionarias e imaxinativas, das que abren máis porta de cara ao futuro. Algún día a veremos traducida e publicada por estes lares? Oxalá.

7 comentários:

Miguel Porto disse...

Joder, acabas de despertarme unha terrible curiosidade... por certo, estou en Vigo.

urbanoscar disse...

E que realmente para min é un dos mellores tebeos que lin na vida...

E síntoo moitísimo pero non vou poder ir por Vigo esta finde. Espero que ti poidas vir polas Xornadas en outubro

Anónimo disse...

Impresionante colega, deixasme pasmado.

urbanoscar disse...

Se queredes pódovos mandar por correo os pósters escaneados, para que poidades ollar máis de perto toda a estructura do invento. Non será o mesmo que ler o cómic, pero algo é algo.

Anónimo disse...

Ten moi boa pinta, si señor. A min o que me da un pouco de medo é que a xente se perda en experimentacións e ao final aparezan bd que non digan nada, quero dicir que se coide demasiado a forma e se descoide o contido...

Miguel Porto disse...

Oes, pois mandaos a lista de correo se tal...

urbanoscar disse...

Vale, mándoos á lista de Lab·Ou (se alguén está interesado e non é membro, que nos deixe o seu correo para o envío).

Estou dacordo en que a experimentación baleira non ten sentido. Dende aquí non defendemos as pallas mentais per se, só animamos á xente a que se atreva a investigar e a saírse das ríxidas estructuras convencionais, pero cada quén co seu propio estilo e sen renunciar a contar historias.

Creo que as convalidacións de Streotopffer son un claro exemplo de exploración narrativa con contidos (e quen coñeza máis obra do autor, verá que son 100% Porto).