08/09/06

ScrOUBabble!!!

Están tolos estes franceses! Ou ben, son uns xenios estes franceses!
Recentemente recibín por correo o catálago que pedira de L'Association (como son tan independentes que nin páxina web teñen, é a única forma de estares minimamente informado das súas novidades), e namentres botaba unha ollada en plan "sipi, sipi, nopi, sipi..." descubrín un dos lanzamentos máis orixinais e tamén máis arriscados do coletivo experimentador OuBaPo (ben coñecido xa polos lectores habituais deste blog): o ScrOUBabble!

Traducindo directamente e ás présas do catálogo francés: "Un novo produto co selo OuBaPo, este xogo de sociedade xa foi testado con grande éxito polos afiliados de L'Association que o recibiron coma agasallo en 2004."

"Baseado no modelo clásico do Scrabble, as pezas en troques de letras levan viñetas coas que os xogadores deben compoñer tiras cruzadas de BD no taboleiro. As fichas, que sobresaen pola súa excelente fabricación, foron guionizadas por Lécroart [Étienne, o ideólogo deste invento] e debuxadas por Ayroles, Gerner, Killoffer, Lécroart e Menu. Garante alomenos dúas horas de diversión para as longas tardes de inverno."

Dispoñible por tan só 40 €, paréceme unha marabilla de idea e un xenial agasallo, que amosa que a potencialidade da BD non ten que verse só limitada ao formato libro, senón que pode hibridarse con outros medios e realidades. Seguro que moitas tiras aleatorias creadas nas partidas deste xogo son moito máis interesantes narrativamente cá metade da produción mensual de cómics da Marvel. Oxalá do Lab·Ou xurda algún día un experimento a metade de interesante que este.

Para deixarvos co mel nos beizos, unha coda final: unhas cantas imaxes de fichas do ScrOUBabble. Veña, opinade sobre o asunto.







4 comentários:

Cristina disse...

Boas, podédesme comentar datas do xornadas de ourense? e algunha actividad para poñer na axenda do fanzine? (que vai con retraso, pero vai)
gracias

urbanoscar disse...

As Xornadas de BD de Ourense terán lugar do 4 ao 22 de outubro, aínda que a maior parte das actividades concentraránse na fin de semana do 6 ao 8.

Aínda non está pechado de todo o programa, pero de momento temos confirmadas exposicións dos autores Albert Monteys, Manel Fontdevila, Alberto Vázquez (creador do cartel deste ano)e Miguel Porto, do colectivo Polaqia, dos gañadores do Injuve e dos gañadores do concurso Galiza Crea.

Estase a estudar a posibilidade de que o Lab·Ou fixese un experimento colectivo con todos os autores que quixesen participar e que estivesen pola cidade. Mais de momentos non queremos nin podemos adiantar moito máis deste tema.

Manterémosvos informados das últimas novidades a través deste blog, e se nos deixades un correo tentariamos enviarvos puntualmente os nosos comunicados máis recentes.

Cristina disse...

perfect!! embaixadaprusiana@yahoo.es (que boa pinta ten isto... a ver se podemos acercarnos co noso fanzine...)

Cristina disse...

por certo, o Despregable non é un fzn de bd, pero xa temos entrevistado a 3 creadores (e estou esperando polas respostas do 4º)
sorte na organización